
A Xunta resístese a recoñecer a igualdade de dereitos na duración do permiso por nacemento
O Goberno galego négase a aplicar con carácter xeral a sentenza gañada pola CIG que dá 22 semanas de permiso a outra persoa proxenitora e busca gañar tempo coa presentación dun recurso perante o Tribunal Supremo
A CIG gañou no mes de xuño unha sentenza que recoñece a un traballador da administración autonómica (Consorcio Galego de Benestar e Servizos Sociais) o dereito a gozar dun permiso polo nacemento da súa filla coa mesma duración -22 semanas no canto de 16- que o que ten a súa parella, nai biolóxica.
O sindicato demandou a continuación que a Administración autonómica á aplicación xeral a todo o persoal da Xunta deste novo dereito recoñecido na sentenza, contundente na súa fundamentación, ao entender que se deben ter presentes os dereitos de conciliación e a corresponsabilidade e a garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e a ocupación, estabelecendo idéntica duración para o permiso por nacemento da nai biolóxica que para o permiso derivado do nacemento para o proxenitor distinto dela.
Así, desde a CIG instouse á Dirección Xeral de Función Pública a:
- Modificar o artigo 124 da Lei 2/2015 no sentido do que recolle a sentenza, recoñecendo a extensión a 22 semanas desde as 16 actuais para a persoa proxenitora diferente da nai biolóxica en casos de nacemento, acollemento, garda con fins de adopción ou adopción dun fillo ou filla.
- Publicar, mentres non se faga efectivo ese cambio, as instrucións ou normas legais necesarias para que recoñeza ese dereito a todos os empregados e empregadas públicas da Xunta de Galiza.
- Negociar, no marco da Mesa Xeral, a extensión dos permisos para ambos proxenitores, dos permisos no camiño da proposta da CIG de amplialos, cando menos dun xeito progresivo, até as 52 semanas
A CIG lamenta que a Xunta, lonxe de dar pasos inmediatos para garantir o dereito ao pai ou outra persoa proxenitora a aumentar en 6 semanas o seu permiso e ter a mesma duración que a súa parella, nai biolóxica, fai exactamente o contrario e busca evitalo mediante a presentación dun recurso de casación perante o Tribunal Supremo.
Desde o sindicato animamos a todos os pais ou nais non biolóxicas, cuxo fillo ou filla aínda non cumprira os 12 meses a presentar unha solicitude perante a XEFATURA TERRITORIAL da Consellaría de Educación que corresponda para prolongar 6 semanas -se xa está a gozar ou se rematou o permiso das 16 semanas- ou a desfrutar as 22 semanas se o nacemento se produce máis adiante. De non se reclamar antes do ano de vida do neno ou nena perdería o dereito a reclamalo, que é o único que busca a Xunta que primeiro lexisla sen ter en conta a discriminación en materia de igualdade para despois negarse á evidencia de estender un dereito que descansa precisamente na corresponsabilidade plena nos coidados e crianza dos nosos fillos e fillas.