
As organizacións sindicais con representación no ensino concertado, entre as que está a CIG-Ensino, inician unha campaña para reclamar os dereitos recortados ao profesorado
A campaña comeza por unha recollida de sinaturas que se pode asinar por internet
Debemos lembrar á Consellería e á opinión pública en xeral que aos traballadores do ensino concertado non se lles recortou unha paga extra, senón que o recorte salarial do 4’5% mantívose desde o 2012 ata hoxe, o que supón a minoración dunha cantidade mínima de 3.500’64€ ou 4.098’64€ segundo a etapa educativa. Pero ademais este recorte acumúlase ao 5% xa recortado no 2011 e ao incumprimento pola Administración en 2010 dun Acordo autonómico que supuña 45€ mensuais por xornada completa e a revalorización do complemento retributivo autonómico nun 2%.
Ademais disto cabe destacar que somos a ÚNICA Comunidade autónoma na que nin se está a aboar a paga extraordinaria de antigüidade na empresa nin existe un Acordo para o aboamento, que está a ser bloqueado pola Administración a pesar de ser un concepto salarial recollido no convenio.
Tampouco, desde o ano 2009 existe ningún acordo de mantemento de emprego que permita a recolocación dos traballadores cando se perde o concerto dalgunha unidade.
Por todo isto, esiximos ao Goberno autonómico:
- A devolución da parte do salario recortado e a RESTAURACIÓN do salario que percibiamos en 2010.
- Un novo Acordo de Mantemento de Emprego.
- Un Acordo para o aboamento da paga de antigüidade na empresa