Ampla resposta de profesorado e alumnado afectado pola privatización e os recortes na FP
Mentres se producían concentracións de rexeitamento aos plans da Consellaría de apostar pola dual e pola FP a distancia o conselleiro presentaba a oferta do vindeiro curso nun novo acto de propaganda
Unanimidade entre alumnado e profesorado non só dos centros directamente afectados pola última manobra da Consellaría de converter moitos ciclos presenciais na modalidade a distancia senón por outras decisións como a crecente privatización destas ensinanzas, tanto a través do fomento da FP dual como do incremento da oferta nos centros concertados e privados. Ao longo da mañá sucedéronse as concentracións tanto en CIFPs como en IES que ven como todas as promesas de incremento da oferta, dos recursos materiais e do profesorado que se prevía despois de meses de propaganda do Plan Conecta FP quedou totalmente diluída e mesmo cun horizonte para o vindeiro curso moi desalentador. Nos actos de concentración o profesorado comentaba todo o que vai implicar o fomento da FP dual e a distancia, unha maior privatización con potestade absoluta por parte das empresas para seleccionar e formar o alumnado e unha perda na calidade educativa que vai levar a que titule moito menos alumnado (a modalidade online non está pensada para ensinanzas eminentemente prácticas como a FP) e se acaben pechando ciclos e, polo tanto, sobre profesorado a curto prazo. As familias profesionais máis afectadas por esta transformación de ciclos presenciais en distancia son Administración e Xestión, Servizos á Comunidade e Informática pero tamén hai casos nas de Electricidade e Electrónica, Automoción e Imaxe e Son.
Así mesmo tamén se levou a cabo unha concentración promovida polo alumnado afectado por esta transformación das ensinazas en virtuais fronte á Xefatura Territorial da Coruña.
Malia que non fora anunciado previamente, delegados e delegadas da CIG-Ensino acudiron a recibir ao conselleiro de Educación e á directora xeral de FP á súa chegada ao CIFP Politécnico de Santiago para volver pedir a dimisión desta última pola nefasta xestión dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia destinados a potenciar estas ensinanzas para facer xusto todo o contrario, deixalas morrer a base de reducir moito a calidade da atención ao alumnado, algo que é o que está detrás do éxito sen paliativos dos últimos anos da Formación Profesional.
O vindeiro luns debátese no Consello Galega de FP a oferta formativa para o vindeiro curso, nun órgano que é meramente consultivo, e no que segundo a información enviada pola Consellaría non hai ningunha rectificación. Non se atenden demandas de novos ciclos en centros públicos que si se sabe que se lle conceden á privada e mantense a transformación da oferta ordinaria e modular de adultos en distancia como xa se anunciara aos centros esta semana. Polo tanto, as palabras de onte do presidente Rueda no Consello da Xunta están en tela de xuízo porque sobre o papel non se garante que o alumnado que comezou os seus estudos de maneira presencial os poida rematar o vindeiro curso. A CIG-Ensino ten pensado volver pedir a dimisión da responsábel de FP en dita reunión se non hai ningún cambio de rumbo, algo moi complicado cando o propio 23 abre o prazo de matrícula, e volverá afearlle á Consellaría a falta de interlocución durante todo o curso co profesorado e as súas organizacións sindicais ao respecto da xestión dunhas ensinanzas que cada vez teñen un peso e un prestixio maior na sociedade e que con estas políticas acabarán totalmente desmanteladas.