
A patronal da ensinanza concertada mantense na negativa a asinar as táboas salariais dos anos 2023 e 2024 incumprindo o VII convenio actual do sector e dous R.D.Leis cos que se lle incrementaron os módulos do concerto
A CIG-Ensino xunto coas demais organizacións sindicais denunciamos nun comunicado conxunto dita actitude patronal irresponsable e que ven a darnos a razón de que a solución pasa por negociarmos nun marco galego de relacións laborais
Na mesa do martes 17 de setembro, as patronais da ensinanza concertada, unha vez máis e xa van moitas mesas perdidas, negáronse a asinar pola súa banda as táboas salariais para 2023, e negociar as de 2024, incumprindo non só o actual convenio, senón tamén Reais Decretos Lei que recoñecen a subida do 0,5% aprobada en outubro de 2023 e outro 0,5% aprobado en febreiro de 2024, para que poidan cobralo as categorías máis precarias salarialmente e que lles corresponde ás patronais aboar, como son o PAS, persoal complementario e docentes sen pago delegado. Ademais están pendentes tamén de asinar as táboas de 2023 dos docentes en pago delegado no que se refire ao incremento salarial do 2,5% aprobado nos orzamentos xerais do estado (PXE) para ese ano, máis os incrementos dos dous 0,5% incrementados nos módulos do concerto.
As organizacións patronais comezaron a reunión propoñendo a firma das táboas salariais para o pago delegado do ano 2023 ao confirmarse que xa se aboaran en todas as CCAA . Doutra banda, propuxeron derivar á negociación do 2024 a solución ao incremento adicional para o PAS e niveis non concertados e que, nos niveis concertados, supuxo en 2023 un 1% máis nos seus salarios. As patronais informaron que o Ministerio de Educación comunicoulles que os módulos 2024 publicaranse no mes de outubro e, no momento en que se coñezan os incrementos das partidas, poderase empezar a negociar as táboas salariais de 2024.
As organizacións sindicais manifestamos:
Que se fixo depender a firma das táboas salariais en pago delegado para 2023 ata que todas as Comunidades Autónomas aboaron xa os salarios. Este procedemento seguido polas patronais é claramente contrario á negociación colectiva.
Reiterouse en moitas ocasións pola nosa banda, a necesidade de resolver a perda do 1% de 2023 para o PAS e os niveis non concertados e agora dísenos que a posible solución, sen concretar proposta algunha, derívase á negociación das táboas salariais do 2024.
Tampouco se nos aclarou a situación do SMI e do complemento do trienio de determinadas categorías profesionais do PAS que xa foi pactado o ano pasado e anteriores.
Doutra banda, o incremento dos módulos para 2024 é un dato coñecido polo que a negociación pode comezarse xa.
Finalmente, as organizacións sindicais pedimos ás patronais, a convocatoria dunha próxima reunión o máis axiña posible para:
- Asinar as táboas salariais de pago delegado para 2023, que na Galiza xa se están aboando dende as publicacións tanto dos PXE coma dos R.D. Leis.
- Solucionar a situación xerada polo SMI. Esixiremos pola CIG, que sexa na liña de que os salarios base máis baixos se equiparen ao SMI e non absorban complementos coma nos últimos acordos salariais asinados.
- Coñecer a proposta concreta das patronais que permita recuperar o 1% do 2023 para o PAS e niveis non concertados. Pola CIG esixiremos os atrasos correspondentes.
- Comezar a negociación das táboas salariais 2024 con propostas concretas tanto para o pago delegado como para o PAS e niveis non concertados. A CIG esixirá incrementos que recuperen poder adquisitivo perdido e non o sigan a incrementar.
Dende a CIG-Ensino non somos asinantes deste convenio, nin dos acordos salariais miserentos das demais OO.SS coas patronais nin coa administración, pois sempre reivindicamos maiores subas salariais, de recuperación de poder adquisitivo, así como que haxa negociacións reais nestas mesas e non só reproducir nas táboas o que aproba o goberno, que xa é de obrigado cumprimento e de mínimos. Aínda así, compartimos este comunicado conxunto cos sindicatos estatais maioritarios, para que se cumpran estes mínimos cos traballadores/as aos que representamos, para dar resposta sindical a este despropósito e irresponsabilidade das patronais e para que academos nun futurounha reivindicación histórica da CIG, de levar estas negociacións a marcos autonómicos de relacións laborais que é onde se teñen as competencias. Seguiremos pelexando por esta vía dun futuro convenio galego no sector e porque a presión social e a loita son o único camiño.