A Xunta avanza as prazas da oferta de emprego no ensino público sen negociación previa
Se en outubro o conselleiro de Educación pechou toda posibilidade de negociación ao anunciar as especialidades nas que se convocarían oposicións, agora Feijoó zanxa a cuestión fixando o número de prazas a convocar.
Negociar. Un verbo practicamente imposíbel de conxugar para quen entende a administración pública como unha finca particular. Coa soberbia e a altivez á que nos teñen acostumados, os responsábeis da Xunta presentaron hoxe, após o Consello da Xunta, as cifras globais por corpos docentes das prazas que están dispostos a convocar nas oposicións deste ano.
As especialidades nas que se dividirán estas prazas son as mesmas xa anunciadas no mes de outubro:
• Mestres. 574
Educación Infantil, Inglés, Francés, Educación Física, Música, Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e Educación Primaria.
• Profesorado de Secundaria. 1050
Lingua castelá e Literatura, Xeografía e Historia, Matemáticas, Física e Química, Bioloxía e Xeoloxía, Inglés, Orientación Educativa, Tecnoloxía, Lingua galega e Literatura, Intervención sociocomunitaria, Organización e xestión comercial, Organización e proxectos de sistemas enerxéticos, Procesos diagnósticos clínicos e produtos ortoprotésicos, Procesos Sanitarios e Sistemas electrotécnicos e automáticos.
• Profesorado Técnico de Formación Profesional. 160
Estética, Instalacións e mantemento de equipos térmicos e de fluídos, Operacións de produción agraria, Procedementos de diagnóstico clínico e ortoprotésico, Procedementos sanitarios e asistencias, Procesos comerciais e Servizos de restauración.
•Catedráticos/as de música e artes escénicas. 105
•Profesorado de EOI.
Prazas para facilitar o paso de funcionarios de secundaria ao corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas. (Non se mencionou a especialidade; en outubro falouse exclusivamente de Inglés)
As cifras que proporciona a Xunta, á espera da concreción dos números por especialidades, non parten dun estudo previo compartido coas organizacións sindicais, nin tan sequera con aquelas que lle deron o seu aval hai poucos meses asinando un esperpéntico acordo tanto no Estado como en Galiza e ás que agora desprezan novamente. Un desprezo que é extensíbel a todo o profesorado, que ve de novo como se prescinde dun contraste previo coa súa representación sindical á hora de tomar decisións que poden ter unha importante incidencia no profesorado interino. Dado que os gobernos do PP non quixeron chegar a un verdadeiro acordo de estabilidade, este colectivo pode ser vítima novamente do esquecemento de quen pensa só friamente nas cifras do profesorado e non naquelas persoas que veñen traballando no ensino público durante anos e ven perigar agora o seu posto de traballo.
A CIG-Ensino apela de novo á responsabilidade das organizacións sindicais que arrouparon estas OPE para que dean un paso adiante e denuncien o Acordo asinado, desvinculándose del e esixindo, como fixo a CIG na Mesa do MECD e no Consello Escolar do Estado, un pacto de estabilidade para o persoal interino, especialmente para quen leva xa un longa traxectoria de servizos prestados e para aquelas persoas maiores de 55 anos. Á vez deberían esixir a eliminación da taxa de reposición, para que desde Galiza se poidan ordenar as OPE dos próximos anos tendo en conta as necesidades do sistema educativo galego e non os prazos e os intereses do PP en Madrid.