A Xunta restrinxe un dereito ás funcionarias galegas na aplicación dos novos permisos de igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes no emprego

A CIG-Ensino solicitoulle por escrito á Consellaría unha reunión da Mesa Sectorial para abordar estas modificacións e lamenta que, unha vez máis, a administración non contrastara o desenvolvemento de normativas de principal interese para o profesorado

Nas instrucións feitas públicas pola Consellaría de Educación para aplicar o Real Decreto-lei 6/2019 óptase pola redacción confusa deste último, que en caso de fillos/as con discapacidade e de partos múltiples, inclúe a ampliación do permiso de nacemento, adopción ou acollemento unha semana máis para cada proxenitor, mentres que a Lei de Emprego Público de Galiza recollía dúas semanas máis para a nai.

A Consellaría de Educación acaba de publicar unhas instrucións para clarificar como se vai aplicar o Real Decreto-lei 6/2019, do 1 de marzo, de medidas urxentes para a garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e na ocupación, medida aprobada polo goberno do Estado que contou coa sinatura da CIG na Mesa Xeral das Administracións Públicas. Porén, atopámonos con que nesas instrucións aparece unha restrición dun dereito que lle afecta ás funcionarias galegas, que tiñan recoñecidas dúas semanas máis de ampliación do permiso por parto, adopción ou acollemento, no caso de discapacidade do fillo ou filla ou tamén no caso de partos múltiples a partir do segundo. No caso da normativa do Estado, que modifica o Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP), a redacción é confusa. Fala primeiro de incrementar dúas semanas máis o permiso para a nai no caso de discapacidade da crianza e despois contradise cando no apartado do outro proxenitor establece que son dúas semanas máis a repartir entre cada un dos proxenitores.

No caso concreto dos partos múltiples a redacción do RD-lei é máis clara e eleva a ampliación a dúas semanas, unha para cada persoa proxenitora

Desde a CIG-Ensino xa nos puxemos en contacto coa administración para facerlle ver que sempre debe prevalecer o dereito superior que tiñan adquirido as traballadoras públicas galegas de contar con esas dúas semanas a maiores, tanto no caso de discapacidade dos/as fillos/as como de partos múltiples. Mais a Consellaría nestas instrucións manifesta a súa intención de eliminar este dereito para as mulleres e aplicar a lexislación que é máis restritiva. 

Mesa Sectorial

Ao mesmo tempo no sindicato afeámoslle á administración que, unha vez máis, non contrastara como se ía desenvolver esta normativa, de vital relevancia para o profesorado galego, no marco da Mesa Sectorial, o máximo órgano de negociación laboral e de representatividade do colectivo docente. Neste sentido, vimos de remitirlle un escrito ao Director Xeral de Recursos Humanos para que se convoque unha reunión da Mesa co obxecto de abordar estas cuestións, que debería ser previa á publicación de ningún tipo de instrución.

Novos permisos

Pódese consultar un resumo dos novos permisos recollidos no Real Decreto-lei 6/2019 nesta ligazón.

Volver