Avanzan as negociacións na UDC para o recoñecemento dos trienios para investigadores pre e posdoutorais e persoal contratado por proxectos e convenios

A UDC e as organizacións sindicais do PDI neste ámbito dan un impulso á negociación

Logo do bloqueo na Comisión Paritaria (na que están representadas a USC, UDC e UVigo).

No mediodía do 14 de abril mantívose unha xuntanza entre representantes de CIG-Ensino, CCOO, UGT e CSIF da Universidade da Coruña co Xerente, o Vicerreitor de Profesorado e o Secretario da dita Universidade co obxectivo de tratar o tema do recoñecemento da antigüidade das figuras pre e posdoutorais.

No mediodía do 14 de abril mantívose unha xuntanza entre representantes de CIG-Ensino, CCOO, UGT e CSIF da Universidade da Coruña co Xerente, o Vicerreitor de Profesorado e o Secretario da dita Universidade co obxectivo de tratar o tema do recoñecemento da antigüidade das figuras pre e posdoutorais.

Nela transmitiuse que a UDC, unha vez recoñecido na Comisión Paritaria o dereito ao cobro de trienios por parte do colectivo afectado, ten interese en chegar a un acordo coa representación sindical de cara a fixar unha data de efectividade e de aplicación do mesmo, unha medida que beneficiaría a 115 persoas.

Desde a CIG-Ensino amosamos a nosa boa disposición a chegar a un acordo e consideramos a disposición da UDC a negociar un paso adiante moi positivo, logo da incomprensíbel actitude das universidades na reunión da Comisión Paritaria do pasado 8 de abril. 

A proposta dos representantes da UDC consistiu inicialmente en que tanto a data de pagamento (aplicación) como a de recoñecemento (efectividade) fose o 01.01.2022. A CIG-Ensino defendeu que a data de efectividade fose do 01.01.2021 e que, nese caso,  poderiamos aceptar a data de aplicación. 

A UDC presentou unha nova proposta que melloraba a inicial, adiantando a aplicación e a efectividade en 4 meses (01.09.2021), ao que CIG-Ensino respondeu ofertando que a data de efectividade fose 01.04.2021, data do recoñecemento do dereito por parte da Comisión Paritaria do Convenio Colectivo de PDI, na que están presentes as tres universidades galegas. Chegados a este punto quedaron en responder proximamente nunha nova reunión.

Polo resto dos sindicatos, UGT e máis CSIF sumáronse á nosa proposta, quedando pendente a posición definitiva de CCOO. 

Persoal contratado por proxectos e convenios

Así mesmo, tratouse o caso do persoal contratado por proxectos e convenios, para quen a CIG-Ensino tamén demanda a extensión do dereito a percibir trienios. Os representantes da UDC afirmaron que están en disposición de recoñecerlles este dereito e quedou o tema pendente para a próxima reunión, abrindo ademais as negociacións dun modo máis profundo para tratarmos temas relativos á actualización de salarios ou mesmo a revisar as categorías que figuran no acordo actual para este persoal. O Xerente informounos que este colectivo está actualmente composto por 210 persoas.
Os representantes da Universidade optan por deixar fóra desta negociación ao persoal asociado, xa que consideran que na UDC esta figura é unha figura típica, con contrato de traballo fóra da UDC e polo tanto exclúen a este colectivo da negociación, como se recolle expresamente no Convenio Colectivo aplicábel.

Volver