Bacharelato de adultos: información sobre a Mesa Sectorial do día 6 de xullo de 2009

Mesa sectorial de 6 de xullo de 2009

Información sobre a negociación da Orde pola que se regulan as ensinanzas de bacharelato para persoas adultas pola modalidade presencial na Comunidade Autónoma de Galiza
Negociación na Mesa sectorial da modalidade presencial do Bacharelato de adultos.
MESA SECTORIAL DE 6 DE XULLO DE 2009.
 
 
Orde pola que se regulan as ensinanzas de bacharelato para persoas adultas pola modalidade presencial na Comunidade Autónoma de Galiza.
 
A administración expón que tiñan previsto que o BAC adultos tivese unha continuidade, mais unha serie de situacións leváronlle a presentar unha orde que modifica a estrutura do BAC. Hai unha serie de aspectos que xustifican esa situación, como escritos dos centros en que se recolle a imposibilidade de rematar en dous anos o BAC xa que non poden facelo coa estrutura de bloques en tres anos. Outras razóns son os saltos entre os bloques que levan a que as materias non se impartan de forma consecutiva ou materias que son obxecto de selectividade que non se imparten no terceiro bloque. Por iso propoñen unha estrutura por curso, coa flexibilidade necesaria para os adultos, seis anos para poder rematar. Non afecta á materia de persoal.
 
Alegacións da CIG
 
Cando se discutiu a modificación de 2006 unha das cousas que pedíramos era que se dese a posibilidade de que se puidese facer o bacharelato en dous anos, aínda que sabemos que non é a maioría do alumnado o que o podería facer, a realidade é que a maioría acaba facendo o bacharelato de adultos en varios anos por materias soltas. Hai cousas que seguen na orde que habería que modificar:
 
Artigo 2º. Ámbito de aplicación e autorización de centros.
“2. A dirección xeral de Centros e Recursos Humanos autorizará os centros correspondentes por proposta da dirección xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.”Isto queda excesivamente ambiguo, demandamos que se garanta que vai haber oferta en todos os concellos con máis de 10000 habitantes.
Resposta: Hai que potenciar a educación de adultos, esta é unha orde que pretende só cambiar unha distribución horaria de bloques a cursos. Van facer unha análise profunda da educación de adultos ao longo do curso e redefinir a rede de adultos. Esta non é unha orde para establecer a oferta, se non só para modificar o horario. Hai que analizar a rede, e posibelmente haberá entón que revisar o marco lexislativo.
 
 
Artigo 5º. Horarios.
“1. Os períodos lectivos de cada materia non poderán ser inferiores a cincuenta minutos.
2. As ensinanzas do bacharelato presencial impartiranse, con carácter xeral, entre as dezaseis horas e as vinte e dúas horas trinta minutos, de luns a venres.
3. Para o establecemento do horario teranse en conta as necesidades específicas do alumnado que desexe cursar estas ensinanzas.”
Para nós é unha cuestión fundamental xa que é moi difícil para unha persoa que traballa asistir a un estudo presencial ás 16 horas, débese retomar a franxa de 18 a 23 h, outra cousa son os encaixes que haxa que facer para incluir todas as materias do curso nese horario. Poderíase, por exemplo, definir os períodos lectivos de 45 min e tamén reducir determinadas materias, por exemplo a relixión, porque non ten ningún sentido que se manteña no horario lectivo ordinario no ensino de adultos, se alguén a quere cursar que o faga fóra do horario.
Resposta: . O tema dos horarios é unha cuestión de modelo. Son 32 períodos lectivos, a carga horaria estivo moito tempo en 45 min. e mesmo está así na ESO, toda carga horaria é pouca, mais tamén é certo que os adultos teñen outra responsabilidade. Van axustar o tema, comezar máis tarde e rematar máis cedo, coa posibilidade de manter os 45 min. Sen entrar nunha decisión absoluta, comezar ás 16:30 e rematar un pouco antes.
 
Outra cuestión é que pasa co alumnado que comezou a cursar por bloques, propoñemos que se manteña este sistema para estes alumnos, que vaia desaparecendo de xeito progresivo.
Resposta: Non haberá problemas porque completan coa matrícula por materias até 32 períodos. O que pode presentar problemas é a simultaneidade do bacharelato LOGSE-LOE.
 
Por último, unha materia pendente moi importante e urxente é a ausencia dun ROC, porque o funcionamento destas ensinanzas segue a regulase con circulares.
Resposta: Van traballar nun ROC en xeral para toda a oferta educativa, e por tanto terá unha particularización en adultos.
 
 
Varios prantexados pola CIG:
 
Ø Comisións de conciliación: aínda hoxe non está activada a aplicación para participar e o prazo remata mañá. Toman nota e trasladarán.
Ø Está pendente de traer a esta mesa a oferta de PCPIs para o ano que vén, non sebemos se a oferta vai ser a mesma do ano pasado, o que ademais sería restritivo, pois pode ampliarse, tampouco se sabe que vai pasar co segundo curso. A estas altura é grave non sabelo cando se está programando o curso vindeiro. Resposta: o ano pasado houbo pouca oferta, ten instrucións a inspección para que se oferten todos os PCPI que sexan necesarios e se xustifiquen, como unha medida de atención á diversidade. Non se pode traer á Mesa, porque non o saben. Non saben a oferta de segundo curso porque teñen que solicitalo os alumnos. Cando teñan datos, adiantarase a posición da Consellaría que será que se hai número de alumnos haberá segundo curso nos centros que ofertaron o PCPI, se non nos centros de adultos. 
Ø Outras cousas que terían que ter pasado e non pasaron: a nova oferta das Escolas de Artes, na que suprimen dous talleres en oferta modular en Lugo, con consecuencias laborais, era un tema que tiña que pasar pola mesa e non pasou. Resposta: analízase cos directores das Escolas de artes mirando antecendentes e consecuentes, ou sexa que o falan con quen o teñen que falar, e di que é unha oferta planificada.
Ø Hai inspectores que están informando de modificacións no horario das EOI que van afectar o profesorado e aquí non se tratou. Resposta: non hai ningunha cuestión que afecte ao profesorado. 
Ø Solicitar que se envíen instrucións aos Departamentos territorias para negociar as vanates para provisionais e interinos, que en primaria tiñan que estar publicadas antes do 10 de xullo, é urxente. Reclamamos que se negocien nas Xuntas de Persoal, tal e como é preceptivo, as vacantes a ofertar na adxudicación provisional para o curso que vén tanto en Primaria como en Secundaria.
Ø Parécenos completamente fóra de lugar esta data de negociación, non estamos a negociar un tema que de súpeto sexa urxente ou acabe de xurdir, senón un tema que puido ser debidamente programado. Insistimos en que non se pode estender a negociación a estas datas, pois dalgunha maneira é tratar temas que incumben ao profesorado sen contar con el. Resposta: gustaríalle ter rematado en abril, mais en abril non estaba na Consellaría, ten que ser así. Que o profesorado non estea nos centros non é un motivo… 
Ø Reclamamos que se nos faga chegar o texto definitivo do acordo sobre agrupamentos, é o noso dereito, correspóndenos coñecelo e valoralo, e informar ao profesorado a quen representamos que ten o dereito a coñecer os termos exactos deste acordo.Isto é aínda máis necesario se temos en conta que están sen se aprobar as actas que recollen a negociación deste tema, e mesmo non hai borradores das mesmas.
Ø Volvemos preguntar se a Consellaría vai cumprir a lexislación e retirar o concerto educativo aos centros que incumpren a LOE ao escolarizar alumnso segregados por sexos. Resposta: non é tema desta Dirección xeral, e aínda que o fose non se traería porque non é tema desta mesa, os convenios que se poidan suscribir, non teñen por que informarnos. 
Ø Queremos saber que ten pensado facer a Consellaría coas enquisas que levou adiante sen ter en conta a opinión do profesorado, intentando reprimir os seus dereitos fundamentais, sobrecargando de traballo as direccións dos centros, unha enquisa non lexítima.
Ø Queremos que quede constancia do noso rexeitamento á modificación da gratuidade dos libros de texto, por certo que para isto non se fixo enquisa ningunha. Estamos en contra deste grave retroceso, especialmente nun momento de crise económica, en que ademais se establece un umbral moi baixo. Por outro lado estamos en contra porque entendemos que non vai significar un aforro para a Adminsitración e polo sistema antipedagóxico en que se base, un sistema consumista. O Director Xeral interrómpenos de maneira autoritaria negando o dereito a debater este tema. A CIG fixo constar que baixo ningún criterio vai aceptar reducir o ámbito de negociación desta mesa.

Volver