Acadado un acordo para o colectivo “Proxectos e convenios-capítulos VI” da UDC

Os contratados de PEC-Cap.VI que desenvolven tarefas de investigación ou axudantes de investigación integraranse no censo de PDI laboral

“Proxectos e Convenios, Capítulo VI” é a denominación xenérica que recibe un colectivo de traballadores e traballadoras da UDC que desenvolven tarefas de investigación, auxiliares ou axudantes de investigación, e de apoio a estas actividades en tarefas técnicas, administrativas etc. Este colectivo ten unha particular relación contractual coa UDC e unha situación laboral caracterizada pola precariedade, a inestabilidade e a falta de representación laboral, pois o seu Comité de Empresa estaba totalmente desaparecido, xa que non se renovara no ano 2011 como lle correspondía (amais de que tivera xa unha existencia moi irregular e con constantes baixas dos seus membros nos 4 anos de vixencia).

Ante esta situación, no ano 2013 a CIG-Ensino intentou promover a renovación deste Comité de Empresa, e para isto convocamos eleccións sindicais que non se chegaron a celebrar pola oposición dos demais sindicatos e a propia xerencia da UDC.

Finalmente, vistas as dificultades para constituír e que fose operativo un comité de PEC, nunha reunión o 9 de setembro conseguimos chegar a un acordo coa UDC para buscar un acomodo legal e satisfactorio para este colectivo nun prazo razoábel de tempo.

Froito de todo isto o día 17 de decembro de 2013 iniciouse un proceso de negociacións, no que as consideracións e propostas iniciais da CIG-Ensino foron:

-Haberá que ter en conta que “Proxectos e Convenios, Capítulo VI” é un colectivo heteroxéneo, con características específicas nas súas funcións e relación laboral, pero isto non pode ser óbice para a inexistencia dun marco normativo específico ou xenérico que regule e garanta os dereitos que como a calquera traballador lles asisten. A lexislación (LOLS, EETT) recoñece e ampara o exercicio do dereito fundamental á representación.

-As posíbeis alternativas para dar saída a esta ausencia de representatividade e marco de negociación pasan pola constitución dun novo Comité propio ou ben pola inclusión do colectivo PEC nun dos colectivos xa existentes no persoal laboral na UDC. Desde a CIG-Ensino entendemos que ambas posibilidades presentan grandes dificultades (inestabilidade no primeiro caso como xa pasara no comité anterior, e heteroxeneidade do colectivo e a diversidade de tarefas e características das funcións desenvolvidas no segundo). Por iso desde a CIG-Ensino propuxemos a necesidade de estudo dunha terceira opción: o reparto en dous grupos do colectivo de “Proxectos e Convenios, Capítulo VI” e a inclusión dos seus membros nun colectivos dos xa existentes, aquel que máis se acomode ás súas funcións e condicións laborais reais. Para isto demandamos á Xerencia a realización dun estudo pormenorizado das características dos postos de traballo e das tarefas desenvolvidas dentro desta denominación xenérica de “Proxectos e Convenios, Capítulo VI”.

En marzo de 2014 celebráronse eleccións sindicais no colectivo de PAS Laboral. Este proceso, e o intento da UDC de integrar todo o colectivo de PEC-Cap.VI no censo destas eleccións, provocou a paralización das negociacións da mesa de Capítulo VI. En maio de 2014 desde a CIG-Ensino demandamos da Xerencia e a Reitoría da UDC o reinicio das negociacións paralizadas e a convocatoria dunha nova xuntanza.

Entre xuño e outubro de 2014 celebráronse 5 reunións da mesa de Capítulo VI, nas que sinteticamente, e tal e como se pode contrastar nas respectivas actas, se tratou o seguinte:

-A UDC, a través da Xerencia e as Vicerreitorías de Transferencia e de Profesorado e Investigación, presentes na Mesa, aportan un documento base para a negociación. Este documento base é semellante ao asinado na Universidade de Santiago para o seu persoal do Cap-VI e recolle unha clasificación do persoal en función das tarefas que desenvolve e inclúe categorías e retribucións mínimas. No acordo da Universidade de Santiago todo este persoal pasa a integrarse no censo de PAS laboral da USC.

-Desde a CIG-Ensino propoñemos que na UDC se aborde a posibilidade de integración das persoas que desenvolven tarefas investigadoras, como tales ou como axudantes, no censo de PDI laboral (pois isto é unha vella demanda deste colectivo e entendemos que polas características do seu traballo é o ámbito máis acaído, xa que a diferenza fundamental entre investigadores de PEC e PDI é a forma na que se financian os proxectos e os propios contratos que se lles realizan), e que no resto de persoal, aqueles que desenvolven tarefas técnicas ou administrativas, se acorde trasladar a negociación á representación de PAS laboral.

-En sucesivas reunións prodúcense avances na negociación do relativo ás categorías A1 e A2, até chegar a un borrador de texto final que a UDC propón para sinatura no que o relativo ás categorías dos grupos B (técnicos) e C (administrativos) é idéntico ao texto inicial, pois seguindo a nosa petición nada diso se tratou nas negociacións. Sobre este borrador facemos novamente a obxección da necesidade de negociar coa representación de PAS Laboral o relativo a estas categorías e a necesidade de desvincular ambos colectivos (grupo “A” por un lado e “B” e “C” por outro) na sinatura do acordo.

-A UDC remite un texto final que recolle as negociacións do relativo ás categorías do grupo A e a súa integración no censo de PDI laboral da UDC, así como outras demandas, e no relativo aos grupos B e C o texto orixinal coa apreciación “No que atinxe ao ámbito de representatividade das restantes categorías recollidas no presente acordo, estarase ao resultado da correspondente negociación co Comité de Empresa do PAS laboral da UDC.”

O ACORDO SUPÓN UN IMPORTANTE AVANCE PARA O COLECTIVO PEC Cap-VI

A CIG-Ensino foi a principal promotora e séntese responsábel do negociado a propósito das categorías de persoal que desenvolve tarefas de investigación e que se integrará no censo de PDI laboral e, independentemente das dificultades atopadas en todo o proceso, dos atrancos e dilacións que se produciron, así como do pouco entusiasmo de outras organizacións, asina o acordo pois representa un avance notable na situación do colectivo:

• Dá saída ao problema da representatividade.

• Introduce criterios claros para as funcións laborais e clasificación das tarefas, establecendo unhas categorías profesionais que son tamén homologábeis en todo o SUG.

• Garante un mínimos retributivos, contías para as indemnización de servizo, etc.

• Acádanse compromisos de revisión e mellora do actual acordo de condicións laborais, de introdución de criterios de transparencia na selección e contratación de persoal, etc.

CIG INFORMA

TEXTO DO ACORDO

Volver