Asinado o acordo que recoñece ao profesorado axudante doutor da USC o dereito a participar na convocatoria de sexenios de investigación

Este acordo, que terá efectos xa na convocatoria de Sexenios de 2021, súmase a outros logros sindicais no recoñecemento de dereitos do PDI laboral, nos que CIG-Ensino está a ter un papel protagonista e impulsor

A USC e os representantes sindicais do PDI da institución asinaron este martes, 23 de novembro, un acordo para o recoñecemento do dereito á avaliación do labor investigador para a percepción do complemento de produtividade investigadora (sexenios de investigación) polo profesorado Axudante Doutor, despois da Mesa de negociación do PDI celebrada o pasado 17 de novembro. Este acordo terá efectos inmediatos (convocatoria de sexenios 2021) e foi conseguido logo de que CIG-Ensino recorrese xudicialmente a decisión das universidades galegas de non convocar a avaliación dos méritos de investigación para o cobro de sexenios do PDI temporal. No fío dese proceso, CIG realizou, en primeiro lugar, un requirimento formal como “procedemento de sometemento de conflito colectivo” para recoñecer este dereito e, en segundo lugar, solicitou unha reunión da Comisión Paritaria do Convenio Colectivo do PDI Laboral do SUG para abordar esta cuestión. Posteriormente, a Comisión Paritaria, reunida o día 12 de novembro, acordou trasladar ao ámbito de cada universidade a negociación deste dereito.

No caso da USC, a mesa de negociación reuniuse o 17 de novembro e chegou a un acordo para recoñecer o dereito a avaliación dos méritos de investigación para o cobro do complemento de produtividade investigadora (sexenios) ao profesorado Axudante Doutor. Este acordo afecta directamente a un total aproximado de 155 axudantes doutores, que van poder participar na convocatoria de sexenios de investigación, que será publicada proximamente pola USC.

No caso das Universidades de Coruña e Vigo estase á espera de que tamén se produzan avances nesta dirección nas respectivas mesas de negociación. No caso concreto da UdC existe algunha singularidade que obrigou a que CIG-Ensino tivese que recorrer pola vía do contencioso-administrativo.

Esta conquista sindical súmase a outros logros acadados previamente nos que a CIG-Ensino ten xogado un papel fundamental, tal e como a inclusión do PDI non permanente (profesorado interino e profesorado axudante doutor) nas convocatorias de quinquenios da USC, o acurtamento do período de espera para poder optar á estabilización (profesorado axudante doutor), a culminación do proceso de estabilización do profesorado interino de longa duración e o recoñecemento de antigüidade (trienios) para o conxunto do persoal investigador.

Porén, non debemos caer na autocompracencia, senon que CIG-Ensino quere insistir, tal e como fixemos reiteradamente na mesa de negociación, en que o noso obxectivo é estender o dereito a todas as figuras de PDI, como recoñece o propio Tribunal Supremo neste ámbito e, polo tanto, continuaremos a loitar para que este dereito se estenda ao conxunto do PDI laboral.

Volver