A CIG-Ensino presenta o “Informe sobre Igualdade nos centros educativos”

O sindicato divulga os resultados da enquisa sobre igualdade realizada entre o profesorado galego neste primeiro trimestre do curso escolar

A RAZÓN DO INQUÉRITO

Entre o 19 de outubro e o 18 de novembro de 2022, preto de 1000 docentes galegos responderon a unha enquisa elaborada pola CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector educativo público, sobre a igualdade no eido educativo.

Desde a CIG-Ensino tomamos esta iniciativa logo de amosar en diversas ocasións á Administración Educativa a nosa preocupación pola falta de cumprimento da normativa que xira arredor da igualdade no ámbito laboral.

En vista de que a administración non responde e co obxectivo de ter datos reais de como o profesorado galego percibe as accións que a Consellería de Educación leva implementado en materia de igualdade, lanzamos a enquisa sobre a igualdade no eido educativo e a continuación expoñemos as conclusións que obtivemos da mesma.

Ideas chave 

O 77 % das participantes cren na utilidade dun plan de igualdade do profesorado. 

O 90% considera que a existencia dun protocolo de acoso puidera ser unha ferramenta útil para combater os diferentes tipos de acoso no traballo.

O exercicio corresponsábel dos dereitos da vida persoal, laboral e familiar e a prevención do acoso son as cuestións máis importantes que debera recoller o plan de igualdade do profesorado.

Sendo obrigatorio o plan de igualdade do alumnado para todos os centros, só o 54% do profesorado ten coñecemento de que exista, o 29 % descoñéceo e un 17 % asegura que non.

Nun 29% dos casos descoñécese quen realiza a función de coordinar todas as medidas de coeducación que se levan a cabo no centro e nun 12% se manifesta que non existe esta figura.

O 93% considera necesario que a función de coordinación de igualdade estea recoñecida con redución horaria, puntuación ou compensación económica, e delas un 47 % entenden que con todas.

Do profesorado participante preto dun 71 % son mulleres, a maioría entre 40 e 60 anos e definitivas no seu centro de traballo. Habendo participantes de todos os tipos de centros, un 50% traballan nun IES e un 25 % nun CEIP. Un 16% forman ou formaron parte dun equipo directivo nos últimos catro anos e un 9% foron responsábeis de igualdade nese tempo.

PLAN DE IGUALDADE DO PROFESORADO

A Consellería de Educación, na súa condición de empregadora, está obrigada dende hai anos, e así llo levamos esixindo dende a CIG-Ensino, a elaborar un plan de igualdade negociado coas organizacións sindicais con representación no ensino. Os plans de igualdade, deben constituír un conxunto de medidas adoptadas despois de realizar un diagnóstico de situación, tendentes a alcanzar a igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes, así como as estratexias ou medidas a adoptar para a súa consecución.

Ademais o plan de igualdade debe recoller a prevención do acoso moral, sexual, por razón de sexo ou por razón de orientación sexual, identidade e/ou expresión de xénero que se puidera producir no traballo e ante o que non existe un protocolo de actuación que ampare ao profesorado.

Da nosa enquisa concluímos que en canto á utilidade que puidera ter o plan de igualdade do profesorado, o 77 % das participantes consideran que un plan de igualdade puidera ter algunha ou moita utilidade. Se nos fixamos no mesmo dato disgregado por xénero, tería algunha ou moita importancia para o 80% das mulleres, 72% dos homes e 46 % das persoas que non se identifican co xénero binario.

En canto á necesidade de ter un protocolo de acoso o 90% considera que podería ser unha ferramenta útil para combater os diferentes tipos de acoso que podemos sufrir no noso lugar de traballo. Valorado por xénero, tería algunha ou moita importancia para o 91% das mulleres, 89% dos homes e 46 % das persoas que non se identifican co xénero binario.

Na enquisa tamén se preguntaba ao profesorado sobre os aspectos que debera recoller o plan, sendo os considerados máis importantes na seguinte orde:

Exercicio corresponsábel dos dereitos da vida persoal, laboral e familiar (redución de xornada, excedencias, flexibilidade horaria ...)

Prevención do acoso

Formación (con perspectiva de xénero, en horario lectivo ...)

Saúde laboral

Promoción profesional e infrarrepresentación feminina (cargos directivos, promoción interna, asesorías ...)

Proceso de selección ou contratación (IT derivada do embarazo, maternidade, lactación ...)

PLAN DE IGUALDADE DO ALUMNADO

A instrución do 6 de setembro 2019 ten por obxecto regular a elaboración do plan de igualdade dos centros docentes sostidos con fondos públicos e recolle que a Inspección educativa ten a obriga de supervisar ese plan para verificar a súa adecuación ao establecido nas instrucións, formular as suxestións oportunas e indicar as correccións que procederan.

Sendo polo tanto obrigatorio para todos os centros, só o 54% do profesorado ten coñecemento de que exista, o 29 % descoñéceo e un  17 % do asegura que non.

 

Naqueles centros onde existe, o 43% do profesorado participante manifesta que resulta útil e a mesma porcentaxe descoñece se o é, habendo un 14 % que asegura que non.

Ante esta situación analizamos outra das cuestións formuladas, fai a inspección educativa algún seguimento sobre a implantación, desenvolvemento e actualización dos plan? pois a resposta é que só 5% ten constancia de que a inspección estea a cumprir con esta tarefa, un 25% négao e o 70% restante descoñéceo. En concreto das persoas que foron responsábeis de igualdade nos últimos 4 anos, máis do 95% afirman que ese traballo non se fai por parte das inspeccións.

En relación ás cuestións ás que se lles dá máis importancia nos centros, atopamos que a eliminación de estereotipos sexistas e da violencia machista son os aspectos máis traballados.

Abordando agora a realidade dos centros sen plan de igualdade, o profesorado que neles traballa considera maioritariamente, nun 73% dos casos, que debera de elaborarse para poder servir como ferramenta no fomento dun ensino coeducativo.

Outra cuestión coa que a CIG-Ensino é crítica, e que ten levado en varias ocasións á Mesa Sectorial, é coa responsabilidade de coordinación de igualdade nos centros educativos. Demandamos á Consellaría en diversas ocasións un apoio e seguimento dos plans e protocolos dos centros e o fomento e creación de equipos específicos e amplos de igualdade e a dotación dunha persoa coordinadora con asignación horaria, en igualdade de condicións con outras coordinacións existentes nos centros.

Preguntando ao profesorado a resposta é que nun 29% dos casos se descoñece quen realiza a función de coordinar todas as medidas de coeducación que se levan a cabo no centro e nun 12% manifestase que non existe esta figura. Onde existe só o 28% tratase dunha persoa nomeada para esta función, recaendo en moitas ocasións no departamento de orientación ou no equipo directivo.

No que si coincide a inmensa maioría, un 93%, é na necesidade de que esta función estea recoñecida con redución horaria, puntuación ou compensación económica; delas un 47 % entenden que deberían ter todas elas. Deste xeito cobra forza a nosa demanda, que favorecería a implicación do profesorado na loita por un futuro coeducativo no ensino, sen ter que depender da voluntariedade do persoal docente.

CIG

Na CIG-Ensino traballamos para a mellora da formación docente en coeducación e levamos anos poñendo á disposición do profesorado recursos para a elaboración e actualización dos plans de igualdade dos centros educativos, porque cremos neles como ferramenta. Dispoñemos na nosa páxina web dunha sección, mulleres, onde ademais de ditos recursos se recollen as referencias legais en materia de igualdade a ter en conta á hora de elaborar os plans de igualdade.

Volver