A Xunta crea un centro de innovación de FP para deixalo nas mans de Baltar

O novo centro mostra unha estrutura de xestión con total falta de transparencia e ausencia de control por parte dos centros e do profesorado de FP, a quen se di estar dirixido.

A Xunta vaille pagar a Baltar polo investimento feito polo ente provincial con 3 postos no futuro consello executivo do futuro CGIFP, convertendo así á Deputación na administración con maior representación e deixando deste xeito nas súas mans o futuro dun centro de innovación de FP a “nivel galego” no que a CIG-Ensino exixe que o organismo provincial teña un papel minoritario.

En todo o que envolve este proxecto dun novo centro de innovación de FP chama a atención o camiño andado pola Xunta desde que no ano 2018 pretendese montar en Vigo un “Campus de FP” no que estaba disposta a investir 7,1 millóns de euros, sempre que encontrase alguén (Zona Franca de Vigo) que puxese os 5,5 millóns restantes. Logo do rexeitamento do Consorcio vigués a Xunta atopou “curiosamente” quen puxese os 5 millóns de euros (a deputación de Ourense) mais o financiamento do goberno galego baixou até os 3,4M€ de Educación e 1,5M€ de Economía. Iso si, o proxecto non se parece en nada ao inicialmente previsto.

O que agora se nos vende como un centro de referencia da FP a nivel galego se presenta por parte de Baltar desde a perspectiva provincial, afirmando que o centro vai ser “un gran revulsivo para a capacitación profesional na provincia de Ourense”. De momento, e de maneira inaudita, Educación cede tres postos no consello executivo do centro, sendo a provincial a administración con maior representación (por 2 altos cargos de Educación e 1 de Economía). Tendo en conta o funcionamento caciquil da Deputación de Ourense, todas as dúbidas, cautelas e desconfianzas sobre un centro no que o principal financiador tamén é que máis postos ten na dirección executiva son poucas.

A Consellaría de Educación debe aclararse: ou estamos diante dun Centro propio no que, por tanto, a representación nos órganos de dirección debe estar conformada por persoal e cargos propios da Consellaría de Educación ou estamos nun xoguete nas mans de Baltar. Desde a CIG-Ensino entendemos que a representación da Deputación debe ser minoritaria, xa que non é unha administración con competencias educativas.

A Consellaría retira a representación sindical do consello executivo para que só  queden nel cargos políticos e de confianza.

No borrador presentado na Mesa Sectorial estaba prevista a participación no consello executivo de até tres vogais en representación dos “axentes económicos e sociais por proposta do consello executivo”. A CIG-Ensino cuestionou esta indefinición no número de representantes e criticou duramente que figurase que fosen nomeados a proposta do consello executivo, algo absolutamente inaceptábel xa que o nomeamento da representación dos sindicatos e da patronal só lle pode corresponder libremente ás propias organizacións, como acontece en todos os demais órganos de representación (consellos sociais dos CIFP ou Consello Galego de FP). Sorprendentemente a reacción da Consellaría logo da nosa crítica foi anunciar que retiraba do documento esta referencia, polo que o carácter de “couto pechado" do novo centro gaña máis forza, ao pasar a estar conformado unicamente por cargos políticos e de máxima confianza.

A CIG-Ensino mostrou o rexeitamento total a este procedemento, que abonda na falta de transparencia e no escape ao control por parte do profesorado, dos centros de e das organizacións sindicais. Neste sentido, estamos en desacordo co nomeamento da dirección por libre designación e defendemos que este posto se cubra mediante un concurso de méritos no que prime realmente a experiencia vinculada ao cometido que se agarda nun centro destas características e non pola afinidade política ou persoal cos altos cargos da Consellaría e/ou a Deputación de Ourense.

Malia a ser requirido pola CIG-Ensino, o secretario xeral de Educación non proporcionou ningún tipo de información sobre o impacto económico e en postos de traballo que vai implicar este centro e con canto persoal asesor vai ser dotado.

Tampouco deu resposta a como van priorizar os servizos que poida prestar o centro no caso de que coincidan demandas de empresa e centros de FP ou sobre cal vai ser a capacidade de contratación que se lle dá á persoa que ocupe a dirección neste centro.

Volver