Balance da XXXIV Semana da Educación de Pontevedra

Un ano máis a Semana de Educación de Pontevedra, que organizan conxuntamente a CIG-Ensino e a AS-PG, e discurriu entre o 21 e 24 de Setembro, cumpriu as expectativas que nela depositaron o profesorado asistente, e non defraudou

Primeira xornada

A sesión de apertura do curso, que tivo lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra e en diversas rúas da capital, baixo o suxerente título de “Caladiños e quietiños!!: Roteiro didáctico sobre a represión e a resistencia na ditadura en Pontevedra” correu a cargo de Xosé Álvarez Castro, mestre, licenciado en historia, premio Día da Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda; autor de numerosos estudos  e libros sobre a represión así como do blogue Pontevedra nos anos do medo.

“Pepe” Álvarez, tras o éxito editorial de 2013 “Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939)” – xa na súa terceira edición-, levou a cabo unha conferencia de presentación do seu novo traballo, que vén sendo unha continuación da súa anterior publicación, na que afonda en detalles que quedaran sen esclarecer nas súas investigacións, para continuar cos primeiros anos da posguerra na provincia de Pontevedra. O novo libro Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936-1951)” amplía o marco xeográfico estudado a toda a provincia pontevedresa e tamén o temporal, xa que o período investigado remata a principios da década dos cincuenta. Álvarez fixo unha panorámica da represión franquista nas súas diferentes formas mais tamén da resistencia ao réxime, tanto na oposición política, como na fidelidade de mandos militares á legalidade constitucional e, por suposto, a resistencia armada.

Na conferencia, o autor detívose en aspectos curiosos como foron o da represión da masonería, á que pertencían, paradoxicamente, moitas das autoridades civís e militares que formaban parte do bando dos sublevados.

A represión tivo unha faceta económica, materializada nas extorsións, secuestros e saqueos que, disfrazados de persecución política, nalgunhas ocasións obedeceron a intereses persoais, tras os que estaban membros da Falange e Garda Cívica.

As miserias da autarquía económica defendidas polo ditador Franco, nun país acuciado pola fame e a necesidade, non tardarían en saír á luz en forma do estraperlo e a acaparación de produtos de primeira necesidade. O réxime valeuse do sistema da autarquía e as cartillas de racionamento como mecanismo de castigo para desafectos e de premio e recompensa aos sectores afíns.

Na conferencia tamén se dedicou un espazo ao sector da poboación habitualmente invisibilizado na historia, que foi o da muller: aparece a súa actuación tanto como suxeito sobre o que se exerce a represión como participante activo na oposición e a resistencia.

Neste apartado relatou un episodio curioso, producido nas primeiras horas da sublevación militar, na que mulleres obreiras pretenderon “secuestrar” ás esposas e fillas dos militares sublevados para forzalos a desistir de adherirse á rebelión, e que finalizou coa súa liberación, sen máis, en virtude de certa solidariedade feminina.

Non podía rematar a charla, por suposto, sen unha mención á resistencia armada e a oposición política, tanto no aspecto organizativo como nas súas accións, propaganda, desarticulacións sufridas, compoñentes, redes de fugas, a chamada resistencia dispersa, etc.

Xosé Álvarez, para finalizar, explicou cales eran as súas fontes de información, que lle proporcionan un gran rigor documental aos seus traballos: nun labor de anos consultou numerosos arquivos (militares, AGA, CDMH, provinciais, particulares), testemuños persoais dalgúns protagonistas, hemerotecas, bibliografía; especialmente relevante foi a consulta exhaustiva dos fondos xudiciais militares, que son unha fonte de primeira orde debido á implicación militar, tanto na represión tras o golpe como na loita contra a resistencia.

Defendeu a obxectividade que debe acompañar ao historiador, que debe fuxir da simplificación do pasado como uns feitos e protagonistas nos que todo é branco ou negro. Para o autor, os historiadores deben achegar a complexidade, a gradación de grises, pois algúns dos malos non sempre actuaron como malos e algúns dos bos tamén tiveron os seus pecados.

Con posterioridade á conferencia, os asistentes realizaron un paseo guiado polas rúas pontevedresas, deténdose nos lugares de relevancia que o autor mostra no seu libro: os dedicados á represión física e a tortura exercidas pola Falanxe e Garda Civil no antigo cuartel da Praza de Barcelos, o papel da Caeira como lugar onde se consumaban as execucións ou, no caso da resistencia, diversos domicilios do barrio da Moureira onde se agochaba e daba acubillo a persoas buscadas polas autoridades.

Segunda xornada

Baixo o título de “O último barco. Seguindo os pasos de Caldas e Estevez”, a segunda xornada da XXXIV Semana de Educación de Pontevedra tivo lugar na localidade de Moaña. Membros da asociación Illa dos Ratos guiaron aos asistentes a través dun roteiro literario que foi destripando a terceira novela do escritor Domingo Villar, a poucos meses do seu pasamento.

O último barco é unha novela negra, na que os coñecidos policías, o inspector Leo Caldas e o seu axudante Rafael Estévez, investigan a desaparición dunha moza chamada Mónica Andrade, que adoitaba coller a cotío o barco da liña Moaña-Vigo para dirixirse ao seu traballo de profesora de cerámica na Escola de Artes e Oficios da cidade olívica.

Caldas e Estévez realizan múltiples pesquisas para tentar reconstruír os acontecementos que puideron ter lugar no día da desaparición, interrogar ás persoas que gardaban relación coa moza, e achar algun indicio sobre o seu paradoiro.

A partir da estación marítima de Moaña – onde Mónica deixaba a súa bicicleta e collía o barco-, os guías realizaron un percorrido marítimo que nos vai desentrañando a trama da novela e nos dirixe á casiña azul de Mónica e á igrexa de San Xoán de Tirán, -baixo cuxo cemiterio se atopa a misteriosa cova da Lontra, aquela que destrozaba as redes dos mariñeiros- non sen antes pasar pola terraza do bar Marusía na praia do Con – da que Caldas estaba namorado-, os camiños polos que paseaba o inglés Walter Cope – amigo de Mónica-, a praia de Videira ou o Miradoiro da Mona, desde onde se albisca a pedra dos corvos mariños de Andrés o Vaporoso, estrano pescador que se quedou xunto á mesma por estar preto dunha serea.

Terceira xornada

A xornada do 23 de Setembro, titulada “As Desterradas: A  revolta das monxas do mosteiro de Albeos contra a coroa de Castela e o papado” discurriu polas terras pontevedresas de Crecente, a carón do Miño e da vila portuguesa de Melgaço.

A visita conxugou espazos reais e novelados, xa que se trata dun roteiro baseado na obra teatral “As Desterradas”, de Carme Varela – membro da asociación “O Sorriso de Daniel”-, que narra un episodio moi pouco coñecido da historia de Galiza e do papel resiliente das monxas de distintos conventos e mosteiros galegos fronte as imposicións de Castela e o Papado.

Varela foi conducindo os asistentes polos lugares nos que unhas freiras moi concretas, as do mosteiro de San Salvador de Albeos, Crecente, fixeron frente á opresión.

O que até moi pouco era practicamente unha morea de entullos, abandoado durante anos e comesto pola maleza e o lixo, -as ruínas do mosteiro románico benedictino de San Salvador de Albeos- vai pouco a pouco contando, a quen quixer escoitar, a historia dunhas mulleres independentes, que non tiñan que prestar contas a ninguén e que se rebelaron contra un poder para o que resultaban moi incómodas, un poder que lles esixiu na altura do s. XV o abandono do mosteiro e a súa reclusión, xunto as monxas doutros 14 mosteiros bieitos, en San Paio de Antealtares (Compostela), onde, por orde da Coroa, dependerían de Valladolid.

Esta rebelión consistiu nunha grande fuga conxunta, en torno a 1500, aos seus mosteiros de orixe, onde van resistir por dúas décadas ao asedio das autoridades, e ás visitas intimidatorias de bispos e emisarios reais, que urdiron unha serie de acusacións falsas sobre elas, destacando a súa presunta vida licenciosa, desenfreo sexual e apostasía, co afán de facerse coas riquezas patrimoniais destas congregacións, maiores nestas áreas rurais – as Negradas, Pesqueiras, Cova, Ramirás, Trives...- do que os mosteiros masculinos. Todo isto fronte a postura ambigua do Papado que, téndolles dado inicialmente a razón, se deixa finalmente convencer da suposta legalidade das expropiacións.

Trala visita á igrexa de San Paio – a quen se ten por nacido nese lugar-, Carme Varela levou os asistentes até as ruínas do mosteiro, onde explicou as labores de limpeza do monumento, tras un acordo cos actuais propietarios, residentes no estranxeiro. Esta limpeza permítenos acceder a algúns vestíxios que quedan aínda en pé, como unha arcada parcialmente soterrada con un tímpano bifaz esculpido coa figura do Cristo Salvador e unha lápida coa imaxe dunha freira. Tamén o contorno dá mostras do expólio ao que foi sometido se reparamos nas construcións da aldea: arcos esculpidos ou unha pía bautismal para comer os porcos.

Unha vez realizada a visita e as explicacións, o grupo dirixiuse a pé até o cercano Pazo da Fraga, conxunto histórico do século XV integrado por pazo, canastro, eira, muíño, xardín e terreo de tres hectáreas dedicado á viñedo, piñeiral e bosque poboado exclusivamente de árbores autóctonas. Sendo recibidos polas donas do mesmo, mostraron aos asistentes algunhas das dependencias, como a Torre de defensa, que  é a construción máis antiga do Pazo, datada do século  XV e que actualmente alberga a Habitación  Señorial. O resto de estancias que conforman o recinto foron construídas posteriormente e as súas funcións foron as propias dunha casa solariega galega, contando con dormitorios, salóns, lareira, adegas de viño, cortes do gando, hórreo e muíño de auga.

Dado que na obra de teatro as freiras imaxinan unha fuga aos seus dominios en Melgaço, o grupo desprazuse até esa localidade, xa co tempo xusto, para polo menos ver outra pequena xoia, a capela de Nossa Senhora de Orada, fundada en torno ao ano 1245 e, xa que logo, un edificio tardorrománico con algúns elementos góticos, na que destaca a porta norte, coa súa «Árvore da Vida» labrada no tímpano, flanqueado por un grifo e unha harpía.

Cuarta xornada

A derradeira xornada desta Semana de Educación, -a do sábado 24 de Setembro- desenvolveuse polas terras da Baixa Limia, no suroeste de Ourense, lindando coa veciña Portugal, baixo o título “De romanos, visigodos, galegos e portugueses”. Estivo a cargo de dous membros “da casa”, profesores de ensino secundario, como son Iria Aboi Ferradás e F. Xabier Rodríguez Paz.

O traxecto de Pontevedra á nosa parada inicial, o campamento romano de Aquis Querquennis, en Bande, pasa por diversos encoros – Frieira, Castrelo de Miño, as Cunchas e mesmo prolongado até Lindoso- dos cales Iria Aboi nos achegou abundante información. Desde as súas vivencias familiares – mais tamén a partir da súa tese de doutoramento-, realizou un repaso sobre a construción deses encoros, iniciada durante a ditadura franquista, e a repercusión económica e social que estes tiveron para Galicia, o territorio europeo cunha maior relación entre a superficie de auga embalsada e a total. Historias de expropiacións forzosas, de resistencia e contestación social, esmagada polas forzas da orde pública franquistas. Historias de especulación, na que interviñeron persoeiros que acadaron un gran patrimonio económico e mesmo títulos nobiliarios, nos anos da autarquía, primeiro, e do “desarrollismo” dos 60, sempre ao amparo do “Réxime”.

Tamén se trataron as cuestións medioambientais, das cales destaca o encoro das Cunchas e o proceso de contaminación do río Limia como consecuencia da proliferación de granxas porcinas vinculadas a unha ben coñecida cooperativa gandeira.

Finalmente, comprobamos con desolación os testemuños do pasado de Aceredo, aldea de Lobios que foi asolagada nun pasado bastante recente – iniciados os 90-, xa en democracia, vítima de proxectos económicos transfronteirizos, nos que tamén a expropiación dos seus habitantes, tanto no tempo, como nas formas, dá para marcar outro negro capítulo da historia.

Canto á parte da xornada guiada por Xabier Rodríguez, refírese a algúns dos tesouros patrimonias que encerra esta comarca. Logo de achegarnos ao contexto histórico da presenza romana no que hoxe é o sur de Ourense, Rodríguez contounos a historia do campamento romano de Aquis querquennis, cuxa razón de ser non foi outra que a supervisión da construción dunha via, a Via Nova ou Via XVIII, que unía as dúas cidades galaicorromanas de Braga e Astorga a finais do século I e o II da nosa era, dando servizo aos pobos ou civitates galaicos nos tempos dos emperadores Flavios. Descubrimos como era o modo de vida de lexionarios e viaxeiros, que facían parada na mansión viaria -pendente aínda dar moita información para a arqueoloxía- onde atopaban refresco e conforto estes últimos tras duras xornadas de camiño. O xacemento conta cun interesantísimo centro de interpretación, desde o cal un dos guías nos achegou ao campamento para explicarnos “in situ” cada unha das dependencias do mesmo, nestes días completamente á vista, tras o descenso do encoro das Cunchas por mor da seca.

Unha vez rematada a visita, continuamos unha curta viaxe de pouco máis de 2 km, até outra xoia altomedieval: a igrexa visigótica de Santa de Bande, que como se lle dese continuidade histórica ao visto anteriormente, recolle moitos elementos tardorromanos e paleocristiáns reaproveitados no século VIII.

Xa con gañas de recuperar forzas, o grupo se dirixiu ao veciño Portugal onde, percorrendo estreitas pistas de montaña, cunha paisaxe de penedos extraordinaria, fixo parada en Castro Laboreiro, freguesía a 1000 m. de altitude do Concelho de Melgaço. Ali disfrutamos do “cabrito assado” ou o “bacalhao com broa” típicos da zona, e das fermosas vistas da montaña e o val, nun lugar no que se está a promover moito o sendeirismo e o “turismo de habitação”.

De regreso a Galiza, e como estaba previsto, realizamos unha breve visita á igrexa de Santa Maria a Real de Entrimo, posiblemente a gran xoia do barroco churrigueresco no país, de cuxas fachadas Xabier Rodríguez nos foi facendo unha descripción e interpretación, no contexto do que significou o Barroco como estilo artístico da Contrarreforma.

Finalizamos a nosa viaxe retomando da man de Iria Aboi o drama das familias afectadas pola construción de obras hidráulicas para a produción de enerxía, materializado no encoro de Lindoso. De primeira man, comprobamos con desolación os testemuños do pasado de Aceredo, aldea de Lobios que foi asolagada nun pasado bastante recente – iniciados os 90-vítima de proxectos económicos transfronteirizos, para a expotación por parte da empresa portuguesa EDP. A causa da seca, esta aldea de Aceredo – agora á vista- foi ao longo deste verán de 2022 lugar de destino para certo tipo de turismo- movido quizáis polo morbo e o alcance que teñen as redes sociais- ignorando se cadra, e dun xeito frívolo, o drama e as circunstancias nas que os seus habitantes tiveron que abandonar precipitadamente os seus fogares, terras, lembranzas e pasado familiar.

Volver