A Xunta segue mantendo os recortes no Fondo de Acción Social
Como ven acontecendo nos últimos anos o recorte ascende a máis de sete millóns de euros
A CIG, sindicato maioritario na administración galega, volveu criticar os recortes realizados polo goberno do PP desde a súa chegada á Xunta en 2010 no marco da reunión coa Dirección Xeral de Función Pública para negociar os criterios de reparto do Fondo de Acción Social (FAS), un complemento que practicamente ficou reducido á nada despois de pasar dunha contía de 9.136.392 en 2011 a 2 millóns de euros neste ano.
O sindicato defendeu nesta reunión as súas alegacións que inciden na recuperación e ampliación progresiva da contía económica e tamén da recuperación do resto de categorías nas que se podían percibir axudas (xa que actualmente só existe a de atención a persoas con discapacidade) e que nestes dous anos tórnanse máis relevantes cos gastos que moitas e moitos empregados públicos tiveron que facer fronte á situación derivada da pandemia.
Pago fraccionado mes a mes
A CIG tamén propuxo que unha vez que se teña dereito a esta axuda, o pago se faga mes a mes até que o interesado deixe de ter dereito a ela, e non co pago anual como se fai até o de agora, xa que pode ocorrer que cando se abra o prazo de solicitudes xa non exista o feito causante e polo tanto se perda a contía de todo o ano 2021. Desde a administración argumentaron que están tratando de modificar os sistemas informáticos para facelo así.
A maiores disto, a CIG formulou tamén estas achega á Consellería de Facenda:
- Dotar o Fondo de Acción Social da Xunta de Galiza co 1% da masa salarial.
- Compatibilizar as axudas do Fondo de Acción Social que se reciban por parte dos e das empregadas públicas da Xunta con outras que poidan percibir como beneficiarios.
- Inclusión no FAS da Xunta de Galiza dos beneficios ou axudas que existen noutras administracións ou mutualidades como MUFACE.
- Nas solicitudes debe darse como opción prioritaria a presentación por sede electrónica cun procedemento propio para o FAS, permitindo que se poida presentar tamén por rexistro tal e como aparece no artigo 5.
- Os prazos para solicitar o FAS non deben coincidir en ningún caso co mes de agosto.
- A resolución e aboamento do Fondo de Acción Social debe ser no mesmo ano natural da convocatoria para evitar os problemas con declaracións complementarias de IRPF.
- Actualización do importe de axuda (2.160€) en función do IPC. A contía proposta é a mesma ca do ano pasado, o que supón unha devaluación da axuda pola suba xeneralizada dos prezos e pola maior demanda dos recursos necesarios para atender as persoas con discapacidade por mor da covid.