Acordamos un calendario de mobilizacións con dúas xornadas de folga no sector educativo

Calendario conxunto de CIG, CCOO, STEG e CSIF

As catro organizacións sindicais faremos público o calendario de mobilizacións e as accións de protesta que promoveremos entre o profesorado galego e o conxunto da comunidade educativa o luns 31 de agosto.

Diante da actitude da Consellaría de Educación, coa imposición unilateral dun protocolo que supón unha irresponsabilidade na xestión dos centros educativos afectados polo documento elaborado pola Consellaría, as catro organizacións sindicais, que representan á inmensa maioría do persoal dos centros educativos galegos vimos de aprobar un calendario de mobilizacións que desembocarán nun primeiro momento en dúas xornadas de folga coincidindo co inicio do curso escolar, reafirmando así o compromiso xa adquirido e expresado no mes de xullo, coincidindo coa farsa negociadora do protocolo, coa alta participación do persoal afectado nas mobilizacións do 22 e 28 de xullo e co unánime rexeitamento da comunidade educativa.

Naquela altura foi claro o compromiso de non aceptar a complicidade cun documento e cunha situación sanitaria que, no seu conxunto, eran inasumíbeis. Hoxe, transcorrido un mes, a situación sanitaria empeorou claramente no noso país e a Consellaría non se moveu das súas intencións de asumir como criterio de actuación o custo cero.

Hoxe, as catro organizacións sindicais vinculadas por ese compromiso rexistramos unha convocatoria de folga xeral no ensino con dúas xornadas coincidentes co inicio das actividades lectivas nas diferentes etapas educativas, precedidas doutras accións que se darán a coñecer o luns 31 de agosto e para as que xa pedimos a participación masiva de todo o persoal afectado nos centros educativos.

Volver