As traballadoras das escolas infantís municipais da Coruña volven á rúa para demandar feitos concretos

Reclaman que se cumpra o recollido na moción aprobada polo pleno do pasado 10 de abril

As traballadoras da rede de escolas infantís municipais do Concello da Coruña concentráronse esta tarde no Obelisco para reclamar “feitos concretos” no cumprimento da moción aprobada no pleno do pasado 10 de abril. Salientan que, entre outras cuestións, o texto recolle o compromiso do Concello de elaborar á maior brevidade uns novos pregos que supoñan unha mellora no servizo educativo e asistencial, así como das condicións salariais, laborais e do calendario escolar.

As traballadoras, as delegadas de persoal e a CIG-Ensino agradecen o traballo feito polos distintos grupos municipais que levou a aprobación desta moción, “pero agora isto ten que traducirse en realidade, pois non imos deixar de loitar e mobilizarnos para que estes acordos se acaden e a etapa do 0-3 e as condición das súas traballadoras se dignifiquen o antes posíbel”.

O colectivo exixe feitos porque “xa transcorreu máis dun mes da aprobación da moción no pleno e máis de dous meses sen presentarlles o Concello o informe xurídico  para poder aplicar as táboas A) do novo convenio estatal e un complemento salarial dende que rematen os pregos en agosto de 2025, no caso de prorrogarse un ano os actuais”. Porén, a CIG-Ensino critica que non se chamou a unha reunión ao persoal para concretar prazos e avanzar na moción aprobada, nin se mandou o informe xurídico “para sabermos se é preceptivo ou non cobrar esas táboas A) e complemento a partires de agosto”.

No caso de ser desestimatorio ese informe, “entendemos que os pregos terían que ser denunciados nos dous meses antes do seu remate en agosto (o límite sería xuño e xa está aí), para así aplicar mínimo as táboas A) dende setembro de 2025, tal e como recolle o XIII convenio estatal, e logo o resto xa se traballaría nos novos pregos”, apunta Henrique García, representante da CIG-Ensino.

Esforzo reivindicativo

Subliña que as demandas das traballadoras foron escoitadas e atendidas en pleno grazas ao enorme traballo e o esforzo reivindicativo e mobilizador do persoal das escolas. No pleno de abril, engade, “por fin se puxo sobre a mesa a situación de precariedade da Rede de Escolas Infantís Municipais da Coruña (REIM) e as solucións á mesma cunha moción aprobada polo BNG e o PSOE. Agora só falta que se cumpra, pois sabemos que non é vinculante, polo que esiximos que se pase aos feitos”.

Lembra que o Grupo Municipal do PP presentou unha moción na que se expoñían “algunhas das reivindicacións que levan as traballadoras anos facendo”, e que o Grupo Municipal do BNG xunto co do PSOE presentaron unha emenda transaccional de substitución para completar a moción anterior e todas as reivindicacións do persoal. Esta emenda, aprobada por BNG e PSOE, recolle os seguintes acordos:

1º- Compromiso por parte do Goberno municipal de iniciar á maior brevidade a elaboración duns novos pregos de licitación que supoñan unha mellora no servizo educativo e asistencial, así como das condicións salariais, laborais e do calendario escolar das traballadoras.

2º- Instar a Xunta de Galiza a unha inmediata redución das ratios.

3º- Instar a Xunta de Galiza a que defina fórmulas de apoio económico que permitan a contratación de persoal técnico específico para dar resposta ao alumnado con necesidades educativas especiais.

4º- Instar a Xunta de Galiza a cesar e corrixir a discriminación que está a prexudicar gravemente as escolas infantís de titularidade pública fronte ás escolas privadas, provocada polas diferentes liñas de subvención, así como a actualizar a cantidade esixida ás escolas por tarifa de comedor.

5º- Garantir a parella educativa.

6º- Escoitar as educadoras e o resto do persoal das escolas infantís á hora de establecer os horarios e o calendario escolar.

Neste contexto, a CIG-Ensino fai un chamamento a todo o persoal traballador das oito escolas a unirse e participar nas propostas concretas a reivindicar e defender, “así como a seguir na loita se non vemos avances e nos seguen a dar largas dende a Concellaría de Educación, co edil Juan Borrego á cabeza”.

Volver