Aclaracións innecesarias

Paga extra 2013

Non será a CIG-Ensino quen xulgue as actitudes doutras organizacións sindicais, iso correspóndelles ao profesorado e ao conxunto dos traballadores e traballadoras que, xustamente, veñen de recoñecer o traballo e a implicación da nosa central sindical ascendendo a CIG ao segundo lugar na representatividade sindical.

A CIG-Ensino está a facer un chamamento ao profesorado para reclamar masivamente a paga extra do ano 2013, pois, grazas á batalla xudicial emprendida no seu día para reclamar a do ano 2012, o persoal ao servizo da Xunta de Galiza vai poder recuperala no ano 2016, despois de que numerosas sentenzas nos recoñecesen este dereito. A proximidade das diferentes eleccións fixo o resto para que se poidan cobrar nos prazos fixados. En consecuencia, consideramos que o itinerario a seguir para reclamar a extra de 2013 pode e debe seguir o mesmo camiño.

Loxicamente, a CIG-Ensino presentou esta reivindicación pola vía da negociación, mais, visto que até agora non foi posíbel conseguila, sabemos que o mellor que se pode facer para desbloquear a negociación é emprender demandas administrativas e xudiciais. 

No últimos meses, foron numerosas as sentenzas que ditaron determinados xulgados galegos a favor das demandas presentadas pola CIG para recuperar a parte proporcional da paga extra do verán do ano 2013, confirmando que a retirada da parte proporcional do complemento específico dos meses de xaneiro e febreiro de 2013 foi ilegal, obrigando ao seu reintegro e impoñendo, nalgúns casos, as custas e os xuros correspondentes. 

A estratexia da CIG-Ensino, que xa fixemos pública no seu momento, consiste en reproducir o traballo feito coa paga extra do 2012: primeiro, promovemos uns poucos recursos individuais en todos os xulgados do país e, unha vez que a xurisprudencia é clara e favorábel ás nosas demandas, é o momento de estender estas reclamacións a todo o profesorado, toda vez que a Xunta xa anunciou, en resposta á esixencia da CIG, que non vai pagar de oficio a todo o seu persoal público.

A CIG-Ensino, que ten claro que facer ante este recorte, non vai agardar autorizacións externas para realizar o traballo que considera necesario para recuperar as retribucións que nos foron detraídas. Ademais, a CIG-Ensino antes de tomar unha decisión medítaa demoradamente e fundaméntaa legal e xuridicamente. O profesorado ten probas contundentes da seriedade da CIG-Ensino nas súas propostas e consecucións.

Lamentamos que outras organizacións sindicais non teñan máis argumento para apoiar as propias decisións que atacar o traballo que outras lexitimamente realizan, pois a nosa función é procurar a restitución dos nosos dereitos. Por outro lado, parécenos rastreiro que para defender a súa inacción inicien unha campaña de temor, afirmando que se vai gastar máis do que se vai recuperar, algo que non só non é certo, senón que nunca permitiriamos, ou que pretendan difamar aludindo a campañas de afiliación encubertas.

Non será a CIG-Ensino quen xulgue as actitudes doutras organizacións sindicais, iso correspóndelles ao profesorado e ao conxunto dos traballadores e traballadoras que, xustamente, veñen de recoñecer o traballo e a implicación da nosa central sindical ascendendo a CIG ao segundo lugar na representatividade sindical. 

Volver