A Xunta de Galiza segue a discriminar a unha parte do profesorado universitario nos complementos autonómicos

Unha nova sentenza xudicial denega o cobro dos complementos autonómicos ao profesorado colaborador

A Xunta de Galiza, a través da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galiza (ACSUG), mantén a súa postura firme en contra dos dereitos laborais dunha parte moi representativa do profesorado universitario. Así, non modificou os requisitos do Decreto 55/2004 que contraveñen, ao entender da CIG-Ensino, o establecido na directiva 1999/70/CE e na xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da UE e da xurisdición contencioso-administrativa.

Unha sentenza do xulgado contencioso administrativo nº 1 de Lugo vén de denegar este dereito a un profesor colaborador da USC. CIG-Ensino lamenta a sentenza xudicial, a todas luces inxusta,  e na que se nega o complemento salarial de recoñecemento do labor docente ao profesorado universitario colaborador, nunha liña de actuación coherente coa discriminación manifesta que sofren todas as figuras de PDI non funcionario nin contratado doutor. Así, ao profesorado colaborador súmanse  axudantes doutores, interinos e asociados, todos prexudicados e inxustamente tratados por decisións locais que van en contra da xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, en aplicación da cláusula 4.1 da Directiva 1999/70/CE que prohibe o tratamento diferenciado nas condicións de traballo a persoas que teñan un contrato de duración determinado, a menos que se xustifique por razóns obxectivas, que para a CIG-Ensino non se dan toda vez que todas esas figuras de contratación realizan as mesmas funcións docentes e investigadoras.

A propia CIG-Ensino, en coherencia coa normativa europea, ten exercido recursos contra as denegacións sistemáticas dos complementos autonómicos a todas as figuras de PDI citadas con anterioridade, alén de reivindicar nas mesas de negociación da propia universidade galega o recoñecemento e extensión deste dereito a todo o profesorado sen excepción. Nun sistema universitario de excelencia, moderno e democrático, non ten encaixe nin xustificación a negación de dereitos laborais a unha porcentaxe moi considerable do profesorado que cómpre con todas as esixencias e requisitos de calidade impostos pola propia ACSUG. Urxe, polo tanto, que a Xunta de Galiza realice unha revisión do Decreto 55/2004 para darlle fin ás penalizacións económicas que sofre o profesorado universitario galego. A Xunta de Galiza non pode continuar cunha interpretación restritiva dos dereitos que lle corresponden ao profesorado que desempeña o mesmo traballo. Desde o sindicato reclamamos ás tres universidades galegas que fagan unha fronte común para reclamarlle ao goberno galego que poña fin a esta discriminación.

CIG

A CIG-Ensino seguirá traballando pola equiparación salarial e de dereitos económicos e laborais do persoal laboral temporal, con independencia da súa modalidade de contratación, tomando as medidas necesarias para evitar as discriminacións retributivas do PDI.

 

Volver