Acordo sobre o control horario e rexistro da xornada na concertada

A CIG-Ensino asina este acordo de control horario e rexistro da xornada logo dunha negociación real na que foron atendidas moitas das emendas presentadas polo sindicato

Logo de 3 mesas de negociación, en que foron tidas en conta moitas das nosas emendas presentadas  para mellorar o texto proposto polas patronais, dende a CIG-Ensino asinamos o acordo. Fomos a organización sindical que máis emendou o texto inicial da patronal, así como a que máis melloras acadou, das que podemos destacar que o tempo libre entre clases será considerado xornada laboral non lectiva (agás acordo contrario co traballador/a). O recreo tamén seguirá sendo considerado non lectivo en contra do noso criterio tal e como se recolle no VI convenio asinado no seu día por outras organizacións sindicais (o convenio norma de rango superior, que este acordo non pode saltarse, por moito que diga algún sindicato asinante agora de forma interesada e electoralista). A asistencia á formación organizada pola empresa ou por outra, pero autorizada pola mesma, será considerado tempo de traballo efectivo. Cando se fagan actividades fóra da empresa, saídas, excursións,… o tempo que exceda a xornada dese día será considerado como xornada non lectiva. No caso de que o traballador/a supere a xornada anual de traballo efectivo, este será aboado ou compensado con descanso (se é así gozarase entre os meses de setembro a novembro).

Recóllense normas derivadas da normativa en vigor e de obrigado cumprimento como son a obrigatoriedade de aplicar o control horario á totalidade de traballadores/as, cun rexistro diario no que se recollan as horas realizadas (lectivas e non lectivas). O sistema de rexistro será consultado coa representación dos traballadores/as e estes poderán acceder a éste para verificalo e controlar  durante todo o tempo que legalmente deben estar gardados (só se poderán destruír logo de 4 anos).

Con este acordo dáselle cobertura e cumprimento , dentro dos límites que marca o convenio     (que a CIG-Ensino non asinou no seu día), ao R.D 8/2019, do 8 de marzo. Ademais serve de referencia ao marcar unhas pautas ou criterios básicos para logo desenvolvelos nos distintos centros de traballo do sector.

Acordo sobre o control horario e rexistro da xornada na concertada

Conforme ao estabelecido no VI Convenio Colectivo e á lexislación vixente, e sen prexuízo da futura negociación, os criterios para o control e rexistro horario nos centros educativos será o seguinte:

1.- O rexistro horario diario aplícase á totalidade das persoas traballadoras, quedando excluídas do mesmo as persoas sen relación laboral (autónomos, relixiosos...), por carecer de horario de traballo na empresa, sen prexuízo de que acudan á mesma para o cumprimento dos servizos que teñen encomendados. Así mesmo, quedan excluídas as persoas con contrato de alta dirección.

2.- A empresa determinará ao comezo de curso escolar, previa consulta á representación legal do persoal traballador, o cadro horario de cada persoa traballadora, e no caso do persoal docente a distribución das horas non lectivas previstas, tendo en conta o calendario laboral e escolar de cada ano, en función do que estabelece o Convenio Colectivo e o Estatuto dos Traballadores nesta materia.

3.- O control horario diario inclúe a xomada total da persoa traballadora. En caso do persoal docente, incluirá tanto a xornada lectiva como non lectiva.

4.- Con carácter xeral estabelecerase unha hora de entrada e de saída que terá que cumprir a persoa traballadora segundo se determine conforme ao manifestado no punto segundo.

A presenza no centro de traballo fóra destas horas non se considera tempo de traballo, salvo que o empresario encomende ou autorice actividade laboral á persoa traballadora ou se produza unha incidencia que obrigue a realizar máis horas. Isto será debidamente comunicado á dirección ao día seguinte da súa realización para o seu rexistro e constancia.

5.- En caso daquelas persoas traballadoras que, por circunstancias de organización teñan estabelecida unha hora de entrada ou saída distinta á xeral, determinarase de forma individualizada.

6.- Durante o tempo do recreo a persoa traballadora estará a disposición do empresario para efectuar a vixilancia do alumnado, ou calquera outra actividade que lle sexa encomendada. No caso de que a empresa autorice, previa petición da persoa traballadora, a saída fóra do centro de traballo, este tempo non será considerado como xornada de traballo.

7.- Se, por motivos de organización, a persoa traballadora dispuxese de tempo libre entre clases estará a disposición do empresario. No entanto, a empresa poderá acordar coa persoa traballadora a ausencia do centro de traballo, en cada ocasión ou con carácter xeral, nese caso non será considerado como tempo de traballo.

8.- A pausa entre a xornada de mañá e a xornada de tarde non será considerada tempo de traballo, salvo que teña encomendada a realización de tarefas.

9.- Cando a persoa traballadora asista á formación organizada pola empresa ou aqueloutras que sen ser organizadas pola empresa sexan propostas polo persoal e autorizadas polo empresario, será considerado como tempo de traballo efectivo.

10.- Cando a empresa programe unha actividade fóra do centro dun día de duración que coincida co horario de entrada e saída da persoa traballadora no centro, contabilizarase como xornada (lectiva e non lectiva) a que tivese ese día no centro educativo.

No caso de que a actividade tivese unha duración inferior ao da xornada establecida para ese día no centro educativo, só se contabilizará a estes efectos as horas empregadas na saída, debendo cumprir o resto da xornada que tivese.

Se a saída implica que a persoa traballadora realiza unha xornada superior á que tivese ese día, contabilizaranse ademais como horas non lectivas as realizadas por encima da xornada que tivese ese día.

11.- As categorías funcionais directivas temporais que figuran neste convenio serán consideradas a estes efectos como mandos intermedios, cargos de confianza ou con exercicio de especiais responsabilidades. Como consecuencia o control horario deste persoal farase nos termos estabelecidos neste acordo, sen prexuízo da acreditación do seu tempo de traballo mediante o pacto de dispoñibilidade horaria inherentes ao cumprimento do seu cargo, tomando como referencia o establecido no artigo 28 do VI Convenio Colectivo.

12.- No suposto de subcontratación da actividade a empresa contratista, como empresa empregadora, será a obrigada a levar o control horario dos seus traballadores, sen que o centro docente teña ningunha responsabilidade respecto diso.

Non obstante, o centro docente, como empresa principal, poderá acordar coa empresa contratista levar a cabo o control horario deste persoal en lugar da empresa contratista, en todo caso, é obrigación da contratista conservar e manter a documentación dos rexistros diarios realizados.

13.- O sistema empregado para o control da xomada será establecido pola empresa libremente, previa consulta coa representación legal dos traballadores, debendo cumprir a normativa vixente en materia de protección de datos e informar dela á persoa traballadora. En caso de usar soporte en papel deberase facer unha folla por persoa traballadora.

14.- Os rexistros de xornada realizados permanecerán durante o tempo legalmente estabelecido a disposición das persoas traballadoras, dos seus comités de empresa ou delegadas de persoal e da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.

15.- Nos casos excepcionais nos que a xomada anual de traballo efectivo por curso escolar supere a que lle corresponde á persoa traballadora conforme ao seu contrato de traballo, procederase á súa compensación conforme estabelece a lexislación vixente. En caso de ser compensada con descanso, este realizarase nos meses de setembro a novembro do seguinte curso escolar.

16.- Ás socias traballadoras de cooperativas non lles será de aplicación o control horario que se estabelece neste acordo.

17.- Cando á persoa traballadora se lle encomende a realización de xestións fóra do centro educativo, levará un control horario en documento separado, no que se reflectirá o tempo de traballo efectivo empregado na mesma.

CIG Informa sobre o acordo de rexistro horario na concertada

Documento


Volver