Apróbase o decreto de bacharelato sen corrixir as súas deficiencias e sometido aos ditados da cúpula eclesiástica

Bacharelato

Ven de anunciarse a aprobación do Decreto de Bacharelato no Consello da Xunta sen proceder a rectificar as graves carencias que posúe e mesmo os seus erros manifestos, que obrigarán en breve a ter que modificar o seu contido que foi froito de atender as presións de intereses alleos ao ensino como é o caso da xerarquía da igrexa, en vez de escoitar as demandas da comunidade educativa.

Apróbase o decreto de bacharelato sen corrixir as súas deficiencias e sometido aos ditados da cúpula eclesiástica

 

 

 

Vén de anunciarse a aprobación do Decreto de Bacharelato no Consello da Xunta sen proceder a rectificar as graves  carencias que posúe e mesmo os seus erros manifestos que obrigarán, en breve, a ter que modificar o seu contido que foi froito de atender as presións de intereses alleos ao ensino como é o caso da xerarquía da igrexa, en vez de escoitar as demandas da comunidade educativa.

Galiza vai ser a Comunidade peor parada en canto aos contidos do currículo, baixando a carga horaria en materias fundamentais para a formación do alumnado (Historia e Filosofía) e, pola contra, unha das que máis favorece o adoutrinamento relixioso que mesmo chega a 2º de Bacharelato, que é un curso ponte coa universidade, cousa que non aconteceu nin nos peores tempos do franquismo, pois esta materia non estivo presente nos cursos de nivel semellante a 2º curso de Bacharelato.

Desvalorízase, así, unha etapa clave no sistema educativo, sacrificada en beneficio do uso electoralista de micromaterias baleiras, pero de nome pomposo  e dun proceso de involución na cuestión relixiosa que cada día é máis alarmante e no que xoga un papel fundamental o feito de que a Consellaría de Educación está nas mans de quen está e de que sempre toma as decisións a prol dunha determinada confesión.

Parécenos unha chambonada que se aprobe un Decreto que derroga a Orde das optativas que ofertarán os centros, cando, nestes momentos, os ditos centros xa teñen aberto o seu prazo de preinscrición e aínda se descoñece cal vai ser a nova Orde que indique as optativas que se van ofertar para o próximo curso.

Contrasta isto co feito de que o Decreto de Educación Infantil que comezou moito antes o seu percorrido, superou todos os trámites e conta co consenso da comunidade educativa,  leve meses na gabeta do Presidente da Xunta, causando graves trastornos á planificación educativa e ao traballo didáctico, tendo en conta que entrará en vigor o vindeiro ano. Este obstrucionismo nunha norma fundamental e demandada pola comunidade educativa só pode obedecer á irresponsabilidade dun Presidente da Xunta despreocupado polo ensino do noso país.

A CIG-Ensino, pese a ser aprobado o Decreto, non dá por pechada a súa loita para acadar un Bacharelato máis compensado, laico e de calidade e continuará a defender a reforma desta norma co obxecto de que o encaixe da relixión non obrigue a reducir a carga horaria de materias esencias.

Volver