Asinado na UDC o acordo para o pagamento da cota patronal a todo o persoal contratado con cargo aos programas Margarita Salas e María Zambrano
Mentres, avanza no Tribunal Supremo o recurso de casación polo mesmo tema interposto pola UVigo, agora con informe favorábel da fiscalía do TS
A universidade da Coruña e a CIG-Ensino veñen de asinar un acordo para que todo o persoal afectado pola sentenza do TSXG gañada polo sindicato, promovida mediante un conflito colectivo, perciba as contías vinculadas coas cotas patronais indebidamente descontadas pola UDC, tal e como denunciou a CIG e confirmou o alto tribunal galego.
A representación do PDI da CIG quere manifestar o seu agrado pola boa disposición da equipa reitoral quen, xa ao pouco de tomar posesión nos seus cargos, mantivera unha reunión cunha representación da CIG-PDI e da dirección do sindicato, comprometéndose naquel momento a buscar unha solución ao conflito que evitara reactivar a vía xudicial.
O texto do acordo recolle expresamente as cuestións fundamentais formuladas pola CIG-Ensino: non excluír a ninguén do cobro e percibir todos os atrasos vinculados coa sentenza no menor prazo posíbel.
Contido completo do acordo asinado, que pecha finalmente o conflito.
A Universidade da Coruña, en cumprimento da sentenza 03562/2023 da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, asume o seu compromiso co pagamento das cotas patronais das persoas contratadas con cargo aos programas Margarita Salas e María Zambrano segundo o seguinte plan:
- Ao longo mes de abril daranse as instrucións necesarias para incorporar o pagamento deste concepto a cargo da UDC nas nóminas vindeiras e para reembolsar os importes que lles foron descontados aos interesados nos meses transcorridos do presente ano. A actualización da nómina e o pago dos atrasos do ano 2024 será na nómina do mes de maio.
- De o permitiren as dispoñibilidades orzamentarias, en 2024 aboaríanse os importes das cotas patronais correspondentes aos anos 2022 e 2023. De non ser posíbel realizar o pagamento no ano 2024, faríase efectivo no primeiro trimestre do ano 2025.
Este compromiso afecta tanto ás persoas que manteñen actualmente un contrato vinculado con eses programas na UDC como a aquelas outras que xa non están contratadas, en cuxo caso recibirán os atrasos correspondentes ao tempo traballado conforme ao plan e prazos arriba mencionados.
Pola súa banda, a representación sindical asinante manifesta a súa conformidade con este acordo, como alternativa a acudir á vía xudicial solicitando a execución da sentenza.
A fiscalía do Tribunal Supremo dálle a razón á CIG e considera axustada a dereito a sentenza do TSXG contra a UVigo polo desconto da cota patronal
A posición da fiscalía do TS foi remitida ás partes (UVigo e CIG-Ensino) no día de onte, 3 de abril. O informe é claro e contundente e desmonta a intención da Universidade de tirar abaixo a sentenza do TSXG, que recoñecía que se vulnerou a lei ao detraer a cota patronal (un 26% do total das retribucións) ás persoas contratadas con cargo a programas Margarita Salas e María Zambrano.
Nas súas conclusións a fiscalía solicita a desestimación do recurso. Falta agardar agora pola sentenza do Supremo que, agardemos, confirme a sentenza do alto tribunal galego.