As Xuntas de Persoal Docente apoian a Folga Xeral do 29 de marzo e piden a retirada da Reforma Laboral

Resolución aprobada xa nas Xuntas de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra

Resolucións das Xuntas de Persoal Docente non Universitaria da Provincia de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, apoiando a Folga Xeral do 29 de marzo e pedindo a retirada da reforma laboral

O goberno do Estado do PP vén de aprobar unha reforma laboral que supón o desmantelamento dos dereitos laborais, conquistados pola clase  traballadora en décadas de loita, para favorecer a parte máis forte nas relacións laborais, o capital.

A reforma causa unha desprotección absoluta á clase traballadora. Provocará un empobrecemento xeral das traballadoras e traballadores e un enriquecemento da minoría máis rica. Traslada diñeiro público do Estado ás empresas nas bonificacións, nas deducións fiscais e no pagamento das indemnizacións por despedimentos, reducindo o gasto en sanidade, ensino, servizos públicos, pensións e prestacións. Estamos ante unha reforma do goberno do PP que supón un saqueo aos dereitos da clase traballadora e vai comportar máis desemprego, aumento da precariedade e  inseguridade no traballo. 

Estamos ante unha reforma que, entre outros recortes nos dereitos laborais, supón:

  • Destruír emprego
  • Facilitar o abaratamento do despedimento.
  • Que as baixas por incapacidade temporal común poidan ser motivo de despedimento.
  • Estabelecer a flexibilidade total na contratación para menores de 30 anos a través do período de proba de un ano. 
  • Modificar a regulación de contratación a tempo parcial para permitir a realización de horas extras. 
  • Privatizar a xestión do desemprego.
  • Restrinxir os dereitos de negociación colectiva.
  • Reforzar o poder empresarial para modificar, unilateralmente, as condicións de traballo. Facilita o descolgue dos convenios e o convenio de empresa ten prioridade absoluta fronte aos sectoriais.

Coa desculpa da crise económica e de combater o déficit e a débeda pública, desde a UE, o BCE e o FMI estase promovendo unha dura política de recortes dos dereitos sociais e laborais e do desmantelamento dos servizos públicos. Así, observamos, por exemplo, como os recortes nos orzamentos do ensino público significan menos profesorado, peor atención educativa e menor calidade do servizo. Trátase, en definitiva, de que os gobernos apliquen as políticas económicas marcadas polos organismos internacionais ao servizo do capital financeiro e das grandes corporacións, eliminando dereitos e empobrecendo, aínda máis, aos que menos teñen para que unha minoría capitalista acumule cada día máis riqueza. 

Amais de demandar  a retirada da reforma laboral, ESIXIMOS :

  • A Negociación Colectiva como marco de protección das condicións de traballo, fronte aos intentos de Iles atribuír ás empresas a capacidade de incumprir de forma unilateral os acordos alcanzados.
  • Defender os servizos públicos e as políticas sociais como piares básicos do Estado do Benestar.
  • Unha reforma fiscal baseada na progresividade fiscal e na defensa dun modelo que grave máis as rendas máis altas, as grandes fortunas, a banca e as grandes empresas.
  • Eliminar os paraísos fiscais.
  • Penalizar os movementos especulativos do capital.
  • Crear unha banca pública.
  • Mellorar o poder adquisitivo dos salarios.
  • Incrementar o investimento público.
  • Mellorar os servizos públicos básicos como o ensino, a saúde ou a asistencia social.
  • Mellorar as prestacións dos sistemas públicos de protección social.
  • Fomentar a economía produtiva fronte á especulativa.
  • Crear empresas públicas en sectores estratéxicos da nosa  economía.

Perante este atraco ao nosos dereitos como clase traballadora, temos que responden de forma contundente. Por iso, facemos un chamamento a todo o profesorado do ensino público a participar na folga xeral, convocada para o día 29 de marzo de 2012.

Volver