As carreiras pola lingua comezaron en Santiago de Compostela baixo o lema “En galego sempre somos”

4000 rapaces participaron na edición 2011 do correlingua en Santiago

O 2 de maio comezou en Santiago a edición 2011 do Correlingua, unha actividade que se celebra de xeito regular desde o curso 2000-2001, consistente en diferentes carreiras que se celebran en 15 vilas de Galiza, e na que se prevé unha participación de 45.000 rapaces e rapazas procedentes de 400 centros educativos de todo o País.

Podedes ver o vídeo da presentación na seguinte ligazón

O Correlingua está organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a Confederación Intersindical Galega – Ensino (CIG-Ensino), a Mesa pola Normalización Lingüística, e os Concellos de Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo, e conta tamén coa colaboración das Deputacións de Lugo, A Coruña e Ourense, así como os concellos de Ames e Teo na comarca de Santiago. As entidades organizadoras veñen realizando esta actividade escolar como proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro. Trátase de darlle protagonismo social e voz ao sector fundamental no proceso de normalización da lingua galega e que debe ter un papel activo no mesmo.

Para este ano elexiuse como lema da actividade “En galego sempre somos”, sinalando a importancia da lingua como mellor vehículo de expresión da nosa identidade colectiva e xa que logo, como medio de unión entre as galegas e galegos.

O manifesto do Correlingua 2011 foi elaborado polo alumnado do IES Agra de Leborís da Laracha e foi lido por dous alumnos do IES Xelmírez I de Santiago.

A continuación tio lugar a actuación da banda de rock galega ZENZAR, gañadora do concurso musical cantalingua. Na entrega do premio á mellor animación da carreira que recaeu no CEIP Ramón Cabanillas de Santiago, participaron Anxo Louzao ( Secretario Nacional da CIG-Ensino), Carlos Callón (Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística) e en representación do concello de Santiago, Elvira Cienfuegos ( concelleira de medio ambiente) e Guadalupe Rodríguez (Concelleira de Normalización de Santiago de Compostela).

Pechou a actividade o Mago Martín Camiña, cun espectáculo no que tamén participaron alumnos e alumnas de diferentes centros.

Podedes ver o vídeo da presentación na seguinte ligazón

Volver