Asinado na UDC o acordo sindical para o pago de trienios ao persoal investigador

A CIG-Ensino, asinante do acordo, insta á UVigo e á USC a cumprir co acordado na Comisión Paritaria e estender este dereito ao mesmo persoal nas respectivas universidades

Con data do 16 de xuño vén de asinarse formalmente o acordo entre a UDC e as catro organizacións sindicais con representación no Comité de Empresa de PDI Laboral (CIG-Ensino, CSIF, CCOO e UGT) co que se pon fin a unha vella demanda da CIG: o pagamento da antigüidade a unha serie de categorías excluídas deste dereito polas tres universidades galegas.

Falamos por un lado de persoal investigador e persoal investigador en formación vinculado a programas  autonómicos, estatais ou internacionais. É dicir, persoal con contrato predoutoral (FPI, FPU, Xunta) e postdoutoral (Ramón y Cajal, Xunta, Marie Curie, Juan de la Cierva etc) que prestan servizos na UDC. Por outro lado tamén conseguimos incluír neste acordo o persoal investigador con cargo a convenios e proxectos de investigación. Neste caso, a proposta foi adiante xa que unha sentenza do TSXG indica expresamente que o persoal que na UDC se denomina como A1 (persoal investigador doutor) e A2 (persoal investigador en formación) entra dentro do ámbito de aplicación do Convenio Colectivo de PDI.

A medida implica pechar un ciclo de reclamacións, escritos e reunións, tanto a nivel galego como na propia UDC, na que a CIG-Ensino defendeu o dereito de todas estas traballadoras e traballadores a cobrar a antigüidade como o resto do PDI.

Vinculación expresa ao acordo da Comisión Paritaria

Na negociación coa UDC, a CIG-Ensino fixo especial fincapé en que se recoñecese formalmente o dereito a trienios logo da sinatura da acta da reunión da Comisión Paritaria, realizada o 17 de marzo de 2021 e tras a cal as tres universidades, incomprensibelmente, decidiron bloquear o resto das negociacións programadas.

Fica claro que a UVigo e a USC deben dar os pasos obrigados para executar un acordo de idénticas ou similares características que, para a CIG-Ensino, debe levar a que na entrada en vigor do acordo da UDC, todas as universidades asuman o seu compromiso e apliquen este dereito ao conxunto do persoal investigador afectado polo Convenio Colectivo.

TEXTO DO ACORDO ASINADO NA UDC

ACORDO SOBRE O RECOÑECEMENTO DO DEREITO DO PERSOAL INVESTIGADOR DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA A PERCIBIR OS COMPLEMENTOS RETRIBUTIVOS ESTABLECIDOS NOS ARTIGOS 29 E 31 DO II CONVENIO COLECTIVO DO PDI LABORAL DO SUG

Dun lado, a representación sindical do PDI laboral da UDC (CIG, CC.OO., UGT e CSIF)

Da outra, o goberno da UDC (representado polo Xerente e os Vicerreitores de Profesorado e Planificación Docente e de Política Científica, Investigación e Transferencia), en execución do compromiso alcanzado o pasado 17 de marzo de 2021 no seo da Comisión Paritaria do II Convenio Colectivo do PDI laboral do SUG de recoñecemento do dereito do persoal investigador con máis de tres anos de antigüidade a percibir os complementos retributivos establecidos nos artigos 29 e 31 do referido convenio

ACORDAN

  1. Recoñecer o dereito do persoal investigador, e do persoal investigador en formación contratado en réxime laboral pola UDC conforme ao disposto en programas autonómicos, estatais e internacionais, a percibir o complemento de antigüidade a que teñan dereito desde o 1 de xaneiro de 2022, con efectos de 1 de abril de 2021.

  2. Recoñecer o dereito do persoal investigador laboral das categorías A1 e A2, contratado pola UDC a través de convenios e proxectos, a percibir o complemento de antigüidade con data de efectos e aplicación 1 de xaneiro de 2022.

  3. Que os novos convenios e proxectos que asine a UDC desde o día 1 de xaneiro de 2022 inclúan expresamente a cobertura do complemento de antigüidade do persoal ao que se refire a alínea anterior.

 

Volver