A Xunta devece por desmantelar e privatizar os servizos que até o de agora prestaba o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade

Manifestación 25 de abril na defensa dos servizos públicos

A CIG denuncia que o Partido Popular, co pretexto de aplicar unha política de austeridade no gasto e de reducir unha administración paralela, vai aproveitar para seguir desmantelando e privatizando a rede de servizos que até o de agora viña prestando un ente público como o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Servizos que son esenciais para os sectores sociais máis desfavorecidos, que son precisamente os seus principais usuarios. A CIG exixe, ademais, que Núñez Feijoo explique en que se vai materializar a “refundición e reformulación” deste ente público, como se van prestar eses servizos e que vai ocorrer cos seus traballadores e traballadoras.
A CIG-Ensino considera que é un “despropósito” alcumar de administración paralela a un ente público que presta servizos esenciais á poboación

A Xunta devece por desmantelar e privatizar os servizos que até o de agora prestaba o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade

A CIG denuncia que o Partido Popular, co pretexto de aplicar unha política de austeridade no gasto e de reducir unha administración paralela, vai aproveitar para seguir desmantelando e privatizando a rede de servizos que até o de agora viña prestando un ente público como o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Servizos que son esenciais para os sectores sociais máis desfavorecidos, que son precisamente os seus principais usuarios. A CIG exixe, ademais, que Núñez Feijoo explique en que se vai materializar a “refundición e reformulación” deste ente público, como se van prestar eses servizos e que vai ocorrer cos seus traballadores e traballadoras.

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar é un ente público do que depende toda unha rede de equipamentos, creada coa cooperación efectiva das diferentes institucións (o 49% son concellos e o restante a administración autonómica), entre outros, 85 galescolas, cun total de 631 traballadores/as; 37 Centros de Día, con 290 traballadores/as; 19 oficinas de I+B, con 108 traballadores/as; 7 centros Quérote, con 17 traballadores/as; 2 centros de emerxencia de mulleres vítimas de violencia de xénero, con 9 traballadores/as e só 55 traballadores/as dependentes dos organismos de xestión (servizos centrais). Servizos que prestaban estes 1.230 traballadores/as a 120 concellos e que foron postos en cuestión polo PP desde o principio da lexislatura, recorrendo ás máis viles artimañas: desde o desprestixio destes profesionais até o cuestionamento da utilidade dos propios servizos.

A CIG lembra que antes da existencia do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar, Galiza estaba á cola do estado en materia de servizos sociais e das prestacións que recibían os colectivos máis desfavorecidos da nosa sociedade. Hoxe, grazas á creación desta rede pública, atopámonos dentro dos índices máis elevados de atención.

Porén, seguindo na súa liña de privatización, desmantelamento e supresión de servizos públicos, agora o Partido Popular anuncia, a través do Consello da Xunta, a súa intención de apostar pola “refundición e reformulación” do Consorcio, xustificando esta decisión nunha suposta política de “austeridade” e de busca da “eficiencia na súa estrutura organizativa”.

Para a CIG, estas afirmación non son máis que unha nova mostra da hipocrisía do PP, que tiña decidido, desde que chegou á Xunta de Galiza, non só desmantelar o Consorcio senón pór en mans da empresa privada eses servizos. Proba destas políticas foi a supresión das oficinas de I+B, despois a privatización dos Centros de Día e agora o anuncio de que o vai refundir ou reformular.

A CIG alerta do perigo de que moitos destes servizos, destinados única e exclusivamente á cobertura das necesidades básicas da cidadanía, desapareza e que a poboación que vive fóra das cidades non teña acceso a estes recursos, o que dificultará en grande medida a súa calidade de vida. Ademais advirte de que se volven ser xestionados por entidades privadas resultará máis caro e empeorará o servizo.

Desde a CIG, recordamos que a administración teranos en fronte sempre que pretenda recortar servizos ou dereitos laborais, polo que exiximos da administración o mantemento do carácter público do Consorcio así como a volta á mesa de negociacións de cara á sinatura do Convenio do persoal do Consorcio. Ou é que, a Consellaría pretende aforrarse o trámite da sinatura do convenio, liquidando antes o Consorcio e o seu persoal?

Por todo o anteriormente descrito, a CIG anima, agora máis que nunca, a todas as traballadoras e traballadores do Consorcio a manifestarse o domingo 25 de abril na defensa dos servizos públicos.

"É o colmo da demagoxia que lle chamen “chiringuito” ao Consorcio que é produto de unir dúas administracións públicas que teñen competencias na mesma área, os servizos sociais, e se use iso como argumento para desmantelalo transferindo esta xestión a empresas privadas."

"Núñez Feixoo, quen fala que vai rematar cos “chiringuitos” foi o inventor das fundacións sanitarias hai 20 anos, un modelo privatizador que rematou nun fiasco."

Volver