ARCO. Precariedade e parches nos reforzos educativos: así actúa a Consellaría para evitar a ampliación dos cadros de persoal

A convocatoria dos contrato programa ARCO para o curso 2020/21 non será universal e limitarase á presenza dun ou dunha docente a media xornada nunha minoría dos centros públicos galegos

Docentes con contrato a medias xornada, limitada implantación nunha minoría dos centros educativos públicos do país e dentro destes só para unha parte do alumnado (4º, 5º e 6º de EP, 1º e 4º da ESO), todo dentro dun plan plurianual (2014-2020) financiado polo Ministerio de Educación e o Fondo Social Europeo. Esta é a oferta feita pública no día de hoxe pola Consellaría de Educación e vendida como un esforzo da administración galega para afrontar a necesidade de reforzos educativos nun curso excepcional na que a Xunta pretende impoñer a doutrina Feijóo do custo cero.

A CIG-Ensino insiste nas súas críticas a estas modalidades de contratación fronte ao necesario investimento en materia de persoal para incrementar os cadros de persoal. Se o sindicato xa fai estas críticas nun curso ordinario, os motivos para redobrar as queixas sindicais son maiores dada a situación da pandemia e a negativa da Xunta de Feijóo a incrementar docentes, reducir ratios e mellorar as condicións de seguranza nos nosos colexios e institutos.

Vexamos os puntos máis salientábeis desta convocatoria:

  • A contratación de docentes vinculada ao programa ARCO do curso 2020/21 non comezará antes do mes de outubro, xa que o prazo para que os centros poidan solicitar estas medias contratacións remata a finais de setembro.
  • Só afectará a 221 centros de Primaria (o 38% dos 581 CEIP e CEP do país). En cada centro seleccionado só se contará cun ou cunha mestra con media xornada para atender ao alumnado dos tres últimos cursos.
  • Na ESO só se atenderá con contratos a media xornada a un mínimo de 161 centros e un máximo de 232, en función das prazas para atención de 1º (161 medias xornadas) e 4º (outras 161 medias xornadas). Hai na actualidade 318 centros públicos que imparten a ESO en Galiza (64 CPI e 254 IES). Pode darse o caso de que nalgúns centros esas medias xornadas se agrupen en xornadas completas.
  • En ningún caso se poderá superar a cifra de 543 contratacións a media xornada (o equivalente a 271,5 postos de traballo).
  • Estas contratacións non están relacionadas directamente con ningún plan de actuación específica relacionado coa situación de pandemia provocada pola covid-19. Só se introducen cambios entre os que convén sinalar que o profesorado ARCO traballará en horario lectivo e como apoio nas propias aulas cando con anterioridade o facía, con carácter xeral, fóra do horario lectivo. Isto reafirma máis aínda a demanda da CIG-Ensino de modificar estas actuacións puntuais que serven como parches na atención educativa e camiñar cara un incremento dos fondos destinados á contratación de persoal fixo nos centros, a todos os centros e para todo o alumnado.

Volver