Acordo na Comisión Paritaria do PDI Laboral para negociar en cada Universidade o dereito do PDI temporal á avaliación dos sexenios de investigación
Na mañá do venres 12 de novembro tivo lugar unha reunión da Comisión Paritaria de interpretación do Convenio Colectivo do PDI Laboral do SUG
A reunión, que tiña carácter extraordinario, convocouse tras o requirimento formal da CIG-Ensino como “procedemento de sometemento de conflito colectivo” a instancias do noso sindicato, maioritario nos conxunto das tres universidades galegas.
O escrito remitido pola CIG-Ensino era un paso preceptivo á interposición de dous conflitos colectivos contra as convocatorias da USC e a UVigo de 2020 para a recoñecemento do complemento de produtividade investigadora. Na reunión, aínda que estaba presente, non estaba interpelada a UDC, xa que na súa convocatoria, ao entrar o funcionariado da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física, foi recorrida xa pola CIG-Ensino mais pola vía do contencioso-administrativo. No caso da USC e a UVigo a vía xurisdicional é do social mediante conflito colectivo.
No escrito que obrigou á convocatoria a CIG-Ensino fundamentou a súa demanda do recoñecemento do dereito de todo o PDI laboral, con independencia do seu vínculo laboral, á avaliación do labor docente e investigador, seguindo o camiño emprendido nestes últimos anos e que nos levou a gañar sentenzas que recoñecen o dereito do PDI interino a cobrar todos os complementos que lle negaba a ACSUG, do profesorado axudante doutor a cobrar os quinquenios na USC ou a chegar a acordos como o recente na UDC e a USC para o pago dos trienios ao persoal investigador.
Na reunión a CIG-Ensino adquiriu o compromiso da USC e da UVigo a negociar nas respectivas mesas sindicais a extensión do dereito dos sexenios de investigación ao persoal temporal. Desde o sindicato só puxemos unha condición para evitar acudir xa á vía xudicial: que as negociacións comezasen inmediatamente e que os seus resultados teñen que ser efectivos neste mes de novembro ou, como moito, a principios de decembro. A razón é simple: o sindicato, unha vez iniciado o procedemento legal para interpor un conflito colectivo, non vai renunciar a el se non se produce un acordo que consideremos satisfactorio para as seccións sindicais da CIG-Ensino na USC e na UVigo e o prazo para presentar o conflito colectivo remata no prazo no que se cumpra un ano desde a publicación das convocatorias: o 22 de decembro na USC e o 8 de xaneiro na UVigo.
Os representantes da USC comprometéronse na reunión a abrir inmediatamente estas negociacións. No caso da USC será xa para a semana. No caso da UVigo, no que as negociacións para outros temas salariais xa estaban en marcha, tamén se comprometeron ao mesmo.
No caso da UDC, a CIG-Ensino amosouse partidaria de introducir na orde do día da próxima reunión da mesa sindical este tema. Estamos en disposición de adiar a posíbel data do xuízo contencioso previsto se se produce un acordo previo.
Non imos facer ningún comentario sobre algunha táctica sindical vista na reunión porque consideramos que nin merece a pena nin é o que o PDI temporal agarda, senón simplemente o resultado das negociacións que agora se trasladan ás mesas sindicais de cada universidade, como a CIG-Ensino pretendeu coa estratexia que quedou perfectamente clara na reunión. Agardamos agora altura de miras por parte das tres universidades para rematar cunha discriminación que non ten sentido.