Adiase após as oposicións a negociación dun acordo de estabilidade para o profesorado interino

Profesorado Interino

O día 3 de abril na Comisión de Educación do parlamento galego chegouse a un acordo sobre a negociación da estabilidade do profesorado interino.

O Parlamento Galego acorda solicitar abrir as negociacións para un acordo de estabilidade logo das oposicións

O día 3 de abril na Comisión de Educación do Parlamento Galego acordou o seguinte: “O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a reiniciar as negociacións coas organizacións sindicais para os efectos de acadar un acordo efectivo de estabilidade para o profesorado interino dependente da Consellería de educación e Ordenación Universitaria, unha vez rematado o primeiro procedemento selectivo realizado ao abeiro da disposición transitoria 17ª da Lei orgánica 2/2006, de educación (LOE), e estudadas as consecuencias dos resultados deste sobre o conxunto do citado colectivo”.Este acordo ten a súa orixe na proposición non de lei rexistrada polo BNG, o 17 de novembro do 2006, que no contexto das mobilizacións que se estaba levando a cabo, instaba á Consellería a “reiniciar as negociacións coas organizacións sindicais”. Para que prosperara a proposta tivo que ser transacionada co PSOE rebaixando o texto inicial a instar a Xunta a reiniciar a negociación pola estabilidade unha vez rematada a celebración destas oposicións.

É evidente que este acordo da Comisión non satisfai totalmente os nosos obxectivos que son e eran a negociación do compromiso de estabilidade este curso, ou como mínimo garantir o traballo para todos os/as interinos/as para o curso que vén a espera de negociar un acordo de estabilidade.

A CIG-Ensino non admitirá que ningún interino/a se quede sen traballo para o curso que ven e esixirá a negociación do acordo de estabilidade o antes posible.

 

Para consultar as iniciativas premer aquí:

Proposta do BNG

Proposta do PSOE e TRANSACIÓN

Volver