Acordo de base para un novo Plan de Normalización do galego no ensino

O documento seralle remitido ás forzas políticas que se presentan ás eleccións do vindeiro 12 de xullo coa intención de impulsar o papel do galego como lingua vehicular na educación e impedir que a escola siga sendo un elemento desgaleguizador

Representantes de tres organizacións sindicais, entre elas a CIG-Ensino, da Mesa pola Normalización Lingüística, de ANPAS galegas, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega e de Nova Escola Galega asinaron un documento que pretende reverter os efectos perversos de 10 anos de política do PP contra o galego e sentar as bases para convertelo na lingua vehicular no ensino e recuperar falantes entre as novas xeracións

A praza compostelá de Mazarelos acolleu esta mañá a presentación dunha nova Proposta de Normalización do galego no ensino impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística e apoiada pola CIG-Ensino, así como polas organizacións sindicais CSIF e STEG, ANPAS Galegas e os os Movementos de Renovación Pedagóxica, Nova Escola Galega e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Este documento nace como base para superar a situación dramática que vive a nosa lingua desde a chegada de Feijóo ao goberno da Xunta e a aprobación do Decreto 79/2010. Unha norma que relegou o galego das materiais científicas, de etapas educativas como Educación Infantil, Educación Especial ou Formación Profesional e que deixa como resultado que nestes momentos a escola sexa un dos principais elementos desgaleguizadores da nosa sociedade. Os datos así o indican. A cuarta parte da comunidade escolar maniféstase incapaz de expresarse na nosa lingua e as cifras de alumnado que a empregan ao comezar a súa escolarización é maior que ao remate desta.

Alertadas por esta realidade, que foi referendada recentemente polo Comité de ministros do Consello de Europa que lle dá de prazo ao goberno do Estado até o 1 de agosto para amosar os pasos a seguir no cumprimento da Carta Europea das Linguas Minorizadas, as organizacións asinantes impulsan estas propostas co obxectivo de converter o galego en lingua vehicular no ensino e intentar reverter o dano ocasionado nos últimos anos polo goberno do PP. Cómpre erradicar os prexuízos que persisten, a infravalorización e a exclusión da nosa lingua, iniciando un proceso de normalización lingüística real que que reverta a situación de inferioridade e recupere para o galego o status de normalidade que lle corresponde como lingua propia de Galiza. Neste proceso a escola debe ter un papel central para corrixir as carencias que dentro da sociedade limitan o seu uso, entre elas a competencia oral e escrita”, reza o documento.

As entidades que impulsan este novo Plan de normalización consideran que, malia o esforzo e o voluntarismo do profesorado, hoxe en día segue a ser moi escaso o material educativo, tanto en papel como dixital ou audiovisual, existente na nosa lingua en todas as etapas educativas e lamentan a falta de formación e apoio específico ao persoal docente para fornecer estes contidos curriculares. Neste sentido, na súa intervención o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, explicou que estas carencias víronse aínda máis agudizadas neste último trimestre no que, por mor da pandemia, se optou por ferramentas de docencia a distancia que afondaron no desterro do galego desta modalidade de ensino.

Liñas básicas do modelo lingüístico

Os promotores deste proxecto de normalización, en cuxo debate participaron tamén UGT e ANPE, esperan que sexa aprobado polo Parlamento para a súa asunción polo goberno da Xunta, de aí que lle será remitido aos distintos partidos políticos que se presentan ás eleccións do vindeiro mes de xullo. Prevén a súa aplicación en todo o ensino a nivel galego, tanto no público, como no privado e no concertado e que as comunicacións que se xeneren tanto dentro dos centros como de cara á comunidade educativa ou entre administracións se realicen exclusivamente na nosa lingua, así como as actividades extraescolares e complementarias. Un elemento central para a súa posta en marcha eficaz será apostar por un plan de formación do profesorado, que garanta a súa competencia plena e a súa concienciación favorábel para o uso do noso idioma nas aulas. Neste sentido prevense actuacións específicas para o profesorado que se incorpore con praza definitiva ao sistema educativo, comezando pola galeguización das Facultades de Maxisterio e do Mestrado de Formación do Profesorado de Secundaria.

No documento recóllese que cómpre destinar recursos tanto económicos como materiais e humanos que permitan conseguir estes obxectivos e incrementar os recursos didácticos na nosa lingua e sinalan como puntal do éxito deste plan contar coa complicidade de toda a sociedade. Para iso procurarase, a través de campañas específicas dirixidas á comunidade educativa e á poboación galega en xeral, a colaboración na execución deste plan e ligarase a impartición da nosa lingua e de contidos na nosa lingua a metodoloxías pedagóxicas innovadoras.

Aplicación do modelo lingüístico nos distintos niveis educativos

O documento aprobado e feito público hoxe opta por unha aplicación diferenciada do modelo lingüístico segundo as diferentes etapas educativas e os estudos previos sobre o contexto sociolingüístico do centro:

· MODELO A

O galego será a lingua vehicular e de aprendizaxe de todo o sistema educativo no máximo que estabeleza o marco legal.

· MODELO B (Transitorio)

O galego será a lingua vehicular, como mínimo, do 50% das áreas ou materias do alumnado.

Arbitraranse as medidas, adaptacións e os apoios correspondentes para o alumnado que o necesite ou mostre algunha necesidade no desenvolvemento lingüístico ou de incorporación tardía ao sistema educativo.

EDUCACIÓN INFANTIL

Tendo en conta a situación sociolingüística da contorna dos centros e a lingua do alumnado e das súas familias, o centro acollerase ao modelo A) ou B)

MODELO B ( TRANSITORIO)

-       Centros e/ou unidades nos que o uso do galego como lingua da contorna do centro e da familia do alumnado sexa moi minoritario.

-       Progresivamente irase incrementando para que o galego sexa a lingua vehicular e de aprendizaxe no máximo que estabeleza o marco legal.

-       Nestes centros poderán implantarse aulas co modelo A) para o alumnado que teña como lingua familiar o galego.

EDUCACIÓN PRIMARIA. (EP)

MODELO B ( TRANSITORIO)

Primeiro ciclo (1º e 2º curso)

Nos centros nos que o uso do galego como lingua do seu contorno e das familias do alumnado sexa moi minoritario, no período transitorio, no primeiro ciclo de EP, a vehiculización do ensino en galego será como mínimo dun 50 % no primeiro curso e un 75 % no segundo.

Segundo ciclo (3º e 4º curso)

Nos centros que se aplique o modelo B) no segundo ciclo de EP estabelecerase un período transitorio de dous cursos escolares para implementar a totalidade do modelo A). Nos dous cursos deste ciclo vehicularizarase en galego o 75% do ensino.

Terceiro ciclo (5º e 6º curso)

Aplicarase nos centros e/ou unidades de todo o ensino desta etapa. Con carácter xeral, o galego será a lingua vehicular e de aprendizaxe no máximo que estabeleza o marco legal

EDUCACIÓN SECUNDARIA OBRIGATORIA, BACHARELATO E FP

O galego será a lingua vehicular e de aprendizaxe no máximo que estabelece o marco legal. Nas linguas estranxeiras a lingua de acompañamento (auxiliar) será o galego.

Volver