A Xunta introduce na Lei de Emprego a regulación da limitación temporal para o profesorado interino

Para a CIG-Ensino é necesario que se reflicta na norma que o sistema docente de nomeamentos e cesamentos anuais evita esa acumulación de antigüidade de 3 anos

A CIG-Ensino presentou unha proposta alternativa para blindar que o profesorado interino non se vexa afectado polo pacto de CCOO, UGT e CSIF co goberno do Estado, que introduciu na reforma do Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) o límite de 3 anos para ocupar prazas na administración temporalmente.

A Dirección Xeral de Función Pública presentou na Mesa Xeral de empregados e empregadas públicas unha serie de modificacións da Lei 2/2015 de emprego de Galiza. Os cambios están, na súa meirande parte, vinculados coa transposición da normativa básica do Estado tras a modificación do Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) introducida pola Lei 20/2021 de redución da temporalidade.  

Entre os cambios máis preocupantes introducidos na lei estatal estaba a inclusión da limitación na contratación de persoal interino incorporada no acordo sindical de CCOO, UGT e CSIF co goberno español: non superar os tres anos e considerar nulo de pleno dereito calquera acordo ou pacto que puidese superar esa duración.

Así as cousas, a proposta da Xunta que se introduce na Lei 2/2015 incorpora unha serie de cambios que, desde o punto da vista da CIG-Ensino, camiñan na boa dirección mais son insuficientes.  

Prazas estruturais e non estruturais

O texto regula que haberá que diferenciar as prazas docentes entre estruturais e non estruturais, identificando xa no texto da lei cales, como mínimo, deben ser consideradas non estruturais.

Indica expresamente que a limitación temporal de tres anos fixada no acordo sindical estatal e no EBEP non é de aplicación nas prazas non estruturais e que as estruturais deben ser ofertadas en procesos selectivos no prazo de tres anos desde o primeiro nomeamento, tal e como se indica na normativa estatal para poder garantir que non se volva reproducir o abuso na temporalidade por non convocar en oferta pública de emprego todas as prazas que cumpran os requisitos (non estar ocupadas por profesorado con reserva de praza).

Tamén introduce unha referencia a que o prazo dos tres anos se reiniciará  no momento en que se remate un proceso selectivo para ese corpo e especialidade. Segundo a motivación da Consellaría de Educación a incorporación deste parágrafo permitiría que unha persoa interina que estivese tres cursos traballando en prazas estruturais, puidese seguir en listas e optando a unha interinidade igual que se estivese nunha praza non estrutural se nese prazo de tres anos se convocan oposición da súa especialidade.

Á falta de coñecer como se concretaría a aplicación deste cambio na lei á xestión das listas de persoal interino docente, o que a Consellaría afirma é que se busca que non haxa afectación pola limitación dos tres anos como duración máxima das interinidades no ámbito docente.
Para a CIG-Ensino non é suficiente con amosar esa dispoñibilidade e é preciso blindar no texto da lei calquera posibilidade de cesar a persoal interino polo tipo de praza que ocupa. A proposta da administración, nun sistema de adxudicación anual no que participan simultaneamente profesorado funcionario de carreira e en prácticas con persoal interino, podería provocar  cambios no perfil das prazas (diferenciando prazas vacantes das que non o son como fai a Xunta con carácter xeral nos ámbitos non docentes) cos que a CIG-Ensino se mostra totalmente en contra.

A CIG-Ensino considera mellorábel a proposta e propón que na Lei figure expresamente que todas as prazas docentes quedan fóra da limitación da Lei estatal.
A CIG-Ensino propuxo na Mesa Xeral o seguinte:
  • Que non se introduza na Lei 2/2015 ningunha limitación na definición das prazas non estruturais e que estas se aproben con normativa propia da Consellaría de Educación, previa negociación na Mesa Sectorial. Coa redacción que figura na proposta (inclúen as reducións de todos os cargos directivos) as prazas estruturais reduciríanse, limitando as ofertas de emprego. Como exemplo moi claro temos que, se esta norma estivese aprobada antes de negociar na Mesa Sectorial as prazas do concurso excepcional de estabilización da lei 21/2022, a oferta de prazas sería moito menor, algo que conseguimos evitar para este proceso en marcha.
  • Que se indique expresamente que todas as prazas, estruturais ou non estruturais, quedan fóra da aplicación da limitación temporal na contratación do persoal interino docente, acolléndose ao artigo 23.4 da propia Lei 2/2015 de emprego público de Galiza que regula que todos os nomeamentos de persoal docente interino serán por curso académico.
  • Demandamos que se teñan en conta outras excepcionalidades a maiores da referencia xeral que aparece no texto proposto: profesorado que imparte docencia en todas as especialidades nas que non se poden convocar oposicións (orientación, prácticas e actividades, etc..), as de profesorado especialista de FP ou das propias necesidades extraordinarias que un servizo público como o educativo poden precisar.
  • Que se queda claro que ningunha persoa interina docente se verá afectada pola limitación dos tres anos (ben sexa pola interpretación que a propia Consellaría fai da redacción proposta ou, preferibelmente, pola incorporación da nosa proposta alternativa) non se peche a posibilidade de que se poida negociar un acordo de estabilidade que, partindo do sistema actual de listas, dea resposta a aquel profesorado interino que, cumprindo cunha serie de requisitos de antigüidade ou idade que se terían que negociar na Mesa Sectorial, puidese perder a interinidade nos próximos anos.

A CIG-Ensino é consciente das limitacións introducidas polo acordo sindical estatal para poder superar a situación actual de falta de compromiso da administración para buscar alternativas a aquelas persoas que perden o seu traballo despois de moitos anos de experiencia. Malia todo, nin deixamos nin deixaremos de poñer enriba da mesa alternativas, que consideramos que teñen amparo legal, para evitar desaproveitar esa experiencia docente mentres se arroxa ao desemprego a quen durante anos traballaron na temporalidade forzada polas taxas de reposición e os recortes nas ofertas de emprego ou para quen accedeu precariamente a facer substitucións nos últimos anos e ve agora truncada a posibilidade de ter maior estabilidade laboral polos recortes de profesorado.

Nova disposición adicional décimo sétima na Lei 2/2015 de emprego público de Galiza:

Disposición adicional décimo sétima. Medidas especiais no ámbito do persoal docente da consellería competente en materia de educación. 

1. A consellería competente en materia de educación regulará a determinación das prazas non estruturais do persoal docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, entre as que se encontrarán as necesidades de profesorado derivadas dunha comisión de servizos do seu titular, do goce dun permiso sindical a tempo completo, das situacións administrativas de servizos especiais, excedencias con reserva de praza, da redución horaria das persoas que forman parte dos equipos directivos, as que non estean previstas na planificación educativa e outras análogas.

A limitación temporal de tres anos establecida no artigo 10.1.a) do Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público non será de aplicación aos nomeamentos en prazas non estruturais. 

2. Para aquelas prazas estruturais correspondentes a un corpo e especialidade, o dito prazo reiniciarase no momento en que se remate un proceso selectivo para ese corpo e especialidade, entendo como tal a publicación no DOG das persoas que superaron a fase de concurso-oposición e o seu nomeamento como funcionarios en prácticas. 

As prazas estruturais vacantes desempeñadas por persoal funcionario interino docente deberán ser obxecto de cobertura mediante calquera dos mecanismos de provisión ou mobilidade previstos na lexislación vixente no prazo de tres anos a computar desde o primeiro nomeamento. Transcorrido ese período, a vacante deberá ser ocupada prioritariamente por persoal funcionario de carreira ou por persoal funcionario en prácticas ou, excepcionalmente, por persoal funcionario interino.

 

 

 

Volver