AVA: unha nova rectificación insuficiente da Consellaría

A CIG-Ensino denuncia a ausencia de negociación na Mesa Sectorial e critica que as propostas de atención virtual sexan, ademais de tardías, incompletas e faltas de concreción

A Consellaría de Educación colgou na súa web unha resolución publicada no DOG do 3 de decembro con instrucións para a atención educativa ao alumnado vulnerábel ou convivente con persoas vulnerábeis. O texto non foi negociado coas organizacións sindicais e forma parte das continuas decisións unilaterais dos novos altos cargos da Consellaría, cunha ausencia total de interlocución e negociación coa representación legal do persoal docente. Neste caso, como vén sendo habitual, a norma nace para emendar erros propios da Consellaría e que como CIG denunciamos previamente. Un mínimo comportamento democrático, do que xa ten demostrado carecer o secretario xeral de Educación tanto en etapas previas como nas escasas semanas que leva no cargo, levaría á convocatoria da Mesa Sectorial para tratar esta norma cos sindicatos.

A CIG-Ensino xa criticou, cando se presentou o Plan Virtual, que quedase fóra del o alumnado que estaba en corentena ou contaxiado ou que polo motivo que fose non acudía ao centro sen que se procedese ao peche da aula, creando así a propia Consellaría unha discriminación con este alumnado. Lembremos que o “invento” dos horarios espello só afecta a aulas completas.

O sindicato tamén propuxera a comezos de setembro que se puidesen formar equipos de apoio educativo a distancia co profesorado vulnerábel que solicitase non acudir fisicamente ao seu centro. Coa debida formación previa e coa dotación de medios necesarios, a Xunta podería ter dado un servizo completo de atención educativa on line con ducias de profesoras e profesores de grupos de risco que xa poderían desempeñar estas funcións, como mínimo, desde comezos do mes de outubro.

Con pouco máis de 10 días lectivos para o  final do primeiro trimestre, e coa seguridade de que a norma non se aplicará, no mellor dos casos, até comezos de xaneiro, a resolución é unha rectificación que, como vén sendo habitual na Consellaría, nace dunha reacción ás críticas que desde organizacións como a CIG-Ensino facemos e que hai que enmarcar na incapacidade inicial dos dirixentes da Consellaría para solucionar os problemas aos que se enfronta e na rectificación incompleta logo de quedar ao descuberto a ineficacia das medidas que aproba sen consenso nin debate.

Que agora se abra a posibilidade de crear uns equipos provinciais e se regule unha nova resposta a unha realidade coñecida e denunciada desde o comezo de curso é un novo síntoma da improvisación da Consellaría. 

Vexamos que destaca a CIG-Ensino desta nova norma da Consellaría:

Limitacións na aplicación da Atención virtual ao Alumnado (AVA).

A norma non está pensada para quen ten que permanecer en corentena ou está contaxiado e non se prevé inicialmente unha ausencia das aulas inferior a un mes. Así, o alumnado cunha ausencia inicial de dúas semanas que poidan prorrogarse non sería atendido xa que é preceptivo que “deba permanecer convalecente no seu domicilio por un período superior a un mes”.

Prioridade de atención  polo profesorado do centro.

A norma estipula claramente que a opción inicial de apoio virtual debe ser co profesorado da área ou materia; se isto non é posíbel do equipo docente ou departamento e só cando non exista dispoñibilidade no centro, se tiraría duns equipos provinciais AVA de nova creación. O que non pode darse en ningún caso é unha modificación das condicións de traballo do profesorado que non partan do acordo. Ninguén pode superar as horas lectivas asignadas e xa de por si abusivas (25 en Primaria e 20 en Secundaria). Calquera medida que supere este horario é abertamente ilegal.

Os equipos AVA deberían ter un ámbito inferior ao provincial.

Como máximo deberían responder ás zonas vinculadas ás propias sedes da Inspección Educativa, desdobrando as provincias con máis alumnado e profesorado: A Coruña con Ferrol e Santiago e Pontevedra con Vigo. Cremos que a xestión sería máis eficaz deste xeito. O feito de que exista unha Comisión Provincial de Seguimento (CPS) non implica que o control e seguimento da AVA non se poida facer en ámbitos xeográficos máis reducidos.

Absoluta inconcreción na composición e posta en marcha dos equipos provincias AVA.

Non é de recibo que se diga a estas alturas de curso que este profesorado será “nomeado conforme ás necesidades que se vaian producindo ao longo do curso académico”. Estes equipos de atención virtual xa deberían estar en funcionamento desde hai tempo mais o que non e pode aceptar é que se pretenda que sexan algo que se vaia creando segundo avance o curso. Se son necesario, xa o son agora.

Tampouco se regula a composición dos equipos da ESO. Debería regularse que deben estar dotados cun mínimo profesorado dos diferentes ámbitos sen que en ningún caso un mesmo docente poida atender máis dun ámbito.

Non se entende que se poida indicar, no caso do equipo de Primaria que o profesorado deba contar “coa debida formación psicopedagóxica”. Ou pretenden exixir un perfil determinado e diferente dos actuais, para o cal é preceptivo que se negocie e regule ou hai que partir que o profesorado do corpo de mestres xa conta con esa capacitación. Parece en todo caso ridículo que esa “formación” figure na referencia aos mestres de primaria e non para o corpo de PES. Para a CIG-Ensino este profesorado debe saír, en todo caso, das listas de substitucións coas mesmas condicións que o profesorado que actualmente está en atención educativa domiciliaria.

Moito nos tememos que tendo en conta os prazos e as propias prioridades de ser atendidos polo profesorado xa saturado no propio centro, a existencia destes equipos AVA provinciais vaia ser tardía e moi reducida, se é que chegan a formarse.

 

Volver