
Asina en defensa do período de adaptación en Educación Infantil
Lanzamos unha campaña de sinaturas entre o profesorado na defensa da importancia do período de adaptación
O profesorado abaixo asinante manifesta a súa desconformidade coa modificación proposta pola Consellaría de Educación en canto a deixar nas mans das familias o período de adaptación do alumnado de Educación Infantil que se incorpora por primeira vez ao centro educativo.
No novo centro vai atopar moitas diferenzas co seu medio e ten que adaptarse. Este proceso, que pode variar segundo a crianza de unha a varias semanas é fundamental para establecer tanto as bases dunha boa comunicación familia-escola como para acadar unha óptima integración do alumnado estabelecendo vínculos afectivos coas novas figuras de apego.
É un período onde o profesorado realiza unha fonda avaliación inicial destas crianzas e adopta as medidas mais axeitadas para a mellor inclusión de todo o alumnado.
Non podemos aceptar como profesionais da ensinanza que se nos diga que moitas crianzas xa chegan ao colexio desde as escolas infantís e menos aínda este curso, onde moitas familias optaron polos coidados familiares pola situación derivada da pandemia da Covid 19.
Parécenos improcedente que a Consellaría pretenda que a situación dunha crianza nunha escola infantil de 0 a 3 anos, cunhas ratios alumnado profesorado moito menores, sexa a mesma que a que vai ter nun centro educativo no que hai moito máis alumnado e de maior idade.
O período de adaptación é fundamental polo ben das crianzas e non pode depender, como pretende a Consellaría, da voluntariedade das familias que en moitos casos estarían condicionadas á hora de tomar a decisión de non realizar o período de adaptación polas súas obrigas laborais, os centros educativos non poden ser a solución á conciliación familiar e laboral.
Polo tanto esiximos da Consellaría que modifique a proposta de orde para o calendario escolar 2021/22 no referido ao período de adaptación, tendo en conta os seguintes criterios:
- O período de adaptación debe ser flexíbel no seu horario e duración.
- A decisión sobre o período de adaptación debe corresponderlle ao equipo docente de Infantil coordinado coa equipa directiva e resto do claustro docente.
- A duración máxima non poderá ir máis alá do 30 de setembro.