Asinadas as táboas salariais para 2023 do IX Convenio Colectivo do Ensino non Regrado por debaixo do acordado

A CIG-Ensino non asinou estas táboas salariais miserentas que manteñen a precariedade salarial no sector un ano máis, consolidando e aumentando a perda de poder adquisitivo do persoal traballador.

En pleno mes de xullo, cunha nova imposición e autoritarismo patronal e baixo a permisividade do sindicalismo pactista e entreguista estatal, asináronse as táboas salariais para o ano 2023 do IX Convenio colectivo estatal de ensinanza e formación non regrada. Por parte das patronais asináronas CECAP, CECE e ANCED e pola parte sindical só CCOO (o que dá idea da miseria asinada ao non facelo nin sequera UGT). Desta vez nin se respectou o 5º Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC), do famoso “Pacto Social” entre patronais e CCOO/UGT, que recolle unha suba do 4% para 2023 cunha cláusula de revisión salarial dun máximo do 1% (a aplicar dende xaneiro do ano seguinte e sen retroactividade!).

A CIG-Ensino non asinou estas táboas que manteñen a precariedade salarial no sector un ano máis, consolidando e aumentando a perda de poder adquisitivo do persoal traballador. Nin sequera aseguran cunha cláusula de revisión salarial o IPC-real para 2023 nun convenio do máis precario en salarios, dentro de todos os que hai no sector do ensino.

Unha vez máis vendéronse os/as traballadores/as nas mesas de “negociación” estatais !

 CONDICIÓNS DO ACORDO SALARIAL PARA 2023:

- Suba dun 3,75% dende xaneiro de 2023 a todos os conceptos salariais das táboas. Sen ningún tipo de cláusula de revisión salarial ao final de ano.

- Adaptación ao SMI computando o Complemento de Dedicación aos salarios que queden por debaixo do mínimo dos 15.120€ a cobrar por cada traballador/a. Isto xa é obrigado por lei ao pasar o SMI de 2023 de 1.000€/mes a 1.080€/mes, ou de 14.000€/ano a 15.120€/ano.

- Incremento de 300€/ano para non verse atrapadas polo SMI (esquecéndose de outras) ás categorías: Profesor/a Titular, Profesor/a de Taller, Titulado/a non docente e Educador/a Social.

- Estas míseras subas salariais, esmolas e adaptacións ao SMI a quen corresponda, teñen que abonalas as empresas cos atrasos dende xaneiro, en 2 meses dende a súa publicación no BOE.

VALORACIÓN DO ACORDO POLA CIG-ENSINO E PROPOSTAS FEITAS:

As táboas salariais asinadas, significan consolidar e incluso poder incrementar a perda de poder adquisitivo futura, sabendo que herdabamos perda de poder adquisitivo das táboas anteriores a 2020 (asinando conxelacións), e que no 2021 houbo o 1,5% de suba e no 2022 un 2% de suba (só no salario base), cando os IPC neses anos foron: en 2021 o 6,5% e en 2022 do 5,7%. En total, encareceuse a vida o 12,20% e a suba salarial foi do 3,5%, é dicir, perdeuse un 8,7% de poder adquisitivo.

As subas aplicaranse sobre o salario base, o “CPP” e “Compl. Dedicación”, quedando conxeladas as cantidades dos postos funcionais (director, xefe de estudos,…).

Resulta vergoñento que a traballadores/as tan cualificados/as (mínimo un Grao) como se require, para persoal docente sobre todo, non se lles recoñeza salarialmente, estando case no SMI. Todas as OO.SS esixiamos dignificación dos salarios, con bastante máis porcentaxe de suba para recuperar o poder adquisitivo perdido e ademais garantir a cláusula de revisión salarial ás táboas segundo o IPC; aplicar o SMI ao salario base e non computando o Complemento de dedicación e persoal docente subirlle aos 18.000€ (sobre 1.300€/mes de salario). Concretamente desde a CIG-Ensino acabamos propoñendo unha suba lineal de 100€/mes a cada categoría no salario base, 1.400€/ano, e un 5% de suba ao resto de complementos salariais, que levan anos conxelados, incluídos os de cargo.

Táboas salariais IX Convenio Colectivo de Ensinanza e Formación Non Regrada

Categorías profesionais

ANO 2022

ANO 2023 (3,75%)

Profesor/a titular

15.302,86

16.176,72

Profesor de taller

15.302,86

16.176,72

Profesor/a Auxiliar /Adxunto/a

13.875,36

14.395,69

Profesor Auxiliar “on line”

13.875,36

14.395,69

Instrutor/a ou Experto/a

13.023,41

13.754,40

Educador social

15.302,86

16.176,72

Xefe de Administración

17.318,65

17.968,10

Oficial administrativo 1ª

14.137,13

14.667,27

Oficial administrativo 2ª

13.716,34

14.230,70

Orientador profesional

13.716,34

14.230,70

Prospector de empleo

13.716,34

14.230,70

Auxiliar administrativo

12.683,72

13.754,40

Redactor/a- Corrector/a

12.683,72

13.754,40

Axente comercial

12.683,72

13.754,40

Televendedor

12.683,72

13.754,40

Encargado/a de Almacén

14.142,50

14.672,84

Empregado/a de Servizos Xerais

12.683,72

13.754,40

Auxiliar non docente

12.683,72

13.754,40

Monitor- Animador

12.683,72

13.754,40

Titulado non docente

15.302,86

16.176,72

CPP

431,75

447,94

COMPLEMENTO  DEDICACIÓN (12 meses)

 

 

Ten 50% ou máis de xornada

109,69

113,80

Ten menos do 50% e máis do 25%

54,85

56,91

Ten o 25% ou menos de xornada

33,21

34,46

En vermello as categorías con SMI cos 1365,40€, das 12 pagas mensuais do Compl. Dedicación

Podedes mudar esta actitude sectaria, de pactismo e entreguismo sindical que non vos representa. Afíliate, apoia e participa nas candidaturas da CIG-Ensino no teu centro de traballo!

 

DIGNIFICA AS TÚAS CONDICCIÓNS LABORAIS E SALARIAIS!!

 

CIG-ENSINO, a única forza sindical galega independente, reivindicativa, combativa e participativa.

 

Máis información: https://www.cig-ensino.gal/ensino-non-regulado.html

CIG Informa táboas salariais ensino non regulado

Documento


Volver