A Xunta xa conseguiu o seu obxectivo: o castelán é o idioma predominante en Galiza
Os datos do IGE amosan que máis da metade da poboación utiliza máis habitualmente o castelán que o galego e que entre a poboación de entre 5 e 14 anos o 32,4% non ten competencia no noso idioma, un 16% máis que hai 5 anos
A política lingüicida da Xunta de Galiza cara ao noso idioma deixa datos demoledores tanto pola situación de emerxencia na que se atopa como pola rapidez coa que se están a producir os cambios nos hábitos da poboación galega con respecto. O Instituto Galego de Estatística, após 5 anos do último estudo, publicou hoxe que o 30% das persoas enquisadas declararan expresarse só en castelán fronte ao 24% que o fai só en galego. Na franxa de idade que practicamente coincide co ensino obrigatorio, entre 5 e 14 anos, case 71.000 rapaces e rapazas declaran descoñecer absolutamente o galego, unha realidade que se constata día a día nos centros educativos e que é froito, principalmente, da aplicación do Decreto de Plurilingüismo. A CIG-Ensino urxe a derrogalo canto antes e a negociar un Plan que reverta esta situación e volva ao consenso do Plan Xeral de Normalización Lingüística do que se cumpren 20 anos da súa aprobación.
A CIG-Ensino non deixou de criticar e combater o Decreto de Plurilingüismo aprobado pola Xunta do Partido Popular en 2010 tras a chegada de Feijóo ao poder, por minimizar e desprestixiar o uso da nosa lingua no ensino tanto nas etapas obrigatorias como nas non obrigatorias. Como ten denunciado en reiteradas ocasións, o feito de que o galego non sexa lingua vehicular nas etapas de infantil e primaria, a prohibición de impartir as materias científicas no noso idioma, a falta de materiais didácticos sobre todo dixitais, fundamentalmente nos cursos nos que se emprega Edixgal, a desgaleguización de ensinanzas como a Formación Profesional, as de réxime especial e a Universidade arroxa unhas cifras demoledoras e un devalo rapidísimo no uso e no coñecemento do galego por parte da poboación máis nova.
En concreto, nos últimos 15 anos a porcentaxe de residentes en Galiza que afirma que só emprega o español subiu desde 19,6% en 2008 ao 29,3% en 2023. Nas franxas de idades máis novas estas porcentaxes son moi superiores, chegando ao 53,6% na poboación entre 5 e 14 anos e ao 43% na faixa entre 15 e 29 anos, un 24 e un 17,6% puntos máis que en 2008. Pola contra, afirman expresarse só en galego o 7% da poboación entre 5 e 14 anos e o 11,9% a mocidade entre 15 e 29 anos.
Para a CIG-Ensino esta radiografía da situación do uso do galego non é ningunha novidade porque, como sindicato maioritario no ensino público, xa vén advertindo que o desprezo e desconsideración ao que somete a Xunta o noso idioma neste ámbito traería estas consecuencias. En concreto, a cifra de que preto de 71.000 mozos e mozas que residen en Galiza declaren descoñecer absolutamente o galego é insólita, e supón un incremento de máis de 16 puntos con respecto a 2008.
Nin pacto pola lingua nin máis mentiras: derrogación do Decreto de Plurilingüismo e negociación dunhas Bases para a normalización efectiva do galego no ensino
A CIG-Ensino presentou hai máis de 4 anos unha proposta de Bases para a normalización lingüística en Galiza consensuada con outras organizacións sindicais, así como con Anpas Galegas, A Mesa pola Normalización Lingüística e Movementos de Renovación Pedagóxica como a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e Nova Escola Galega. Para o sindicato non hai outra saída a este novo século escuro para o galego que quere consolidar a Xunta do PP que sentar a negociar sobre un verdadeiro plan que reverta o uso da nosa lingua nas diferentes etapas educativas. A continuación resúmese a proposta feita pública en xuño do ano 2020 e que amosa que o sindicato xa ten o traballo feito fronte á propaganda e as mentiras das distintas Consellarías da Xunta ofrecendo pactos pola lingua cando a súa política foi de acoso e derribo contra o galego nos últimos 15 anos.
Aplicación do modelo lingüístico nos distintos niveis educativos recollido na proposta de Bases para a normalización do ensino en Galiza
- MODELO A
O galego será a lingua vehicular e de aprendizaxe de todo o sistema educativo no máximo que estabeleza o marco legal.
- MODELO B (TRANSITORIO)
O galego será a lingua vehicular, como mínimo, do 50% das áreas ou materias do alumnado.
Arbitraranse as medidas, adaptacións e os apoios correspondentes para o alumnado que o necesite ou mostre algunha necesidade no desenvolvemento lingüístico ou de incorporación tardía ao sistema educativo.
EDUCACIÓN INFANTIL
Tendo en conta a situación sociolingüística da contorna dos centros e a lingua do alumnado e das súas familias, o centro acollerase ao modelo A) ou B)
MODELO B (TRANSITORIO)
- Centros e/ou unidades nos que o uso do galego como lingua da contorna do centro e da familia do alumnado sexa moi minoritario.
- Progresivamente irase incrementando para que o galego sexa a lingua vehicular e de aprendizaxe no máximo que estabeleza o marco legal.
- Nestes centros poderán implantarse aulas co modelo A) para o alumnado que teña como lingua familiar o galego.
EDUCACIÓN PRIMARIA. (EP)
MODELO B (TRANSITORIO)
Primeiro ciclo (1º e 2º curso)
Nos centros nos que o uso do galego como lingua do seu contorno e das familias do alumnado sexa moi minoritario, no período transitorio, no primeiro ciclo de EP, a vehiculización do ensino en galego será como mínimo dun 50 % no primeiro curso e un 75 % no segundo.
Segundo ciclo (3º e 4º curso)
Nos centros que se aplique o modelo B) no segundo ciclo de EP estabelecerase un período transitorio de dous cursos escolares para implementar a totalidade do modelo A). Nos dous cursos deste ciclo vehicularizarase en galego o 75% do ensino.
Terceiro ciclo (5º e 6º curso)
Aplicarase nos centros e/ou unidades de todo o ensino desta etapa. Con carácter xeral, o galego será a lingua vehicular e de aprendizaxe no máximo que estabeleza o marco legal
EDUCACIÓN SECUNDARIA OBRIGATORIA, BACHARELATO E FP
O galego será a lingua vehicular e de aprendizaxe no máximo que estabelece o marco legal. Nas linguas estranxeiras a lingua de acompañamento (auxiliar) será o galego.