
As traballadoras das Escolas Infantís municipais da Coruña animan á comunidade educativa a apoiar as súas reivindicacións laborais, salariais e mellorar a atención ás crianzas de 0 a 3 anos
Nova concentración, o martes 25 ás 18:30, diante do Concello
As traballadoras da rede de escolas infantís municipais da Coruña estiveron a pasada semana a desenvolver un intenso reparto de folletos informativos entre as familias das crianzas para darlles a coñecer as súas reivindicacións laborais, salariais e pola mellora da calidade educativa. As traballadoras fan tamén un chamamento por carta dirixido a toda a comunidade educativa para que apoien estas xustas demandas e participen na concentración convocada para mañán martes, 25 de febreiro, ás 18:30h en María Pita.

Entre o 18 e o 23 de febreiro, e baixo o lema "Por un 0-3 de calidade e un salario digno", un grupo de traballadoras visitaron as oito escolas: Roseiras, Cativos, Caracola, Luís Seoane, Montealto, Arela, Carricanta e Agra do Orzán; facendo un reparto informativo entre as 8:30h e as 9:30h.coincidindo coas entradas nas escolas.
As traballadoras subliñan que teñen uns salarios precarios no SMI "que fan difícil chegar a fin de mes", e que padecen unha sobrecarga de traballo insostíbel a causa das elevadas ratios estabelecidas para os centros 0-3 anos e a responsabilidade que exixe esta profesión. Denuncian tamén que o 100% da súa xornada é de atención directa ao alumnado polo que non dispoñen de tempo para reunións, preparación, organización e formacións e que ademais hai unha enorme carencia de recursos para o alumnado con necesidades educativas especiais.
"As traballadoras da rede de escolas infantís merecemos exercer a nosa profesión en condicións dignas, e as nenas e nenos teñen dereito a escolas de calidade que garantan unha mellor atención e coidados", aseveran. Por iso, reclámanlle ao Concello da Coruña, que ten privatizada a xestión destes centros, solucións inmediatas "e o compromiso por unha educación de calidade na etapa 0-3", máis cando o concelleiro de educación, Juan Borrego, se comprometera en 2024 a abrir negociacións e agora desdise dende o bunquer de Mª Pita.