As catro Xuntas de Persoal Docente de Centros Públicos Non Universitarios acordan apoiar a folga xeral do 14

Representan a máis de 32.000 docentes

As Xuntas de Persoal Docente de centros públicos non universitarios das catro provincias acordaron hoxe secundar a folga xeral do próximo mércores 14 de novembro. No interior da nova podes consultar o texto do acordo aprobado polos plenos das Xuntas de Persoal que representan a máis de 32.000 docentes.

O vindeiro 14 de novembro está convocada unha folga xeral por varias organizacións sindicais. A folga, de ámbito europeo, quere denunciar a política de recortes que sufrimos as traballadoras e os traballadores galegos, políticas que veñen decididas desde o BCE e a Comisión Europea e o PP, na medida en que coinciden cos seus presupostos ideolóxicos, está a levar adiante con toda dureza.


É máis necesario que nunca continuar coa dinámica mobilizadora e dar unha resposta contundente coa convocatoria da folga xeral o 14 de novembro para forzar aos gobernos a facer políticas distintas, que garantan que imos saír da crise favorecendo os intereses da clase traballadora.


A cidadanía galega non deu un apoio maioritario ao PP na Xunta de Galiza. Tan só un 25 % da poboación apoiou o seu proxecto político. Cómpre lembrarlle ao PP que perdeu apoio e o seguirá perdendo, e que estas non son as políticas axeitadas para saír da crise.


As políticas seguidas até agora deron lugar en Galicia ao incremento do número de persoas desempregadas acadando os maiores índices de desemprego da nosa historia, preto de 300.000 persoas desempregadas, ao que hai que lle sumar os miles de mozos e mozas que deben seguir o camiño da emigración ao non atopar un emprego digno no noso país.


Os servizos públicos son dos sectores máis afectados pola política de recortes. O ensino público galego sufriu unha redución orzamentaria de 425 millóns de euros. Os recortes provocaron a supresión de centos de unidades nestes anos, a imposición dunha taxa de reposición do 10% que nin sequera se aplicou en 2012 ao non se realizar oferta de emprego público e a redución de 2500 profesores e profesoras. A isto hai que sumar o incremento do horario lectivo do profesorado, que repercute na merma da calidade do ensino, porque redunda nunha menor dedicación a actividades como a titoría do alumnado, a atención aos pais e nais, atención á biblioteca escolar…; a supresión da paga extra, a perda dun 20% do poder adquisitivo con respecto a 2009, a penalización salarial das baixas médicas, o incremento das rateos, a non cobertura das baixas do profesorado, a redución da oferta de Bacharelato e da implantación da FP, a redución drástica das bolsas e axudas ao estudio tanto na contía como en número, o incremento das taxas universitarias e diminución dos programas de I+D+i.


O anteproxecto da LOMCE aprobado polo Goberno sen debate democrático, ademais de non contemplar memoria económica ningunha, promove a segregación do alumnado e devalúa a actual FP. O borrador da LOMCE  evidencia o desprezo do labor docente. Elude calquera posibilidade de recuperar un sistema de xubilacións específico dos docentes, análogo ao que se contemplaba na LOXSE e na LOE.


A LOMCE é unha Lei que atenta contra a igualdade de oportunidades e contra a cohesión social, recentralizadora, segregadora e elitista, con graves repercusións nas condicións de traballo do profesorado.


Nestes días presentouse o proxecto de orzamentos para 2013 que confirma a política de recortes pois volve recoller unha taxa de reposición do 10% e unha nova conxelación salarial para as e os emrpegados públicos.

Por todos estes motivos é necesario continuar na mobilización e trasladarlle ao goberno a nosa oposición contundente ás políticas de recortes. Conscientes desta necesidade, o Pleno da Xunta de Persoal Docente non Universitario da provincia da Coruña,  fai público o seu apoio á folga xeral de 14 de novembro e fai un chamamento ao profesorado a que apoie masivamente esta folga e a que secunde as distintas mobilizacións convocadas para ese día.

Volver