Aulas abertas na defensa doutro bacharelato

Compensado, laico e de calidade.

O martes 20 de maio, a proposta de CIG-Ensino, diferentes Institutos de Educación Secundaria de Galiza impartirán clase fóra das aulas para evidenciar o rexeitamento á proposta de Bacharelato presentada pola Consellaría de Educación
Mañá, día 20 de maio, a proposta de CIG-Ensino, diferentes Institutos de Educación Secundaria de Galiza impartirán clase fóra das aulas para evidenciar o rexeitamento á proposta de Bacharelato presentada pola Consellaría de Educación
Aulas abertas
 
Esta acción dá continuidade ás mobilizacións que, desde o 24 de abril, a CIG-Ensino xunto co profesorado afectado está levando a cabo para conseguir que a Consellaría asuma as nosas propostas, co obxecto de que o futuro Bacharelato sexa máis laico, compensado e de maior calidade.
 
A Consellaría está amosando, máis unha vez, a súa verdadeira faciana antidemocrática e autoritaria, pois, a Conselleira, a través da Directora Xeral de Ordenación e Innovación, vén de remitirnos o seguinte escrito: “En resposta á solicitude de entrevista coa conselleira con datas 24 e 30 de abril, infórmolle de que o borrador de decreto de Bacharelato está no proceso de trámite correspondente, despois de pasar polo órganos pertinentes cara á súa posterior remisión ao Consello da Xunta de Galicia, previo á súa publicación”, negándose a recibirnos cunha contestación que se trata máis ben dunha tomadura de pelo que dunha resposta dunha Conselleira.
 
É necesario mudar este decreto porque se fundamenta nunha visión centralista e confesional do sistema educativo, impedindo un desenvolvemento curricular propio. Por iso, coas aulas reivindicativas de mañá, reclamamos:
  • O incremento dunha hora na carga lectiva prevista pola Consellaría nas materias de Filosofía e Cidadanía e Historia, mantendo así a distribución horaria que ten na actualidade, segundo a proposta que se achega.
  • Exiximos un ensino laico, que a materia de relixión estea fóra do horario lectivo ordinario dos centros
  • Reclamamos que todos os centros que dispensen ensinanzas de Bacharelato deben impartir, como mínimo, dúas modalidade e garantir que o alumnado poida cursar calquera materia propia da súa modalidade.
  • Todos os centros que impartan a modalidade de Bacharelato de Ciencias e Tecnoloxía terán que ofertar todas as materias propias da súa modalidade, incluídas Electrotecnia e Tecnoloxía Industrial I e II.
  • Todos os centros ofertarán como optativa Música, tanto en primeiro curso como en segundo, podendo ser cursada nos dous cursos polo alumno/a. Así mesmo, deben incluírse como optativas de oferta obrigatoria nos centros as materias de Historia e Xeografía de Galiza, Historia da Música e unha materia optativa vinculada á Educación Física.
  • Reclamamos a dotación suficiente de profesorado en todos os centros para que o alumnado que non ten que repetir curso completo, non comporte incrementar o número de alumnado por aula que, para nós, non debe exceder de 25 alumnos/as.
 

Volver