Arranca o Correlingua en Ponteareas e continúa mañá e pasado no formato de carreira e concerto en Vigo e na Coruña
Comezan as actividades do Correlingua coa participación de 9 centros de ensino de Ponteareas, As Neves, Tui e O Porriño
Baixo o lema "Na casa, na escola, bota a lingua fóra" volve no seu formato máis clásico de carreira e concertos, alén das outras actividades e obradoiros que leva asociada esta iniciativa, a vixésimo primeira edición do Correlingua para, aproveitando que este é o mes das nosas letras, sacar o alumnado galego das aulas a prol da plena normalización do noso idioma. Aínda hai praza para anotarse nalgunha das festas que se celebrarán ao longo de maio, agás en Ferrol na que xa está o aforo completo.
Alumnado procedente de todo tipo de centros (CRA, CEIPs e IES) dos concellos de Ponteareas, As Neves, Tui e Porriño déronse cita hoxe na volta á normalidade do Correlingua, a iniciativa que combina actividades lúdicas e reivindicativas para defender o uso do noso idioma dentro e fóra das aulas e que leva 21 anos en marcha organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino e apoiada por múltiples entidades entre as que destacan as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra e varias entidades locais.
No acto desta mañá, que tivo lugar na praza Feira Vella de Ponteareas, participou a banda gañadora do concurso Cantalingua, Mekánika Rolling Band, e o encargado de conducilo foi Fran Rei, quen tamén leu o manifesto que se pode consultar na páxina do Correlingua, onde aínda é posíbel anotarse para as festas que están programadas para este mes, agás a de Ferrol que xa ten o aforo completo. Ademais das entidades organizadoras tamén estivo presente e interveu no acto a alcaldesa da vila, Cristina Fernández.
Calendario de carreiras e festas
Xoves 4 Vigo
Venres 5 A Coruña
Mércores 10 Ourense
Xoves 11 Lugo
Luns 12 Lourenzá
Martes 23 Ferrol
Mércores 24 Pontevedra
Xoves 25 Moaña
Venres 26 Compostela
Luns 29 Monforte
Mércores 31 A Estrada
Presentación do Correlingua na Coruña
Precisamente esta mañá tivo lugar a presentación das actividades previstas para o venres na cidade da Coruña nunha rolda de prensa na que participaron por parte da AS-PG, Patricia Varela, o concelleiro de Economía e portavoz do goberno municipal, José Manuel Lage, a secretaria da Mesa pola Normalización Lingüística, Celia Armas, Telmo Cillero, responsábel do ximnasio Ártabros e Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino. Nas actividades está previsto que participen arredor dunha vintena de centros educativos da Coruña e comarca nas inmediacións da Torre de Hércules.