As federacións da área pública da CIG anuncian mobilizacións contra os orzamentos da Xunta e do Estado

Convocan concentracións “En defensa dos salarios, do emprego e dos servizos públicos”, o martes día 21 ás 11:30 horas diante do parlamento de Galiza, e o mércores 22 na Delegación do Goberno

As federacións da área pública da CIG manifestaron, en rolda de prensa, o seu rotundo rexeitamento ás medidas anunciadas tanto polo goberno español, como pola Xunta de Galiza, para enfrontar a crise económica. Por iso anunciaron a convocatoria de novas mobilizacións que terán lugar os días 21 de decembro, ás 11:30 h diante do Parlamento de Galiza, en Compostela, e 22 de decembro diante da Delegación do Goberno en Galiza, na Coruña, á mesma hora, baixo o lema “En defensa dos salarios, do emprego e dos servizos públicos”. O propio secretario xeral, Suso Seixo, denunciou os recortes orzamentarios previstos e exixiu o incremento dos investimentos de carácter produtivo e do gasto social, imprescindíbeis para contribuír a reactivar a economía, xerar emprego e mellorar a calidade de vida dos cidadáns.
a rolda de prensa -na que estiveron os secretarios nacionais das federacións de Ensino, Anxo Louzao e de Administración Pública, María Carme López Santamariña xunto co representante da executiva de CIG-Saúde, Xan Ramón Fernández Cid-, o secretario xeral da CIG denunciou a actitude do presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijóo, de quen dixo que “culpabiliza á administración central pero as súas políticas non só inciden nesas condutas senón que son peores”. Neste sentido, López Santamariña lembrou as sucesivas conxelacións salariais que sufriron os empregados e empregadas públicos/as; as reiteradas subas por debaixo do IPC; a rebaixa salarial que se lles aplicou neste último ano; a conxelación prevista para 2011; os recortes de postos de traballo e a destrución de emprego público, que xa se materializou na privatización de servizos públicos coa eufemística fórmula de ‘externalización’ de servizos; a privatización de comedores escolares, a prevista privatización de centos asistenciais, como o Santiago Apóstol, da Coruña ou San Pedro de Leixa, en Ferrol e mesmo a presentación do primeiro ERE nunha administración pública, como o que vai afectar a 114 veterinarios de SEAGA. A secretaria nacional de CIG-Administración criticou ademais a imposición dunhas taxas de reposición dun 10% como máximo e a entrada, por vez primeira neste sector das ETTs. Respecto das taxas de reposición, o secretario nacional de CIG-Ensino denunciou que, por vez primeira se impón esta medida no ensino público e criticou que a redución orzamentaria prevista supera os 160 millóns de euros mentres se destinan 250 millóns de euros para o ensino privado. “Isto vai supor un recorte do profesorado nos centros e da calidade do ensino, que non contará con medios para facer fronte á atención á diversidade ou ao fracaso escolar”. Neste sentido, Louzao afirmou que “non se poñen os medios nin os recursos para abordar a problemática do fracaso escolar” e alertou dun progresivo proceso de privatización do ensino, polo que considera que aposta este goberno. Pola súa banda, Xan Ramón Fernández Cid denunciou que os orzamentos para 2011 consolidan a merma do orzamento en materia sanitaria, que xa se iniciara cos orzamentos deste ano. Unha situación que “precarizará as condicións de traballo do persoal da sanidade pública” e que abre a porta a un proceso de privatización do noso sistema sanitario. Fernández Cid lembrou as fórmulas de financiamento privado para a construción de hospitais e centros de saúde xa aprobadas, como é o caso do novo hospital de Vigo e que conleva a privatización de moitos dos servizos que se prestaban até o de agora desde o sistema público, ademais de denunciar que “a empresa privada terá a concesión da xestión por un período mínimo de 20 anos”. Outro dos problemas que puxo de manifesto foi a merma na contratación, que “empeorará a atención tanto en Atención Primaria como en Atención Especializada” e a paralización do Plan Mellora, que estaba acordado co bipartito e que foi paralizado coa chegada do PP á Xunta de Galiza.

Volver