Anteproxecto LOSU: información da xuntanza da CIG co Ministerio de Universidades o 25 de maio de 2022
A CIG participou na reunión co ministro Subirats como sindicato maioritario nas universidades galegas e por ter a condición de sindicato máis representativo.
En relación cos cambios producidos no anteproxecto de lei, a CIG considera positiva a aposta clara pola descentralización, por exemplo, en relación cos procesos de acreditación e o papel das axencias autonómicas ou con deixar marxe ás comunidades autónomas para configurar os seus modelos de universidades e políticas científicas. Saúdamos tamén o recoñecemento das linguas propias e agardamos que o goberno e as universidades galegas fagan un esforzo efectivo por aumentar a reducidísima presenza do galego nas aulas das nosas universidades.
A aposta por maior autonomía universitaria na definición das estruturas de goberno das universidades pode permitir que estas se adapten mellor ás súas necesidades en función do seu tamaño, especialización.... Así mesmo, o reforzamento da elección por sufraxio universal de cargos académicos como os decanos/as e as previsións para incrementar a participación do estudantado na vida universitaria, como propuña tamén a CIG, son unha boa nova.
Non obstante, a CIG considera que o anteproxecto debe experimentar cambios para garantir un sistema universitario público e inclusivo. Sería necesario que o texto legal establecera os requisitos mínimos de calidade que deben cumprir as universidades privadas. Deixar esa definición a un desenvolvemento regulamentario favorece a relaxación dos requisitos cun cambio gobernamental propiciando a escalada de creación de universidades privadas cuns ínfimos estándares de calidade como ten sucedido nestas últimas dúas décadas.
A CIG propuxo a retirada da mención no anteproxecto a que na elección do Reitor/a se poidan esixir nos Estatutos requisitos de desempeño de cargos unipersoais de xestión. Os datos existentes das universidades amosan como existe unha clara brecha de xénero entre o desempeño de órganos unipersoais e colexiados, non só nas figuras de Reitor/a senón tamén nos decanatos e direccións dos departamentos e institutos de investigación (p. ex. na USC as mulleres só representan o 16% das direccións de departamentos e institutos cando son o 42% do PDI). O equipo ministerial comprometeuse a revisar esta cuestión.
En temas de profesorado, a CIG bota de menos a regulación da mesa sectorial de universidades como foro de negociación das condicións de traballo ao igual que sucede en todas as Administracións públicas.
Tamén se bota en falta a regulación dunha carreira profesional que incentive a evolución e mellora profesional ao longo da vida laboral. A CIG segue considerando que debería existir unha figura inicial de PDI previa ao Axudantes doutor. Tamén que se debería reforzar a regulación de incompatibilidades para que o profesorado das universidades públicas non poida realizar tarefas docentes nas privadas. En relación co profesorado substituto consideramos que o límite contractual de 3 anos non debería existir senón que debe manterse a substitución até a finalización da circunstancia que deu lugar á substitución (cargo académico, baixa...).
A CIG considera que é preciso tamén abordar a precariedade salarial na que se atopan moitas figuras de profesorado universitario. A tardanza en negociar o Estatuto do PDI e o Real Decreto de retribucións mantén nunha situación de elevada precariedade, falta de expectativas profesionais e de promoción a unha parte relevante do profesorado.