Acabáronse as escusas para que a Consellaría de Educación siga sen negociar o desenvolvemento do próximo curso

Hoxe os Ministerios de Sanidade e de Educación e Formación Profesional fixeron público un documento con recomendacións en relación ás medidas de prevención e hixiene fronte ao SARSCoV-2 para os centros educativos no curso 2020-2021

Mentres noutros territorios xa se levan celebrado varias reunións entre responsábeis de Educación e comunidade educativa, a Xunta de Feijóo segue instalada na parálise táctica para non mancharse antes das eleccións.

A CIG-Ensino insta á Consellaría de Educación a convocar de forma inmediata unha Mesa Sectorial específica para tratar as medidas preventivas e o protocolo de actuación que se vai levar a cabo para o desenvolvemento do vindeiro curso académico, toda vez que hoxe mesmo os Ministerios de Sanidade e Educación fixeron público un documento con recomendacións xerais para a súa aplicación nos centros educativos mentres esteamos baixo a situación de pandemia mundial. Acabáronse polo tanto as escusas para a Xunta de Feijóo, que até o de agora se limitou a realizar algunhas declaracións públicas por boca da conselleira e de propio presidente, e que resultan moi preocupantes desde o punto de vista sanitario, e cómpre coñecer cales son as súas intencións de cara ao inicio do curso previsto para o día 10 de setembro nas etapas educativas inferiores e para o 16 en ESO, Bacharelato, FP e ensinanzas especiais.

Desde o sindicato xa elaboramos unha proposta base para esa negociación, un documento de 15 páxinas no que pedimos que se atenda ao criterio sanitario e preventivo que está demostrado que evita os contaxios: o distanciamento físico. Para garantir esta separación entre membros da comunidade escolar, que o documento do Ministerio sitúa cando menos en 1,5 metros, non hai outra solución que a adaptación de espazos e a diminución das ratios, fundamentalmente naqueles centros máis masificados de ámbito urbano e periurbano.

Conscientes de que a estratexia de prevención de contaxios fronte ao coronavirus pasa por realizar modificacións substanciais no ensino presencial, que desde a CIG-Ensino reivindicamos como garante da equidade e da calidade educativa, queremos que o goberno da Xunta indique xa canto orzamento vai destinar a todas as continxencias que se deriven desta situación e que pasan ineludiblemente pola contratación de máis efectivos docentes. Este punto é fundamental para cumprir a recomendación tamén recollida no documento ministerial de intentar limitar o contacto entre distintos grupos de idade. Como é sabido a rotación continua de profesorado nas aulas, os apoios, a impartición de materias afíns ou o incremento das itinerancias nos últimos anos debidas aos recortes non permiten establecer con certas garantías estes grupos estables de convivencia que servirían para detectar e illar rapidamente calquera caso que se produza sen necesidade de poñer en corentena a todo o centro educativo.

A solución, como xa concluímos no noso documento de propostas, pasa pola diminución de ratios e a contratación de máis profesorado que poida estar máis tempo co seu grupo, sobre todo nas etapas de Infantil, Educación Especial e Educación Primaria. Neste sentido, desde a CIG-Ensino botamos en falta a concreción da contía económica que se vai destinar a sufragar a nova normalidade nos centros educativos, que si teñen estimadas outras comunidades autónomas. Non imos consentir que os fondos necesarios para fortalecer o ensino público e a presencialidade, despois de que se evidenciara que a teledocencia non é nin sequera un parche, sexan destinados a outros fins, como o propio Feijóo solicitou na conferencia de presidentes autonómicos, nin se distribúan co ensino privado e concertado. Esiximos pois unha negociación inminente con cifras e protocolos claros enriba da mesa e ofrecemos partir da nosa proposta de plans de actuación nos centros educativos e que contempla medidas estruturais, sanitarias, educativas, laborais e sociais.

Volver