As traballadoras/es do Consorcio acordan en Asemblea convocar folga para o próximo día 17 de decembro

A CIG presentará alegacións pola decisión da administración

Os traballadores/as do Consorcio acordaron, na asemblea celebrada o pasado sábado día 12 de decembro, un novo calendario de mobilizacións que foi presentado esta mañá en rolda de prensa. A primeira é a folga convocada para o próximo xoves 17 de decembro, xunto cunha manifestación que partirá da praza do Toural ás 11.30 horas, para denunciar a precariedade laboral que padecen e exixir a inmediata aplicación do convenio, a convocatoria de oposicións, a paralización do proceso de desmantelamento e privatización dos servizos sociais dependentes deste organismo e a paralización dos 61 despedimentos anunciados. Despedimentos que onte mesmo comezaron a ser comunicados.

As traballadoras/es do Consorcio acordan en Asemblea convocar folga para o próximo día 17 de decembro


Os traballadores/as do Consorcio acordaron, na asemblea celebrada o pasado sábado día 12 de decembro, un novo calendario de mobilizacións que foi presentado esta mañá en rolda de prensa. A primeira é a folga convocada para o próximo xoves 17 de decembro, xunto cunha manifestación que partirá da praza do Toural ás 11.30 horas, para denunciar a precariedade laboral que padecen e exixir a inmediata aplicación do convenio, a convocatoria de oposicións, a paralización do proceso de desmantelamento e privatización dos servizos sociais dependentes deste organismo e a paralización dos 61 despedimentos anunciados. Despedimentos que onte mesmo comezaron a ser comunicados.

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar está garantindo a cobertura, sobre todo no rural e para os sectores máis desfavorecidos, de servizos sociais fundamentais posibilitando que non existan discriminacións respecto das zonas urbanas e facilitando o seu acceso a aqueles que máis o necesitan. Porén, tal e como denunciaba o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, o Partido Popular, ten decidido desmantelar estes servizos e camiñar cara a súa progresiva privatización.

Este desmantelamento planificado polo actual goberno está a desenvolverse a través da consellaría de Traballo e Benestar e comezou primeiro cunha campaña de desprestixio dos propios traballadores para xustificar posteriormente a privatización dos seus servizos. Unha privatización para a que xa se deu o primeiro paso tras do anuncio, en propia sede parlamentaria, da explotación, por medio de concesións, de 14 Centros de Día.

Esta decisión terá graves consecuencias, segundo denunciou Louzao, porque non garante un servizo público de calidade, empeora as condicións de traballo e promove a obtención de beneficios para negocios privados, que serán financiados con cartos públicos.

Respecto das condicións de traballo, Louzao lembrou que unha das demandas dos traballadores é a inmediata aplicación do convenio, que xa foi asinado pola propia administración e que permitirá enfrontar a precariedade laboral que padece este colectivo, do peor pagado de toda a administración, con salarios que non chegan aos 800 euros. “Reproduce o convenio único do persoal laboral da Xunta de Galiza e posibilitaría que se incrementaran as súas retribucións”, sinalou o secretario nacional da CIG-Ensino.

Supresión das oposicións

Os representantes dos traballadores tamén denunciaron a decisión que vén de facer pública a consellaría de Traballo, a través do Xerente do Consorcio, de paralizar a convocatoria dunhas oposicións que xa estaban convocadas e mesmo cos tribunais elixidos.

Neste sentido, Anxo Louzao denunciou que preto de 400 traballadores/as se verán afectados por esta decisión porque a convocatoria agora anulada permitiría que pasaran de ser temporais a fixos e de ter contratos en fraude de lei a legalizar a súa situación.

Ao tempo, anunciou que a CIG presentará alegacións no período legalmente previsto aínda que advertiu que non espera que se atendan as súas demandas. Do mesmo xeito alertou de que haberá un informe do Consello Consultivo, composto maioritariamente por membros nomeados polo PP, do que só cabe esperar unha posición favorábel á anulación da convocatoria. Por iso, Louzao xa adiantou que, unha vez esgotado o procedemento, recorrerá aos tribunais para que diriman sobre a legalidade ou non da convocatoria das oposición e tamén respecto da decisión de anulala.

Porén, o secretario nacional de CIG-Ensino lembrou que, hoxe mesmo, tería que terse celebrado a vista polo proceso xudicial que estaba en marcha para decidir se esta convocatoria cumpría todos os requisitos legais. “Xa que está recorrida no xulgado a consellaría debería ter esperado a que a xustiza determinara se a convocatoria é legal ou non. No canto de agardar, o que fixo foi solicitar a súa paralización anunciando que xa iniciara o proceso de anulación. Non quere sequera que se celebre ese xuízo, por se os tribunais ditaminan que non había ningunha ilegalidade”, explicou Louzao.

Xunto a isto, anunciouse que xa se comezaron a recibir as comunicacións por escrito polas que se fan efectivos os 61 despedimentos anunciados.

Mobilizacións

Ante esta situación, na asemblea celebrada o pasado 12 de decembro, as traballadoras e traballadores acordaron, alén da folga e manifestación prevista para este xoves, día 17, unha concentración ás 19 horas do venres 18, coincidindo coa inauguración do 25 Aniversario dos Servizos Sociais no Rural, acto ao que ten previsto asistir a conselleira de Traballo e Benestar.

O luns 21 de decembro entregaranse as sinaturas na consellaría e xa en xaneiro de 2010, o día 19 está prevista unha nova convocatoria de folga e manifestación con saída, novamente da praza do Toural, en Compostela.

Estas mobilizacións culminarán cunha manifestación de apoio social o sábado 30 de xaneiro, tamén en Compostela.

Unha represión que se materializa mesmo na ameaza de despedimento caso de que se empregue a roupa de traballo nas mobilizacións ou na imposibilidade de remitir correos electrónicos á CIG para consultar ou denunciar as súas condicións laborais.

A Consellaría propón os mesmos servizos mínimos que a folga do 24 de novembro

Respecto das convocatorias de folga, o secretario nacional de CIG-Ensino lembrou os servizos mínimos abusivos impostos pola consellaría para a anterior convocatoria de folga augurando a imposición duns servizos mínimos similares para esta nova convocatoria. Por iso denunciou a actitude “ditatorial e represiva” do novo xerente, que “conculca a diario os dereitos sindicais e laborais das traballadoras e traballadores”. 
Na negociación destes servizos mínimos a Consellaría volveu repetir a mesma proposta que a vez pasada.

Secretaría de Prensa da CIG

Volver