A Xunta recollerá na Lei de Orzamentos de 2019 un falso e raquítico “acordo de homologación salarial” que consolida recortes e bloquea o “AME” e a “PEA”

Información da reunión da Comisión Tripartita do Ensino

Este acordo hipotecará os salarios dos/as traballadores/as até 2021. Unha vez máis as demais OO.SS asinan un acordo “sen ningún tipo de negociación”, que non deixa de ser unha pequena esmola ou propina electoralista para cada unha das partes asinantes e que non ten en conta os verdadeiros intereses dos traballadores/as da concertada.

Despois de anos de mesas da tripartita simplemente informativas, nas que todas as OO.SS demandabamos negociacións reais, chega o momento e a administración presenta un documento para negociar, un “Acordo salarial de homologación coa pública e coas distintas CCAA”, que recolle:

         - Unha suba mensual de 15€ dende o 1/10/2018.

         - Unha suba mensual de 20€ dende o 1/01/2019.

         - Unha suba mensual de 25€ dende o 1/01/2020.

         - Unha suba mensual de 30€ dende o 1/01/ 2021.

                                                                                  TOTAL -  90€ no ano 2021.

E cal é a nosa sorpresa? Que se despreza esta oportunidade de negociación real, pois todas as demais OO.SS se “congratulan” con este “bo acordo”, e acéptano sen máis. Un acordo de suba salarial (que a administración trae a esta mesa por analoxía do asinado na mesa do ensino público “en xullo” e que xa ía aplicar, posto que se recollía nos Orzamentos de 2019) cunhas cantidades e prazos indignos, logo dos recortes padecidos, e que pechan calquera outra negociación ata o remate de dito acordo en 2021, como o AME (acordo de mantemento emprego) e a PEA (paga extra antigüidade). Ademais consolídanse os recortes padecidos dende 2010.

Dende a CIG-Ensino intentamos forzar unha nova negociación, quedando sós fronte á administración, cos seguintes argumentos defendidos:

1º - A CIG-Ensino non o vai asinar do mesmo xeito que non o fixemos na mesa sectorial de ensino da pública, por INASUMIBLE e por ser unha FRAUDE para os docentes da pública, pois só foi asinado por unha minoría sindical entregada á administración (CCOO e UGT co 26% da representatividade), fóra da mesa de negociación e en pleno mes de xullo, sen poder consultar o profesorado. O que non vale para uns traballadores/as tampouco vale para outros/as, pois falamos dunhas cantidades e prazos indignos e vergoñentos logo dos recortes padecidos e máis na Galiza (non esquezamos os recortes no complemento autonómico de 2013 a 2016, que rondan os 6.300€ de media e que non se teñen en conta para esta falsa homologación da que se fala).

2º - A CIG-Ensino defendeu que, como mínimo, tiña que ir nos termos do último asinado en 2006 que foi de 150€ e en 3 orzamentos e non 4 como agora… Si, 150€ fai 12 anos! e agora 90€ e en máis partidas orzamentarias (recordamos que en Xustiza asinouse con 145€, en menos tempo e con máis temas demandados, falamos das mesmas categorías, A2 e A1).

3º - A CIG-Ensino tamén defendeu que se tiñan que negociar outras reivindicacións laborais, ou polo menos marcar un calendario de negociacións. Reivindicacións avaladas por máis de 5.000 sinaturas logo da campaña “ Negociación na Concertada Xa”, na que se demandaba un Acordo de Mantemento de Emprego (AME), recuperación dos recortes salariais e laborais padecidos dende 2010, a PEA (Paga Extra Antigüidade) e o Complemento de Dinamización LingüísticaDe que valeron as mobilizacións?

4º - Para a CIG-Ensino esta proposta non deixa de ser un parche, un engano aos traballadores/as e unha esmola ou propina electoralista para os asinantes, que están a mirar máis polos seus propios intereses que polos dos/as traballadores/as que din representar e defender… e máis neste sector cando aínda está pendente cobrar do acordo de 2008-2010 os 45€ do último prazo e o 2% do complemento autonómico (52€/mes). Ula homologación e con quen?

Dende CIG-Ensino entendemos que este texto hai que melloralo, rectificar é de sabios, mais estas palabras caeron en saco roto.

Por todo isto, dende a CIG-Ensino entendemos que esta actitude das demais OO.SS é indigna do que é o seu cometido e máis logo de múltiples solicitudes á Consellaría de Educación, de escritos e manifestos reivindicativos, de reunións cos grupos parlamentares, de peches nas institucións públicas, concentracións, campaña de recollida de sinaturas... para trasladarlle as necesidades do sector así como as súas reivindicacións á administración (a recuperación dos recortes salariais e laborais, a estabilidade no emprego- AME, a paga de antigüidade - PEA e o pagamento do Complemento de Dinamización Lingüística), coa finalidade de forzar a apertura dunhas negociacións lexítimas e imprescindibles.

Agora que se tiñan as negociacións enriba da mesa desprézanse, traizoando e vendendo os traballadores/as que se mobilizaron e participaron nos distintos actos reivindicativos mencionados. Dende logo a CIG-Ensino desmárcase desta complicidade coa administración e desta fraude e venda sindical a quen nos leva arrebatado tanto e agora nos dá unha esmola e consolida os recortes.

Xa como 3º punto en Informacións Varias, o Director Xeral de Recursos Humanos Xosé Manuel Pinal preséntanos a nova Lei de Orzamentos da Xunta para 2019 que recollerá as “bondades deste acordo” e que na suba salarial remite ao que se aprobe nos orzamentos estatais. En canto ao Acordo de Mantemento de Emprego (AME), á PEA (Paga Extraordinaria de Antigüidade) e ás demais reivindicacións non se recollerá nada, pois como xa previamos nós, o esforzo só se fai coa suba salarial e logo tamén se incrementaron as partidas de Auxiliares de conversa, Plambe, atención as NEAE, incremento de unidades concertadas…

Neste punto, dende a CIG-Ensino fixemos fincapé no dereito á Negociación Colectiva nesta mesa da tripartita e a negociarmos un Convenio Galego para o sector, que realmente atenda as reivindicacións e necesidades dos traballadores/as da concertada. Sobre todo porque as competencias tenas esta administración e o convenio estatal non se está a cumprir. Acaban de asinarse unhas táboas salariais cun incremento do 1,625%, cando os/as empregados/as públicos veñen de ter unha suba do 1,75%, perdendo deste xeito a homologación coa pública, da que tanto se enchen a boca algúns, cunha diferenza dun 0,125%. Estes acordos non foron asinados pola CIG-Ensino, pois xa previamos que estas subas, pactadas por Montoro, CCOO e UGT, nos levaban a seguir perdendo poder adquisitivo no canto de recuperalo, tal e como venderon nos medios de comunicación cando o asinaron, pois o IPC está actualmente nun 2,3%, é dicir, perderemos máis de medio punto, cando xa se leva acumulado máis dun 13% de perda de poder adquisitivo.

A solución a todos estes despropósitos e á venda sindical dos vosos dereitos tédela na vosa man en cada un dos procesos electorais nos vosos centros de traballo. Aposta por un modelo sindical reivindicativo, combativo e participativo como o da CIG-Ensino e non polo pactista, entreguista e que vos suplanta das outras OO.SS.

CIG Informa sobre o "Acordo de homologación salarial" para o ensino concertado asinado pola Xunta e os sindicatos estatais

Documento


Volver