A Xunta de Galiza recorta en máis de 7 millóns de euros o Fondo de Acción Social para o seu persoal

A CIG rexeitou rotundamente a proposta e esixiu a súa retirada

A Xunta presentou hoxe, 20 de abril, na Mesa de negociación os criterios de reparto do Fondo de Acción Social 2011, unha proposta que supón un recorte de 7.136.392€ sobre o documento negociado e pactado entre os sindicatos con representación na Mesa Xeral e a propia Xunta en decembro de 2011. A CIG rexeitou rotundamente a proposta da Xunta e esixiu a retirada da Lei 1/2012 de recortes nos dereitos do persoal da administración autonómica. Todas as organizacións sindicais con representación nesta Mesa negáronse a entrar a negociar a proposta da administración e abandonaron a Mesa

 O recorte brutal de máis de 7 millóns de euros forma parte das medidas impostas polo goberno Feijoo para recortar os dereitos das empregadas e empregados públicos da Xunta de Galiza nos últimos meses e que se recolleron na Lei 1/2012 de medidas temporais en determinadas materias do emprego público. Esta partida orzamentaria que agora se lle nega ao persoal ao servizo da administración pública galega forma parte da masa salarial global deste persoal, redistribuída con criterios de acción social por diferentes motivos: fillos menores, estudos de fillos e propios do persoal público, gratificación de xubilación, axuda por adquisición de vivenda, gastos sanitarios, etc. Polo tanto, estase a facer un recorte salarial indirecto aos empregados públicos, incidindo dun xeito especial naquel persoal con salarios máis baixos que obxectivamente máis precisaban este tipo de beneficios extraídos da partida orzamentaria destinada a salarios.  

Esta medida antisocial do goberno Feijoo supón liquidar unilateralmente non só o acordo acadado para este ano 2012, senón tamén romper o consenso obtido no ano 2009 de chegarmos no ano 2014 ao 1% da masa salarial destinada ao Fondo de Acción Social. Ese acordo supoñía o incremento de 4 millóns de euros entre o 2009 e o 2014 e comezouse a aplicar o ano pasado cun incremento de 1 millóns de euros, concentrados na axuda á discapacidade (que agora se conxela en cifras absolutas mais se reduce nas axudas individuais) e nas axudas por estudos de fillos. 

 As axudas para a atención á discapacidade redúcense até un 23% 

 Sobre as contías do ano pasado, as axudas que poden percibir os traballadores e traballadoras da Xunta por familiares até o 1º grao de consanguinidade vense reducidas, xa que se impón un recorte, por parte da Xunta, en todos os casos. Os recortes nas axudas para familiares discapacitados son maiores para as rendas máis baixas. No caso de rendas familiares per cápita de até 6000, a Xunta rebaixa a axuda en 640 (de 2800 a 2160) para familiares con discapacidade igual ou superior ao 75%. Falamos, polo tanto, dun recorte que chega ao 23%. Tamén no caso de rendas persoais anuais de 6000 e con discapacidades entre o 33 o a 64%, a axuda redúcese en  440 (de 2000 a 1560), o que supón unha redución do 22%. Para as rendas máis altas (superiores a 13000 per cápita), os recortes van dos 280 aos 456 (con recortes porcentuais tamén superiores ao 20%) 

 Por todo isto, a CIG opúxose a este ataque ás empregadas e empregados públicos, por parte do goberno Feijoo, e solicitou que a Xunta mude radicalmente a súa política social e laboral, derrogando a Lei 1/2012 de recortes para o persoal da Xunta.  

 

Volver