A Xunta decide que todas as persoas coa 1ª dose de AstraZeneca teñan que asinar o consentimento informado
A decisión do goberno galego afecta tamén a quen decida vacinarse con Pfizer
Na reunión coas Consellarías de Educación e Sanidade convocada con carácter de urxencia no día de hoxe, 27 de maio, trasladóusenos que a administración da 2ª dose para o persoal dos centros educativos comezará en breve seguindo a pauta das 16 semanas de tempo ao respecto da 1ª dose. En función das cantidades de AstraZeneca que cheguen Sanidade podería adiantar a vacinación ou mesmo retrasala. A directora xeral de Saúde Pública afirmou que hai estudos que consideran correcta a vacinación en 18 semanas. En todo caso, a referencia que todo o mundo debe ter presente é a das 16 semanas desde o día que se vacinou.
A CIG-Ensino reitera a súa queixa pola decisión de que se lle traslade ao persoal dos centros educativos a responsabilidade sobre que vacina elixir. Esta é unha responsabilidade única das administracións e, polo tanto, estamos en total desacordo coa sinatura dun consentimento informado que, tal e como quedou claro na reunión será obrigatorio.
Cada persoas recibirá un SMS con ligazóns a dous consentimentos informados (un por cada marca). Poderá descargalo e, unha vez impreso, asinalo e levalo cando se vacine. Dado o estudo previo que veñen de facer, do que se conclúe que o 95% das persoas consultadas optan pola AstraZeneca están pensando en enviar só a ligazón a este consentimento e que se alguén opta pola Pfizer o asine no momento. En todo caso, non será obrigatorio levar o documento asinado xa que haberá exemplares no propio local de vacinación.
Pedimos que se nos informe sobre que se vai facer con colectivos polos que nos preocupamos xa con anterioridade, ben porque quedaron descolgados da campaña (persoal non docente dependente de concellos, atención á diversidade, alumnado en prácticas en centros educativos e sociosanitarios) ou porque en ningún momento se incluíron nos colectivos esenciais malia estar nas mesmas condicións (persoal das universidades).
Tamén facemos mención a auxiliares de conversa que recibiron a 1ª dose e que van marchar para os seus países de orixe con carácter case inmediato, cos problemas que terán para poder rematar coa vacinación. Se polo prazo de tempo entre ambas doses (12 semanas) é posíbel que se lles administre canto antes, solicitamos que así se faga. De non ser posíbel solicitamos que se lles expida un certificado que vaia tamén no idioma do seu país de procedencia. Calquera opción tería que ser canto antes polo remate dos contratos.
Vacinación e oposicións
- Preocúpanos especialmente a posíbel coincidencia da vacinación coa 2ª dose no caso do persoal interino e tamén de integrantes dos tribunais. Sendo conscientes da complexidade que implica, instamos a Saúde Pública, sempre e cando os prazos das 12-16 semanas coincidan (no caso de recibir a segunda dose de AstraZeneca) para que a inoculación non coincida coas semanas das oposicións. Se non for posíbel, por cuestións loxísticas ou de prazos da 2ª dose, Sanidade debe ser flexíbel non só co horario dentro do mesmo día senón con poder vacinarse uns días despois.
- Instamos á Consellaría a que revise os casos de profesorado que forma parte dos tribunais e que aínda non foi vacinado. Seguramente falamos de moi poucos casos mais a administración debe garantir a vacinación de todos os integrantes á maior brevidade posíbel.
INFORMACIÓN DE EDUCACIÓN
Veñen de remitir un correo-e ás direccións para que se lle envíe nestes próximos días unha nova actualización de incidencias con persoal que non se vacinou. Indican que todas as persoas afectadas se poñan en contacto coas direccións para que non quede ninguén sen vacinar.INFORMACIÓN DE SAÚDE PÚBLICA
- Persoal de baixa médica. Están estudando a posibilidade de cambiar o criterio, tal e como lle solicitamos desde o comezo da vacinación, para poder vacinar a quen estea en IT porque detectan agora a incidencia de que tampouco están sendo convocados polo seu grupo de idade. En breve, o comité clínico tomará unha decisión.
- Persoal interino e aspirantes nas oposicións. Comprométense, tal e como pedimos desde a CIG-Ensino, a ampliar a flexibilidade e se unha persoa non se pode vacinar porque lle coincide co día do exame terá que indicalo como incidencia ao SERGAS e será chamada uns días despois. Neste caso desde a CIG aconsellamos a todas as persoas afectadas que soliciten un xustificante ao tribunal por se fose necesario.
- Integrantes de tribunais sen vacinar. Advertimos que hai algúns caso e dinnos que se comuniquen a Educación polo sistema habitual (a través das direccións).
- Certificación da vacinación. Faise a través de ESaúde (SERGAS). De momento non foron quen de solucionar o problema coa profesorado de MUFACE alleo ao SERGAS. En todo caso é preciso acceder con Chave-365 ou certificado dixital para poder descargar o certificado polo que é importante que se teña ou actualice.
- Prazo de 2ª dose para maiores de 60 anos con AstraZeneca. Será de 12 semanas e non de 16 e non terán que asinar o consentimento informado xa que a pauta “ordinaria” autorizada.
- Auxiliares de conversa. Aseguran que van poder obter certificación aínda que non queda claro como xa que aínda que estas persoas teñen seguro médico non sabemos se teñen acceso a E-Saúde.
- Persoal non docente de concellos. Saben que hai incidencias (a CIG trasladou o exemplo do Concello da Coruña). Indican que se lle remitan de novo as listaxes a Educación.
- Persoal das universidades. Dinnos que non os van vacinar como colectivo esencial porque así se decidiu na Comisión Interterritorial e están indo polo sistema de vacinación xeral por grupo de idade.
- Persoal de centros de atención á diversidade. Algúns dos casos que lle remitimos xa están solucionados e outros están en vías. Aseguran que os datos dependen da Consellaría de Política Social.
- Alumnado en prácticas nos centros educativos. Non nos deu ningunha resposta sobre este alumnado malia que levamos insistindo desde o comezo da vacinación.
- Alumnado de FP en centros sociosanitarios. Non o solucionaron aínda. Saúde Pública pediulle na reunión a Educación que lle remitise de novo as listaxes e recoñeceu que é importante vacinar a este estudantado.