A Xunta elude citar a normativa relativa á non segregación de alumnado por xénero na convocatoria de concertos educativos

A CIG-Ensino alerta da posíbel intención da Consellaría de renovar os concertos aos centros ultra ortodoxos do Opus Dei e demandará calquera vulneración da legalidade vixente

O sindicato denuncia un novo incremento do 4,5% logo de ter aumentado a partida nun 17,5% nos últimos seis anos.

A publicación no DOG do pasado venres 20 de xaneiro da orde pola que se ditan normas para a aplicación do réxime de concertos para os próximos anos evita facer referencia expresa ao articulado da LOE (incorporado tras a reforma da LOMLOE) no que se regula especificamente que os centros sostidos total ou parcialmente con fondos públicos desenvolverán o principio de coeducación en todas as etapas educativas e non separarán o alumnado polo seu xénero.

A orde que regulaba os concertos publicada no ano 2009, nunha Xunta gobernada naquela altura polo bipartito PSOE-BNG, e baixo unha normativa (o texto orixinal da LOE) que regulaba dun xeito similar a non segregación do alumnado, si recollía unha mención directa á Disposición Adicional 25ª da LOE nos criterios para a concesión de concertos educativos:

“…serán obxecto de atención preferente e prioritaria os centros que, cumprindo os criterios anteriormente sinalados, estean constituídos e funcionen en réxime de cooperativa, así como os que desenvolvan o principio de coeducación en todas as etapas educativas, sen prexuízo do disposto nos convenios internacionais subscritos por España e en virtude da disposición adicional vixésimo quinta da LOE”.

A redacción actual tras a reforma da LOMLOE do apartado primeiro desa Disposición Adicional 25ª é a seguinte:

1. Co fin de favorecer a igualdade de dereitos e oportunidades e fomentar a igualdade efectiva entre homes e mulleres, os centros sostidos parcial ou totalmente con fondos públicos desenvolverán o principio de coeducación en todas as etapas educativas, de conformidade co disposto pola Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, e non separarán o alumnado polo seu xénero.

Así, no artigo 6 da orde agora publicada no DOG, que recolle os criterios para a subscrición ou renovación do concerto educativo, elúdese esta referencia e limítase a indicar que “para a renovación dos concertos terase en conta que se sigan cumprindo os requisitos que determinaron a súa aprobación”. Con esta redacción a Xunta dirixida polo PP podería pretender que centros que mantiveron o seu concerto grazas á blindaxe que lles garantiu a LOMCE puidesen seguir agora recibindo fondos públicos malia a nova redacción da LOMLOE.

A CIG-Ensino considera como totalmente intencionada a omisión desta referencia e alerta sobre a posibilidade de que a administración educativa, levada polas súas ataduras e prexuízos ideolóxicos, busque condicionar o resultado da concesión dos concertos e advirte aos cargos públicos directamente relacionados coa toma de decisións sobre a renovación ou denegación dos concertos das posíbeis consecuencias xudiciais no caso de tomaren decisións sabendo da súa ilegalidade. 

O sindicato, como fixo con anterioridade, recorrerá perante os tribunais de xustiza a concesión de concertos aos centros que segregan o seu alumnado por xénero. No caso de Galiza son cinco os centros que se “salvaron” da execución da sentenza gañada pola CIG-Ensino perante o Tribunal Supremo tras a publicación poucos meses despois da LOMCE, todos eles vinculados ao Opus Dei: Peñarredonda, Montespino na Coruña, Acacias e Montecastelo  en Vigo e Aloya tamén en Vigo (esta última centrada na FP e cos seus ciclos formativos de grao superior concertados).

As partidas para os concertos educativos en comparación cos últimos anos 

CONCERTOS EDUCATIVOS

ANUAL ORDE 2017

ANUAL ORZAMENTOS 2022

ANUAL ORDE 2023

EDUCACIÓN INFANTIL

€‎  38,5

€‎         43,8

€‎  45,1

EDUCACIÓN PRIMARIA E ESO

€‎  191,0

€‎          218,8

€‎  226,5

EDUCACIÓN ESPECIAL

€‎  12,0

€‎          16,9

€‎  18,4

FORMACIÓN PROFESIONAL

€‎  16,9

€‎         24,1

€‎  27,2

TOTAL

€‎                        258,4

€‎                        303,6

€‎                        317,2

DATOS EN MILLÓNS DE EUROS

As partidas destinadas ao mantemento da rede de centros concertados soben unha media do 4,5%ao respecto do exercicio do ano 2022, logo de que as contías subiran nada menos que un 17,5% ao longo dos seis anos anteriores (2017-2022), período de duración dos concertos que se renovan coa orde agora publicada.

Os incrementos teñen unha especial incidencia na FP e na Educación Especial. Así como neste último caso a carencia da oferta da rede pública, na que non se apostou por aumentala desde hai décadas, está detrás do necesario recurso ao financiamento da oferta privada para manter unha atención á diversidade que non se garante con medios propios da Xunta, recaendo este esforzo maioritariamente nas familias, no caso da FP implica seguir financiando ensinanzas que non forman parte da educación obrigatoria e que deberían ser asumidas cunha maior oferta pública e a eliminación destes concertos. Neste sentido, cobra especial relevancia a negativa da Xunta a permitir unha maior oferta de ciclos medios e superiores de FP nos mesmos ámbitos nos que a empresa privada pode ampliala como desexe, fomentando unha privatización (con ou sen concerto) dunha etapa educativa cunha crecente demanda social e laboral.

A Xunta opta por manter a duración dos concertos na ESO coa normativa da LOMCE

Outra das mostras da defensa pechada que fai o PP galego da LOMCE e da extensión de vantaxes para o réxime de concertos educativos está no mantemento da duración mínima destes fondos para a ESO. Con anterioridade a Lei impulsada polo goberno de Rajoy no 2013, a concesión dos concertos en Galiza acomodábase á duración ordinario das etapas educativas (6 anos en Primaria e 4 anos na ESO). A LOMCE estendeu ambos a 6 anos e a LOMLOE limitouse a indicar que a duración mínima sería de 6 anos en Primaria e de 4 no resto dos casos.

A Xunta, no canto de regular a duración dos concertos da ESO e dos ciclos de FP nese mínimo de 4 anos, decide manter a duración como se regulou nestas últimas convocatorias post LOMCE, con 6 anos en todos os casos. A CIG-Ensino, con independencia da posición sindical contraria aos concertos e a prol de cambios lexislativos que promovan a expansión da rede pública para abandonar o posto como estado con maior nivel de subvencións ás empresas privada na Unión Europea, considera que a duración destes debe limitarse á duración dos estudos de cada etapa educativa, supeditando a oferta á cobertura de prazas nos centros públicos. 

CIG-Informa Xunta pretende manter concertos centros segregadores xénero

Documento


Volver