enteira

Asinado o XV Convenio colectivo estatal de centros de atención a persoas con discapacidade e as táboas salariais de 2019 a 2021

A CIG-ensino non asinou este XV convenio por involutivo e regresivo, por non dar respostas ás demandas salariais e laborais dos traballadores/as do sector e por carecer de negociación real unha vez máis, asumindo as esmolas dunha patronal impositiva.

O convenio foi asinado polas patronais AEDIS, CECE, ANCEE e EYG e os sindicatos CCOO e UGT.

Desde CIG-ensino por coherencia na nosa acción sindical, referendada polos traballadores/as que representamos, non subscribimos este XV convenio xa que non dá resposta ás nosas reivindicacións tanto no ámbito salarial como no de dereitos laborais. Este XV convenio resulta incluso involutivo e regresivo nalgúns aspectos como a xornada laboral e a antigüidade, pois esta última desaparecerá do convenio e a xornada semanal desregularizarase, significando isto 2 feitos históricos na involución dun convenio. O resto do articulado son adaptacións legais por aplicación de normativa.

Nos salarios, a suba, á parte de discriminatoria (polas diferenzas porcentuais) é insuficiente ao non cubrir a recuperación de poder adquisitivo acumulado perdido desde a sinatura do XIV convenio (lévase acumulado unha perda do 7,5% dende as táboas de 2011 ate 2018; isto nun coidador suporía unha perda de máis de 8.000€, deixados de cobrar nese período, polo que se consolidan estes recortes) e por non conseguir unha cláusula de revisión salarial que garanta o IPC futuro, pois a que introducen consolida a perda de poder adquisitivo nas futuras táboas. Di literal “caso de non chegar a acordo na revisión salarial en 3 meses, aplicarase o 50% do IPC que corresponda ao salario e outro 50% aos niveis de desenvolvemento profesional (NDP que serán dous: N1 eN2)”. Na antigüidade, cobraranse os dous últimos “trienios”, cambiados de nome por terceira vez, e que “envolven” moi ben dicindo que eliminan a avaliación dos CDP, que as % de suba son altas co 7,5% e 5% (pero absorben o CDP que se cobra actualmente ate un 5,6%) e non o fin da antigüidade ao acadar os traballadores/as os 2 próximos NDP, N1 e N2, e a partir de aí non haberá máis “trienios” por antigüidade.

Na xornada, outra involución ao cambiar a xornada máxima semanal por “xornada de referencia semanal”, quedando a mesma ao gusto da patronal. A cambio faise unha redución da xornada anual insignificante, ridícula e insuficiente xa que esta estaba inflada e os traballadores/as demandaban como mínimo o axuste da xornada semanal coa anual (que debería ser, como máximo, de 1700- 1680h. anuais nos centros de emprego e asistenciais, respectivamente). Logo nos centros educativos fanse outras reducións, pero moi lonxe das xornadas que hai no convenio da concertada, coas que se deberían equiparar, como si fan cos incrementos nas táboas salariais por interese das patronais (aplican subas dos PXE no canto de poder negocialas).

Noutros dereitos “negociados”, como permisos e I.T. as melloras ou avances son mínimos, non chegando nin a recuperar os que se tiñan no XIII convenio.

Logo outras reivindicacións, que compartiamos a parte social nas distintas plataformas, quedaron esquecidas en todo o proceso negociador, sendo importantes e demandadas polos nosos representados/as: horas extras, plus de transporte, descansos diarios e semanais, complementos de penosidade e toxicidade, complemento de gratificación por vinculación coa empresa ( cobrar o 7% do salario cada 12 anos na empresa), nocturnidade, turnicidade,…

Para finalizar, no resto do articulado simplemente se fixeron adaptacións legais á normativa actual, non conseguindo nin unha sola mellora significativa, nin tan sequera en melloras sociais (que non tiñan custe económico) como demandabamos na nosa plataforma reivindicativa: a redución de xornada para maiores de 55 anos, melloras nas excedencias, revisións médicas anuais, enfermidades profesionais, roupa de traballo, regulación do voluntariado (así como vacantes, promoción interna, criterios nas reducións de plantillas,…), maior regulación dos contratos laborais para evitar fraudes, limitar a contratación temporal (as subcontratacións e as ETT´S), permisos non retribuídos, diversidade funcional, regulación das infraccións dos empresarios, medidas de igualdade e violencia de xénero…

Por todo o exposto, xunto con outras das reivindicacións históricas da CIG-Ensino como son o eliminar as restricións que se fan no convenio actual para a negociación noutros ámbitos diferentes do estatal, marcando materias concretas que son negociables e outras que non, e que na Comisión Paritaria deben estar  todas as organizacións negociadoras e non só as asinantes do convenio, ademais de que non poden ter funcións que son propiamente de negociación colectiva na mesa, desde CIG-Ensino non imos asinar este XV convenio, pois é máis XIV convenio no seu contido, con mínimas variacións en positivo, e un continente (como envoltorio) moi bonito pero enganoso, que se resume en “pan para hoxe e fame para mañá”. De feito, os nosos delegados/as en representación de todos os seus compañeiros/as, que nos fan maioritarios en Galiza, desbotaron por unanimidade asinar este convenio.

CIG Informa sobre a sinatura do convenio estatal de discapacidade

Documento


Volver