Apróbase o aumento do permiso de paternidade ou da outra persoa proxenitora a 8 semanas a partir do 1 de abril
Apróbase o aumento do permiso de paternidade ou da outra persoa proxenitora a 8 semanas a partir do 1 de abril.
A CIG reclámalle á Xunta de Galiza que equipare o permiso de paternidade ao de parto, que para as traballadoras da Xunta de Galiza está fixado xa no 2019 en 22 semanas.
O Boletín Oficial do Estado publicou o pasado venres 8 de marzo o Real Decreto-lei 6/2019, de 1 de marzo, de medidas urxentes para garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e a educación, que incorpora como principal novidade a ampliación do permiso de paternidade ou da outra persoa proxenitora de forma transitoria a 8 semanas este ano, a 12 en 2020 e a 16 en 2021. Malia que o habitual sería que esta reforma entrase en vigor ao día seguinte da súa publicación, o texto incorpora unha disposición final que adía a súa implantación até o próximo 1 de abril.
A modificación normativa responde a un acordo na Mesa Xeral da Administración Xeral do Estado asinado pola CIG e os demais sindicatos co goberno central e que debía trasladarse ao Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) para serlle aplicado a todo o persoal do sector público do Estado. Desde a CIG-Ensino agardamos que os intereses partidistas non interfiran e que sexa referendado polo próximo Congreso dos e das deputadas. Non facelo así sería anular o acordo sindical adoptado nesa Mesa Xeral cos sindicatos máis representativos, negando a nosa capacidade de negociación coa Administración.
Na modificación lexislativa incorpórase a obrigatoriedade para a outra persoa proxenitora de gozar do permiso por nacemento, de adopción ou de acollemento durante as seis primeiras semanas desde o feito causante de forma ininterrompida. Desta forma, ambas persoas proxenitoras gozarán simultaneamente deste permiso durante este período. A partir das seis semanas, no caso de que os dous proxenitores traballen, o permiso de paternidade ou da outra persoa proxenitora poderá distribuírse de forma interrompida até que o fillo ou filla cumpra 12 meses (ou se cumpra un ano da resolución de adopción ou acollemento). No RDL tamén se contempla a ampliación deste permiso nos casos de discapacidade do fillo ou filla, así como de partos, adopcións ou acollementos múltiples. Como é obvio, trátase de permisos retribuídos e que computan como servizo activo a todos os efectos.
Implantación paulatina
Dada a implantación transitoria que vai ter este R.D., tanto a duración dos permisos como as condicións nas que se desfruten terán unha adaptación paulatina entre 2019 e 2021, como figura no cadro adxunto.
Equiparación de ambos permisos para o persoal da Xunta de Galiza: 22 semanas xa.
Desde a CIG-Ensino poñemos sobre a mesa unha vez máis a necesidade de negociar a equiparación do permiso de paternidade ou da outra persoa proxenitora no ámbito da Xunta de Galiza até as 22 semanas actuais das que gozan as funcionarias galegas no permiso de parto. En decembro pasado o goberno de Feijóo, no trámite de negociación da Lei de Medidas, negouse a admitir esta proposta da CIG na Mesa Xeral da Función Pública, ao igual que ten rexeitado a nosa petición de ampliar ambos permisos (maternidade e da outra persoa proxenitora) de forma progresiva até os 12 meses desde a data do feito causante. Este segue a ser para a CIG o obxectivo fundamental: ampliar progresivamente ambos permisos até completar os 12 meses, mantendo o carácter intransferíbel que a nova norma consolida e que entendemos que é un paso fundamental para a corresponsabilidade no coidado das e dos fillos por ambos proxenitores.
Ano |
Duración do permiso por nacemento da nai biolóxica |
Duración do permiso do outro proxenitor |
Condicións de goce do permiso do outro proxenitor |
2019 |
22 semanas |
8 semanas |
As 2 primeiras semanas despois do nacemento son de goce obrigatorio. As 6 restantes poderán collerse despois das 6 semanas de descanso obrigatorio da nai biolóxica ou da resolución xudicial nos casos de adopción. |
2020 |
12 semanas |
As 4 primeiras semanas despois do nacemento son de goce obrigatorio. As 8 restantes poderán collerse despois das 6 semanas de descanso obrigatorio do parto ou da resolución xudicial nos casos de adopción. |
|
2021 |
16 semanas |
As 6 primeiras semanas despois do nacemento son de goce obrigatorio. As 10 restantes poderán collerse despois das 6 semanas de descanso obrigatorio do parto ou da resolución xudicial nos casos de adopción. |
Común a ambos permisos.
As 6 primeiras semanas serán de descanso obrigatorio unha vez estea totalmente implantado o novo permiso da outra persoa proxenitora.
Ambos permisos ampliaranse en 2 semanas en caso de discapacidade da filla ou fillo.
Tamén se amplían 2 semanas por cada fillo ou filla a partir do segundo en partos, adopcións ou acollementos múltiples.
Os permisos poderán gozarse a xornada completa ou a tempo parcial.
Despois das 6 primeiras semanas de descaso obrigatorio, ambos permisos poderán gozarse de maneira interrompida até que o fillo ou filla cumpra 1 ano ou se cumpra un ano desde a resolución xudicial da adopción ou acollemento. Se o desfrute é interrompido debe solicitarse cada prazo do permiso con 15 días de antelación e por semanas completas.
Nos casos nos que o neonato deba permanecer hospitalizado a continuación do parto os permisos ampliaranse mentres permaneza hospitalizado até un máximo de 13 semanas adicionais.
No suposto de falecemento da filla ou fillo o permiso non se reduce agás que despois das 6 semanas de descanso obrigatorio se solicite a reincorporación ao posto de traballo.
Despois do período de 6 semanas de descanso obrigatorio pódese participar en cursos de formación.
No caso de que o permiso do outro proxenitor se solicite a continuación do permiso de 22 semanas do permiso de nacemento e quen ten este último permiso colle xusto a continuación o permiso de acumulación de lactación, deberá agardarse a que rematen as 4 semanas da lactación para comezar coas 10 semanas do permiso do outro proxenitor.
Exemplo:
Nai biolóxica: 22 semanas de permiso de nacemento + 4 semanas de lactación (continuadas): total 26 semanas
Pai ou outra persoa proxenitora: 6 primeiras semanas + 10 semanas despois das 26 semanas da súa parella.