A Xunta opta pola vía da imposición para aplicar a batería de recortes sociais e económicos para o persoal das administracións

O Goberno presentou á Comisión de Persoal un novo texto con pequenas modificacións, que foi rexeitado por todas as organizacións sindicais

A Xunta de Galiza confirmou a súa aposta pola vía da imposición fronte á negociación durante a reunión da Comisión de Persoal que tivo lugar este mércores por mor do anteproxecto de Lei de Medidas Extraordinarias no Emprego Público. As organizacións sindicais votaron en contra deste texto e volveron demandar a retirada deste proxecto de lei que suporá un grave recorte dos dereitos laborais e económicos do persoal aos servizo das administracións galegas e un deterioro na calidade dos servizos públicos. Ao mesmo tempo, centros de traballadores e traballadoras concentrábanse ás portas da EGAP, onde tivo lugar a xuntanza, para amosar a súa oposición a estas regresivas medidas.

Na xuntanza da Comisión de Persoal (último órgano de negociación e consulta onde teñen participación as organizacións sindicais), a Xunta de Galiza presentou un novo texto do Anteproxecto de Lei de Medidas no Emprego Público, que basicamente modifica aqueles aspectos referidos á modulación da cobertura por Incapacidade Temporal (enfermidade común), que quedaría regulada do seguinte xeito:

- Até o terceiro día abonarase un complemento de até o 50% das retribucións na primeira baixa do ano e até o 40% se se trata da segunda IT. Para baixas posteriores o complemento aplicarase a partir do cuarto día.

-Dende o cuarto día até o 20, o complemento será do 75% das retribucións.

-A partir do día 20 da IT, abonarase un complemento até acadar o 100% das retribucións.

O resto do texto presentado hoxe, explica Maricarme López Santamariña, como voceira da área pública da CIG, limítase a puntualizar e ampliar aspectos que xa estaban recollidos, pero non varían substancialmente o contido do anteproxecto.

Recorte dos servizos públicos

Durante a xuntanza da Comisión, a voceira da área pública da CIG denunciou que o contido do decreto mestura medidas con contido económico con outras que só perseguen introducir falsos debates na sociedade. En relación a esta cuestión, criticou o descrédito mediático que o Goberno do PP está a levar a cabo en contra do persoal do sector público galego, que o único que provoca “é o desprestixio da propia Xunta e os seus servizos”. Ademais, lamentou que con estas medidas se aposte por profundar na crise de emprego que vive Galiza, reducindo “aínda máis a achega á xeración de emprego que implica a existencia da Xunta e a prestación dos servizos que ofrece”.

En relación ao complemento das baixas, a representante da CIG, subliñou que, a pesar de que as organizacións sindicais levan anos demandando a vixilancia da saúde das empregadas e empregados do sector público, tal e como ordena a Lei de Prevención de Riscos, aínda queda moito traballo por realizar nesta materia por parte da Xunta.

Nova xornada de mobilizacións o xoves 16 de febreiro

Mentres no interior da EGAP tiña lugar a xuntanza, centos de traballadores e traballadoras realizaban unha nova concentración para amosar o seu rexeitamento a este paquete de medidas. López Santamariña recordou que as organizacións sindicais continúan adiante co calendario de mobilizacións para esixir a retirada do anteproxecto, que previsibelmente este xoves aprobará o Consello da Xunta. Coincidindo coa reunión dos membros do Goberno galego, as centrais sindicais teñen convocadas mobilizacións en todos os centros de traballo das distintas administracións e o vindeiro xoves, 23 de febreiro, realizaranse manifestacións nas sete cidades galegas. 

Consulta aquí os horarios e lugares das principais mobilizacións

Novo documento: Ligazón

Volver