A xustiza declara nulos ou improcedentes 57 dos 61 despedimentos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

A CIG vén de facer públicas as sentenzas que declaran improcedentes 52 dos 61 despedimentos do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e nulos outros 5. A xustiza tan só deu a razón á administración en dous dos despedimentos e noutros dous casos non houbo sentenza porque non se presentou demanda. Tamén obriga á Xunta de Galiza a pagar indemnizacións de entre 15.000 e 16.000 euros a cada un dos traballadores/as despedidos e os salarios de tramitación. Para a CIG, que fixo públicos estes datos hoxe en rolda de prensa, o resultado das demandas é demoledor. Por iso reclama da Xunta de Galiza a readmisión de todas/os traballadoras/es e a restitución do servizo público que se viña prestando desde o Consorcio.

A CIG considera as sentenzas “demoledoras” e reclama da Xunta de Galiza a readmisión dos/as traballadores/as e a restitución deste servizo público

A xustiza declara nulos ou improcedentes 57 dos 61 despedimentos do
Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

 

A CIG vén de facer públicas as sentenzas que declaran improcedentes 52 dos 61 despedimentos do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e nulos outros 5. A xustiza tan só deu a razón á administración en dous dos despedimentos e noutros dous casos non houbo sentenza porque non se presentou demanda. Tamén obriga á Xunta de Galiza a pagar indemnizacións de entre 15.000 e 16.000 euros a cada un dos traballadores/as despedidos e os salarios de tramitación.  Para a CIG, que fixo públicos estes datos hoxe en rolda de prensa, o resultado das demandas é demoledor. Por iso reclama da Xunta de Galiza a readmisión de todas/os traballadoras/es e a restitución do servizo público que se viña prestando desde o Consorcio.

O secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, lembrou que estes despedimentos foron consecuencia da actuación “partidista” do PP, que se marcou como obxectivo, desde a súa chegada ao goberno da Xunta de Galiza, desmantelar e privatizar o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Unha decisión que provocou unha conflitividade laboral e social que aínda persiste e para a que non dubidou en recorrer á “calumnia e á mentira”, dixo Louzao, para desacreditar socialmente tanto aos traballadores como ao propio servizo que prestaba o Consorcio.

Louzao salientou que a CIG, que ten o 70% da representación sindical, denunciou durante todo este período a actuación da consellaría de Traballo, da que depende o Consorcio, pola constante vulneración dos dereitos sindicais, por non cumprir co convenio asinado e por non respectar os acordos adoptados, anulando mesmo a convocatoria de oposicións que fora negociada e aprobada tanto pola administración como polas organizacións sindicais. “Na actualidade, os máis de 1.200 traballadores e traballadoras carecen de convenio e padecen unhas condicións laborais precarias”.

O secretario nacional de CIG-Ensino afirmou que a actuación do PP, “baixo criterios ideolóxicos”, provocou tamén a desaparición das galescolas e do seu modelo educativo. A este respecto, lembrou que veñen facéndose públicas sucesivas sentenzas que xa no seu día obrigaron á Xunta de Galiza a facer indefinido tanto ao seu persoal como ao das oficinas de I+B.

Xunto a isto, afirmou que “todo o persoal que entrou a traballar no Consorcio no bipartito o fixo por oposición” mentres que agora, “estase tirando dunha lista que non é pública, o que si posibilita contratacións fraudulentas”.

Dilapidación de cartos públicos

Pola súa banda, María Carme López Santamariña, secretaria nacional de CIG-Administración, denunciou a hipocrisía dunha administración que fai alarde de austeridade cando “prefire destinar fondos públicos para facer fronte a indemnizacións” e que di promover a creación de emprego cando “non ten problema algún en despedir, mesmo de forma improcedente, aos seus traballadores/as”.

Respecto dos 5 despedimentos declarados nulos, lembrou que nas sentenzas se recolle explicitamente que deberan ser readmitidos no mesmo posto de traballo, no mesmo servizo e nas mesmas condicións. En todo caso, especificou que a decisión dependerá de cada un dos traballadores/as.

 

Para tomar a decisión de declarar nulos ou improcedentes os despedimentos, a xustiza tivo en conta que non finalizaran os programas para os que estes traballadores/as foran contratados e que non figuraba a data de finalización das contratacións.

 

Servizo público indispensábel

 

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar garantía a cobertura, sobre todo no rural e para os sectores máis desfavorecidos, de servizos sociais fundamentais posibilitando que non existiran discriminacións respecto das zonas urbanas e facilitando o seu acceso a aqueles que máis o necesitan.

 

Na actualidade, segundo explicou Laura Estévez, presidenta do Comité do Consorcio da Coruña, este traballo que estaba a ser desenvolvido en cada oficina por unha media de 6 persoas, tense que levar a cabo agora con 2 ou 3, o que provocou unha “redución da intervención dos servizos sociais” que afecta fundamentalmente ao desenvolvemento dos programas dirixidos aos colectivos máis desfavorecidos.

 

Por iso salientou a necesidade de reincorporar ao conxunto de traballadores/as, tanto se as sentenzas declararon improcedente ou nulo o despedimento. A isto engadiu Louzao a necesidade de que se restitúa o servizo que se viña prestando desde o Consorcio, para garantir a súa prestación pública e de calidade.

 
 

Compostela, 9 de setembro de 2010

Volver